Galicia ten que importar arredor dun terzo das castañas que necesita a súa industria

As empresas de transformación da comunidade teñen que acudir ós mercados exteriores ante a insuficiente cantidade e calidade da produción autóctona. O volume de importacións ronda as 10.000 toneladas

Galicia ten que importar arredor dun terzo das castañas que necesita a súa industria

Souto tradicional no Courel. / Arquivo (Pía Paxaro).

Galicia adoita producir cada ano arredor de 20.000 toneladas de castaña. É a comunidade líder en España, coa metade de toda a produción estatal, pero aínda así, a colleita galega é insuficiente para abastecer á industria e ás empresas comercializadoras da comunidade, que se ven obrigadas a importar case 10.000 toneladas anuais doutros países, como Portugal, para cubrir as súas necesidades.

O déficit galego en castaña dá unha idea do potencial que hai no monte para a súa produción, unha situación que levou á Consellería do Medio Rural a deseñar un plan estratéxico -en fase de borrador- para impulsar os castiñeiros. Unha das súas primeiras medidas será no 2022 unha orde de axudas por 4,5 millóns de euros para apoiar a recuperación de soutos tradicionais e novas plantacións de castiñeiro.

En relación ós soutos tradicionais do oriente galego, o obxectivo da Xunta sitúase en apoiar a creación de agrupacións de xestión conxunta, mediante a unión dos propietarios dos soutos. Esa liña de traballo permitiría enfrontar un dos problemas habituais, o do minifundio, que dificulta os labores de mantemento, mecanización e limpeza das parcelas.

Naqueles casos nos que a vía da agrupación de xestión conxunta non sexa posible, a Administración mesmo baralla a sinatura de contratos de xestión pública para asumir o manexo dos soutos.

E é que un dos graves problemas que enfrontan os soutos galegos é o despoboamento e abandono das aldeas. A maior parte dos castiñeiros galegos están nas comarcas de montaña do oriente de Lugo e Ourense, zonas marcadas polo despoboamento.

Galicia ten arredor de 50.000 hectáreas de castiñeiros, dos que máis de dous terzos están situados en tres distritos forestais: A Fonsagrada – Ancares, Terra de Lemos e Valdeorras – Trives. Se se lle suman os castiñeiros de Verín – Viana e de Lugo – Sarria, temos o 80% da superficie galega de castiñeiros e a práctica totalidade dos soutos tradicionais.

Ao abandono do rural e ao minifundio súmanse outros problemas, como a avespiña do castiñeiro, que no 2020 minguou a produción galega en arredor dun 25%, deixándoa en 15.000 toneladas; se ben hai boas perspectivas a curto prazo no combate da praga coa loita biolóxica.

Destino e valor
A metade das castañas colleitadas en Galicia destínanse ó consumo en fresco, mentres que outro tanto vai parar ás industrias de transformación para o seu conxelado ou elaboración de produtos como fariñas, cremas e confituras.

Cun valor medio do froito que se adoita mover por riba do euro por quilo e mesmo achegándose ós 2 euros nalgúns casos, dependendo da calidade e variedade, o impacto económico da castaña supera os 20 millóns de euros pagados ós produtores cada ano, xerando un valor de máis de 50 millóns de euros na súa comercialización final, segundo as estimacións da Xunta.

As castañas deixan cada ano máis de 20 millóns de euros entre os produtores

Arredor dun 75% da castaña galega véndese a outros países, principalmente de Europa, en tanto o restante 25% comercialízase a nivel de España.

A dimensión acadada polo sector transformador galego é unha circunstancia que con frecuencia pasa desapercibida pola cidadanía, segundo valora a Xunta, o que leva a súa vez á escasez de iniciativas no monte para aproveitar o alto potencial dos castiñeiros.

Profesionalización e selección de variedades
Unha das dificultades coas que se atopan as empresas na comercialización das castañas é a falta de uniformidade dos froitos procedentes da maioría de soutos tradicionais, pois é habitual que en cada souto convivan varias variedades, con distintas características tecnolóxicas (facilidade de pelado, tamaño, sabor, etc.).

Doutro lado, a Administración tamén valora que esa mestura pode ser interesante de cara á comercialización en fresco, sempre e cando se poña en valor a procedencia do froito, ligada a un souto tradicional.

Para as novas plantacións, o sector aposta desde hai anos por potenciar determinadas variedades que se están a demostrar exitosas, como o caso da ‘Amarelante’, ‘De Parede’, ‘Famosa’, ‘Garrida’, ‘Longal’, ‘Negral’, ‘Ventura’ ou ‘Xudía’, mentres que entre os seus polinizadores pódense citar principalmente a ‘Negral’, ‘Rapada’ e ‘Picona’.. Ademais, a variedade ‘Luguesa’ está recomendada
para a Zona atlántica.

Outra vía a potenciar é a IXP Castaña de Galicia, que por agora só inclúe a 156 produtores e arredor de 2.000 hectáreas. As dificultades para atopar castaña galega suficiente en calidade e cantidade están a lastrar o desenvolvemento da IXP, segundo a análise que fai a Administración galega.

Madeira
A plantación de castiñeiros para madeira é outra das liñas que quere apoiar a Xunta, se ben trátase dunha liña de traballo con factores limitantes. Os castiñeiros precisan de bos solos e dunha silvicultura intensiva polo menos durante os primeiros dez anos da plantación, con podas anuais. O seu maior turno de corta, en comparación con outras especies, pois sitúase nun mínimo de 30 anos, é outro dos condicionantes a ter en conta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información