“Galicia ten gran potencial para o cultivo do chícharo, feixón e altramuz”

Entrevista a Teresa Millán Valenzuela, actual secretaria da Sociedade Española de Leguminosas. Asegura que a produción española de cultivos proteicos "se debe centrar nos legumes de calidade e en legumes tradicionais moi adaptados ás nosas condicións".

Publicidade
“Galicia ten gran potencial para o cultivo do chícharo, feixón e altramuz”

Teresa Millán, secretaria da Sociedade Española de Leguminosas

Teresa Millán Valenzuela é a actual secretaria da Asociación Española de Leguminosas. Acaba de participar no Simposio internacional de Cultivos Proteicos, organizado polo CSIC, celebrado recentemente en Pontevedra.

Acabas de participar no Congreso Internacional de Cultivos Proteicos celebrado en Pontevedra. Como valoras a reunión?
Foi unha reunión moi interesante onde se presentaron traballos de grupos internacionais que estudan diferentes aspectos deste tipo de cultivos.

Cales son as principais investigacións que se deron a coñecer?
Na reunión tivemos unha primeira sesión onde se falou sobre biodiversidade, aspecto moi importante ao considerar o material de partida para desenvolver novas variedades, tamén se tratou o aspecto da calidade nutricional en cultivos como o chícharo, soia, feixón ou lentella.

Noutras sesións presentáronse resultados de como conseguir cultivos tolerantes a enfermidades ou a condicións ambientais adversas, estudos sobre a relación simbiótica con rizobium ou como axuda a xenómica a mellorar estes cultivos. Tamén se falou sobre novos sistemas de cultivo e o problema que hai coas malas herbas.

Por que se abandonou o cultivo de leguminosas en Europa?
Non se abandonou totalmente pero a superficie cultivada diminuíu moito nos últimos anos, duns 5.000.000 de hectáreas que se sementaban nos anos 70 do século pasado a unhas 500.000 no ano 2014.

Por que se debería potenciar o seu cultivo?
Hai varias razóns. Por unha lado porque actualmente dependemos das importacións de soia para formular os pensos, a soia é a principal fonte de proteína de orixe vexetal. Se o prezo da soia sobe moito por algunha razón España (e toda Europa) veríase afectada, polo tanto temos que aumentar a superficie de cultivos proteaxinosos en Europa. Por outro lado, as leguminosas son recomendables nunha agricultura sostible xa que fixan nitróxeno no chan e melloran a súa estrutura.

Que medidas está adoptando ou prevés que adopte a UE nesa dirección?
Xa na nova PAC co “greening” ou pagamento verde, favorécese a diversificación de cultivos e áreas de interese ecolóxico onde entrarían os cultivos fixadores de nitróxeno. Ademais, no presuposto das axudas acopladas considérase unha asignación por cultivos proteicos e para legumes de calidade.

 “As leguminosas fixan nitróxeno e son moi interesantes na rotación de cultivos”

Fálase dende algúns colectivos de que nun futuro próximo nos veremos na obriga de cambiar o consumo de proteína animal polo de proteína vexetal. Non se está a esaxerar?
Pode que non sexa tan inminente pero está demostrado que é máis saudable aumentar o consumo de proteínas vexetais e, ademais, se queremos un mundo máis sostible, teriamos que ir cambiando os nosos hábitos para diminuír a proteína de orixe animal na nosa dieta xa que require máis enerxía e auga para producila que a de orixe vexetal.

simposio_leguminosas_CISC_02_standar

Diferentes tipos de leguminosas

Para un territorio como Galicia, con chans ácidos e elevada humidade, cales serían os cultivos proteicos máis interesantes, tanto para alimentación humana como animal?
En Galicia, polo seu clima, cultívanse feixóns dunha gran calidade, en concreto, na provincia de Lugo cultívase a “Faba de Lourenzá” con indicación xeográfica protexida. En canto á alimentación animal, poderíase potenciar o cultivo do altramuz e o do chícharo. A Misión Biolóxica de Galicia (CISC) fai un labor moi interesante de avaliación de recursos fitoxenéticos de feixón, chícharo e chícharo de raposo que pode axudar a implantar estes cultivos en Galicia.

Fálase da importancia das leguminosas para o medio e para unha agricultura sostible. Por que?
Como comentei anteriormente, as leguminosas son os únicos cultivos capaces de fixar o nitróxeno atmosférico no chan, por iso son tan recomendables na rotación de cultivos.

Non obstante, teñen o inconveniente de ter producións pouco estables por iso os agricultores non sempre as elixen nas súas rotacións. É necesario facer máis investigación nestes cultivos para conseguir variedades que sexan resistentes a enfermidades e estean mellor adaptadas a diferentes condicións ambientais para que teñan maiores producións e que estas sexan máis estables.

Hai algunha estimación do aforro en fertilizantes minerais que supón o cultivo de leguminosas para o agricultor?
Hai moitos estudos sobre por exemplo o aforro de fertilizantes no trigo no sistema de rotación trigo-leguminosas, sempre hai beneficio pero depende das especies que se utilicen. No blog da nosa asociación poden ver un exemplo práctico deste beneficio exposto por un agricultor 

A carencia de semente certificada de calidade non favorece moito o seu cultivo en España. A que se debe esta situación e que se está a facer para solucionar?
Non hai semente certificada porque non interesa ás empresas, xa que en moitos casos os agricultores utilizan parte da súa colleita como semente de sementeira e polo tanto é difícil obter beneficios.

Nun artigo que publicou no ano 2013 José Ignacio Ortega Molina, técnico da oficina Española de variedades vexetais do MAGRAMA, na revista Agricultura descríbese moi ben a situación dos diferentes cultivos de leguminosas en canto á semente certificada. É un pouco a pescada que se morde a cola, como non hai beneficios por parte das empresas, se comercializan novas variedades e polo tanto o agricultor non ten mellores rendementos.

 “Estase a investigar en herbicidas específicos para leguminosas”

Parece que practicamente non hai produtos autorizados para o control de malas herbas en leguminosas na UE. Como facer fronte ás limitacións crecentes de produtos fitosanitarios na UE?
Si iso é un grave problema, o do control de mala herba de folla ancha de pre e post emerxencia e fai falta determinar os produtos autorizados que dean mellores resultados. No IFAPA (Instituto de Investigación e Formación Agraria e Pesqueira de Andalucía) estase a levar a cabo un proxecto de investigación neste tema. En Valladolid no ITALCYL tamén se fixeron estudos neste sentido. 

A UE está a negociar con Estados Unidos e con Canadá un tratado de libre comercio. Tendo en conta que son dous dos grandes exportadores de legumes a Europa, non truncará este tratado a recuperación do cultivo de leguminosas na UE?
Quizais para poder competir España débese centrar nas legumes de calidade e en legumes tradicionais moi adaptadas ás nosas condicións. De todos os xeitos, polo momento España necesita importar legumes para cubrir as nosas necesidades de consumo.

Algunha cuestión máis que queira engadir?
Soamente dicir que o Libro Branco da Nutrición en España recomenda máis de dúas porcións de leguminosas á semana. Non deixemos de consumir leguminosas, que son unha das bases da nosa dieta mediterránea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información