“Galicia ten unha base xenética pequena de piñeiro radiata, a prioridade é aumentala”

Fernando Droppelmann, director da Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile, acaba de realizar unha segunda visita técnica a Galicia para asesorar á Fundación Arume na obtención de planta de calidade de coníferas

“Galicia ten unha base xenética pequena de piñeiro radiata, a prioridade é aumentala”

Fernando Droppelmann (izquierda), ante un campo de pies madre de pino radiata, en el vivero de Tragsa en Maceda (Ourense).

O piñeiro radiata, con gran peso na provincia de Lugo, aglutina aproximadamente a metade das curtas galegas de coníferas. A outra metade corresponde ao piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e máis anecdóticas son outras especies, como o piñeiro silvestre, limitado á alta montaña. A mellora xenética de coníferas centrouse en Galicia na última década no piñeiro do país, aínda que desde 2022 a Fundación Arume está a desenvolver un plan para a mellora do radiata.

Con ese fin, a Fundación Arume aliouse cun dos países punteiros a nivel internacional na mellora xenética do radiata, Chile. O director da Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile, Fernando Droppelmann, cursou en novembro unha segunda visita técnica a Galicia para asesorar ao proceso galego. Falamos con el durante a súa visita para coñecer a súa visión da situación en Galicia.

– Nunha xornada sobre planta mellorada de coníferas que se desenvolveu en Maceda (Ourense), calculou que Chile lévalle unhas tres décadas de vantaxe a Galicia na mellora xenética do piñeiro radiata. Explíquenos o traballo que desenvolveron no seu país.
– Chile iniciou no 1976 a mellora xenética do piñeiro radiata por medio da Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile. Son 48 anos desta cooperativa, que naceu a iniciativa da Universidade Austral de Chile, por medio do profesor Roberto Delmastro, tras unha estancia súa na Universidade de Carolina do Norte (Estados Unidos).

A Cooperativa de mejoramiento genético implicou á Corporación Nacional Forestal -unha entidade pública-, e a empresas privadas das distintas zonas do país. O obxectivo principal situouse en lograr material mellorado a curto, medio e longo prazo.

Á altura de 1984 – 1985 xa tiñamos horto sementeiros clonais de piñeiro radiata, implantados a partir do que denominamos ‘árbores plus’, de excepcional calidade. Son árbores que se buscaron e se identificaron en monte polos seus crecementos e características fenotípicas (rectitude, ramosidade etc.).

O obxectivo último da mellora xenética é o de xerar bosques de maior valor

Para seleccionar unha árbore plus, buscábase a mellor de entre 80.000 – 100.000 árbores. De 80 hectáreas percorridas en monte, podía saír unha árbore plus. Esas árbores enxertábanse e colocábanse en parcelas, de forma que as árbores así plantadas eran copias vexetativas das árbores plus.

En paralelo, desenvolvéronse ensaios de proxenie, tanto de polinización aberta, como de polinización controlada, aplicando moitas combinacións de selección de ambos os proxenitores.

Todos estes ensaios permitiron elaborar unha clasificación xenética para coñecer as combinacións xenéticas de máis nivel, por volume e rectitude da árbore, e por propiedades da súa madeira.

O obxectivo último situábase en xerar bosques de maior valor. A partir de cruces controlados de alta xenética, lográronse sementes para os programas de propagación vexetativa de planta. Tamén houbo unha empresa que apostou por técnicas de embrioxénese somática, para a propagación clonal de árbores plus, pero non foi unha técnica masiva no país.

– Como ve a situación de Galicia na mellora xenética do piñeiro radiata, retomada a partir de 2022 tras un longo parón?
– Galicia ten unha base xenética pequena en piñeiro radiata, polo que a prioridade sitúase en aumentar esa base xenética. Deben seleccionarse novas árbores para, en segundo lugar, xerar un banco de ensaios de polinización controlada. A boa noticia é que ese traballo de selección de material está a facerse e poñeranse en marcha novos ensaios.

En Galicia, a boa noticia é que se está traballando na selección de material e poñeranse en marcha novos ensaios

Unha das visitas de Fernando Droppelmann a montes de piñeiro en Galicia.

Unha das visitas de Fernando Droppelmann a montes de piñeiro en Galicia.

Na súa anterior visita a Galicia, fai un par de anos, fixo unha serie de visitas a monte, nas que localizaron potenciais ‘árbores plus’. Este ano realizaron novas visitas a monte. Que opinión ten das árbores que viu en monte?
– Na visita anterior tiven a oportunidade de coñecer certos lugares e nesta ocasión puiden visitar tipos de bosque distintos, con condicións de solo e clima diferentes. Vimos o potencial para seleccionar novas árbores e valoramos as condicións para instalar nun futuro próximo ensaios de proxenies, para facelo da mellor forma posible.

En definitiva, o proceso de mellora en Galicia pasa, en primeiro lugar, por seleccionar novas árbores plus, en segundo lugar por xerar máis ensaios, e en terceiro lugar, por crear hortos sementeiros novos -en base ao resultado deses ensaios- para aumentar a produción de semente de alta calidade.

Non podemos descoidar o manexo silvícola das plantacións en monte, para que o potencial de mellora xenética se exprese

Tampouco se debe descoidar o manexo silvícola das plantacións, para que ese potencial de mellora xenética que teñan as plantas sexa expresado en monte.

