“Galicia ten todo para ser o destino enoturístico do norte de España”

Entrevista a María de la Cruz del Río Rama, profesora da Universidade de Vigo experta en enoturismo. Destaca que este tipo de turismo asociado ao viño está medrando por enriba do 18%. Demanda da administración máis formación para os profesionais, accións de difusión e promoción conxunta no exterior das rutas do viño de Galicia.

Publicidade
“Galicia ten todo para ser o destino enoturístico do norte de España”

Participantes nunha ruta do viño polo Ribeiro.

María de la Cruz del Río Rama é profesora na Facultade de Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo. A pasada semana participou na xornada “Claves para vender máis e mellor ou viño”, organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), cun relatorio sobre “Enoturismo: unha alternativa estratéxica no sector do viño”.

Que potencialidade ten Galicia para desenvolver o sector do enoturismo?
Galicia é unha comunidade moi rica na súa oferta enolóxica, gastronómica e cultural, complementada por unhas belas paisaxes e as súas xentes, que son acolledoras e amigables.

Todo iso unido ao emerxente sector enoturístico galego e á dispoñibilidade de profesionais formados nas universidades galegas, en especial os profesionais da área de Turismo, proporciona a Galicia unhas características idóneas para converterse no principal destino enoturístico do norte de España.

Na actualidade existen en Galicia cinco Rutas do Viño vinculadas ás súas Denominacións de Orixe: Ribeira Sacra, Rías BaixasMonterrei, O Ribeiro e Valdeorras.

Non obstante, as rutas do viño non acaban de despegar. Que habería que cambiar ou mellorar?
A constitución das Rutas do Viño é aínda recente, necesitando un período de tempo para a súa evolución e desenvolvemento e polo tanto, para a percepción por parte dos axentes económicos da ruta e o seu ámbito dos beneficios derivados da actividade enoturística.

Ao mesmo tempo, é necesario un período de adaptación para a sincronización da colaboración público-privada e para a incorporación de profesionais e empresarios formados nos diferentes ámbitos relacionados coa actividade enoturística.

 “É necesaria formación de empresarios e traballadores e tamén accións de difusión, como se conseguiu co termalismo”

En Galicia xa dispoñemos de profesionais formados, sendo tamén necesarias accións formativas dirixidas aos empresarios e traballadores para a súa formación continua de cara á súa adaptación a esta nova actividade turística.

Isto deberíase complementar con importantes accións de difusión a nivel nacional e internacional como as desenvolvidas noutras actividades turísticas como o termalismo, coas cales se están a obter excelentes resultados.

DelRio_enoturismo

María de la Cruz del Río Rama.

Cales son os referentes de enoturismo nos que se podería inspirar Galicia?
Segundo o sexto informe anual sobre as visitas a adegas elaborado polo Club de Producto Rutas del Vino de España realizado en 20 das 22 Rutas de Viño certificadas existentes no 2013, as máis visitadas foron a Ruta do Viño e do Cava do Penedés e a Ruta do Viño e Brandy do Marco de Xerez. Outras rutas tamén moi importantes polo número de visitantes que reciben son Rioja Alta, Ribera del Duero e a Rioja Alavesa.

Dados os seus excelentes resultados constitúen un referente no que fixarse, sendo tamén de destacar os altos incrementos logrados no 2013 superiores ao 25% no número de visitantes na Ruta do Viño de Navarra, Ribera del Guadiana, Yecla e Ribera del Duero.

Deberíase concentrar a oferta enoturística de Galicia?
Si, é unha posible formulación estratéxica que se debería analizar en profundidade. A promoción conxunta de todas as rutas do viño de Galicia en busca de sinerxías entre elas e con outras actividades turísticas da nosa comunidade (Camiño de Santiago, termalismo…) é necesaria, co fin de buscar a promoción e recoñecemento nacional e internacional.

“É necesaria unha promoción conxunta das rutas do viño de Galicia e ligalas ao Camiño de Santiago, ao termalismo…etc,”

O enoturismo é unha actividade turística en auxe e está a experimentar importantes incrementos como nos indican as cifras do informe elaborado polo Club de Producto Rutas del Vino de España, obténdose un incremento do 18,08% no ano 2013 con respecto ao 2012 no número de visitantes.

Que beneficios lles pode achegar o enoturismo aos adegueiros e os viticultores?
No ámbito internacional, a información existente pon de manifesto claramente que as adegas perciben os beneficios que xera esta modalidade turística: a mellora da imaxe, o posicionamento da adega e o incremento dos ingresos son os máis destacados.

Ademais, o enoturismo ten unha importante contribución para todos os axentes implicados na actividade favorecendo o desenvolvemento de zonas rurais e xerando postos de traballo, o que evita o despoboamento das zonas rurais.

Por último, contribúe ao desenvolvemento económico-social, converténdose nunha importante fonte complementaria de ingresos das adegas.

Que papel debe xogar a Administración no desenvolvemento do enoturismo?
As administracións publicas deberían de colaborar de forma coordinada coas asociacións empresariais e de produtos turísticos na súa promoción, comercialización e difusión a nivel nacional e internacional. Desta forma estarían a favorecer o desenvolvemento a nivel local e rexional de actividades importantes para a xeración de emprego e o incremento de ingresos tanto a nivel empresarial como social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información