– En Galicia, onde nas últimas décadas o piñeiro enfrontou unha forte competencia das plantacións de eucalipto, lograr piñeirais máis rendibles é unha prioridade para os propietarios forestais. A día de hoxe, que produtividade ten o piñeiro radiata en Chile?
– Depende moito da zona, xa que no noso país hai unha gran variabilidade de chans e climas. Podemos falar dunha quenda de curta de entre 20 e 24 anos, cunha quenda media de 22 anos, e duns crecementos de entre 18 e 28 metros cúbicos por hectárea e ano.

– No Norte e Centro de Portugal, a firma Sonae Arauco iniciou ensaios comparativos de piñeiro radiata de orixe chilena. Ve de interese ese material xenético de Chile para Galicia?
– Témolo conversado coa Fundación Arume. É interesante levar semente dun lugar a outro e probala para ver o resultado. Podería ser unha potencial fonte de selección. Entre Galicia e Portugal hai vasos comunicantes e cónstame que se está explorando esa opción.

En Chile, a quenda media de corta do piñeiro radiata ronda os 22 anos. A especie ten crecementos de entre 18 e 28 metros cúbicos por hectárea e ano, dependendo do solo e clima

– En Galicia, no piñeiro radiata hai unha preocupación importante cos fungos das bandas, que están a ter impacto nos últimos anos. Por ese motivo, está a iniciarse a comercialización de piñeiro taeda, que é resistente ás bandas e tamén ao nematodo do piñeiro. Ve de interese esta especie para Galicia?
– Non teño unha opinión formada, vou ver estes días en Galicia unha plantación de piñeiro taeda adulta. En Chile o piñeiro taeda non funcionou, chámame a atención que funcione acá. Sempre é importante ter especies alternativas, se aquí funciona está ben, hai que usala, pero debe determinarse con claridade en que chan e clima funciona ben, pois seguro que hai lugares de Galicia nos que non se adaptará correctamente.

En Chile, o pino taeda non funciona. Se en Galicia vai ben, hai que determinar en que solo e clima funciona, pois seguro que non se adaptará correctamente a todo tipo de lugares

En canto ás bandas, no seu desenvolvemento ten moito que ver a silvicultura. Se nun bosque non hai podas nin claras, as bandas son un problema xigantesco. Entre os anos 1988 e 1995, en Chile padecemos un verdadeiro desastre coas bandas. Que pasou?. Detivéronse as claras e as podas. É un problema que non debe verse de forma illada, senón como un todo.

Co problema das bandas, en Chile revertemos a situación con tratamentos de cobre e silvicultura. Noutras ocasións, como sucedeu co eucalipto globulus e a praga do gurgullo, saíu do círculo seguir plantando eucalipto globulus. O propietario pasouse ao eucalipto nitens e fíxose tamén un híbrido moi interesante, o gloni, que mestura as condicións de crecemento do nitens e a súa resistencia ao frío coa calidade da madeira (rendemento en pasta) do eucalipto glóbulus.

En Chile, correximos o problema das bandas do piñeiro radiata con tratamentos e silvicultura. Noutras ocasións, como sucedeu co eucalipto globulus e a praga do gorgullo, saíu do círculo seguir plantando eucalipto globulus

Fernando Droppelmann.

Fernando Droppelmann.

En calquera caso, volvendo ao piñeiro, ter especies alternativas é importante. No caso chileno, o piñeiro pátula é unha especie que pode ser de interese como alternativa ao radiata.

– En Chile, o piñeiro radiata é a principal especie forestal a nivel produtivo. Como é a competencia en plantacións co eucalipto?
– É moi variable, en función das condicións do sitio. Hai zonas nas que o eucalipto saca vantaxe e noutras é o piñeiro radiata o máis plantado. Depende das condicións de chan e climáticas do sitio e da realidade da especie alí, da industria que exista e das distancias aos centros de consumo. Tamén hai que ter en conta decisións do propietario a curto prazo, pois o custo de establecemento dunha plantación de piñeiro en xeral é menor.

É certo que nos últimos 30 anos a superficie de eucalipto creceu con respecto ao pasado, sobre todo por medio do eucalipto nitens, que substituíu en gran parte ao eucalipto globulus, que estivo moi afectado por pragas. O nitens tamén gañou espazo en zonas altas, moi frías, en solos de alta produtividade.

A cuestión clave é que a demanda de madeira é crecente a nivel mundial, tanto para aserrado e produtos técnicos como para celulosa e fibra téxtil

A cuestión clave é que a demanda de madeira sólida é crecente a nivel mundial e a oferta de piñeiro radiata non será suficiente para cubrir a demanda. De aquí a 2050 triplicarase por 3 ou por 4 a demanda de madeira, tanto en madeira para aserrado e produtos técnicos (taboleiro, CLT etc.) como en madeira para celulosa e fío téxtil.

– Existe xa unha industria de fibra téxtil en Chile?
– Si, por suposto. Hai unha planta en Valdivia, 800 km. ao sur de Santiago, que no pasado elaboraba celulosa con eucalipto e con piñeiro, pero hoxe en día esa planta orientouse a producir en exclusiva fibra téxtil en base a eucalipto. Tamén existen outras plantas no país con liñas de fibra téxtil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información