Galicia solicita a declaración como zona libre de tuberculose bovina para todo o seu territorio

O Consello da Xunta acordou pedir o recoñecemento para as provincias da Coruña, Lugo e Ourense, xa que no ano 2019 a provincia de Pontevedra xa foi declarada libre desta enfermidade ao cumprir cos requisitos establecidos na normativa europea

Óscar traballa 50 hectáreas repartidas en 90 fincas pequenas e dispersas

O Consello da Xunta examinou este xoves o informe da Consellería do Medio Rural polo cal se solicita a declaración de Galicia como zona oficialmente libre de tuberculose bovina para a totalidade do seu territorio, ao cumprir os requisitos establecidos para tal fin pola normativa europea de referencia.

Este recoñecemento pídese para as provincias da Coruña, Lugo e Ourense, xa que no ano 2019 a provincia de Pontevedra foi declarada libre desta enfermidade bovina e foi a primeira provincia española non insular en acadar o estatuto de “provincia oficialmente indemne de tuberculose bovina”.

Neste senso, cabe sinalar que no ano 1990, cando se comezou co Programa nacional de erradicación acelerada en España, a Comunidade galega partía dunha prevalencia de tuberculose de rabaño bovino superior ao 11,79 % (case 12 rabaños infectados por cada 100 revisados), sendo do 0,03% en 2020 (0,03% de rabaños infectados por cada 100 revisados). Estes datos dan proba de que Galicia traballou intensamente na erradicación desta enfermidade cumprindo sempre cos obxectivos epidemiolóxicos marcados pola Comisión Europea.

A prevalencia doutras rexións do centro-sur de España é aínda oitenta veces superior á existente en Galicia

Na actualidade, a prevalencia doutras rexións do centro-sur do país é aínda similar á que existía en Galicia en 1990 e en 2020 a media nacional da prevalencia de rabaño foi do 1,61%, é dicir, oitenta veces superior á existente en Galicia ese mesmo ano.

A consecución do estatuto de Galicia como oficialmente indemne á tuberculose bovina suporá a identificación da nosa comunidade como rexión do Estado, non só co maior censo de explotacións bovinas e líder no sector lácteo, senón tamén co maior estatuto sanitario en relación coas enfermidades suxeitas a programas oficiais de erradicación.

Isto tradúcese nunha posición de clara vantaxe comercial nacional e internacional tanto no comercio de animais bovinos vivos coma dos seus produtos. Ademais, se temos en conta a alta calidade produtiva e xenética dos animais bovinos galegos, coa consecución deste estatuto sanitario podemos afirmar que a cabana bovina galega está no primeiro posto no podio estatal, referente xa no mercado nacional.

Libre tamén de brucelose

Respecto ás outras enfermidades animais graves, obxecto de programas nacionais de erradicación cofinanciados pola Unión Europea, no ano 2013 Galicia cumpriu os obxectivos epidemiolóxicos requiridos e foi declarada tamén “rexión oficialmente indemne de brucelose ovina e cabrúa”.

O resto dos territorios do Estado foron adquirindo paulatinamente este estatuto, de xeito que, recentemente, en marzo de 2021 (oito anos máis tarde que Galicia), a totalidade dos territorios do Estado acadaron ese estatuto.

En 2017, Galicia acadou tamén o estatuto de “rexión oficialmente indemne de brucelose bovina”. De igual modo que aconteceu coa brucelose ovina e cabrúa, o resto de territorios do Estado foron obtendo paulatinamente este estatuto en brucelose bovina, na data actual unicamente unha provincia española está pendente de conseguilo.

Probas diagnósticas de balde para os gandeiros, algo que non ocorre no resto de España e da UE

En todas as explotacións bovinas de reprodución (de aptitude cárnica, leiteira ou mixta) realízase un diagnóstico anual específico (intradermotuberculinización) a todos os bovinos maiores de 6 semanas, así como aos cabrúns que convivan con eles, se for o caso. En Galicia, este diagnóstico corre a cargo de persoal veterinario acreditado e supervisado polos servizos veterinarios oficiais, de balde para o sector gandeiro, o que non ocorre actualmente noutras comunidades autónomas ou países da Unión Europea, onde este gasto é compartido. De feito, desde o ano 2015, a Consellería leva investido preto de 52 millóns de euros nos programas de sanidade e produción animal, onde está incluído o Plan de erradicación da tuberculose bovina, entre outros.

Galicia destinou desde o ano 2015 preto de 52 millóns de euros nas actuacións correspondentes aos programas de sanidade e produción animal, onde está incluído o Plan de erradicación da tuberculose bovina

En caso dunha granxa onde existan animais sospeitosos, realízase un estudo epidemiolóxico individualizado, co obxecto de decidir o destino dos animais sospeitosos e as restricións a que deben ser sometidos os establecementos. No caso de baleiro sanitario, é dicir, o sacrificio de todas as reses da explotación, os gandeiros son indemnizados cunha axuda cofinanciada pola Unión Europea conforme o baremo que establece o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) na normativa estatal de referencia.

En caso de baleiro sanitario a Xunta sufraga con fondos propios unha liña de axudas complementarias de máis dun millón de euros ao ano para a reposición de animais sacrificados obrigatoriamente

Ademais, cómpre salientar que, nestes casos, Galicia sufraga con fondos propios unha liña de axudas complementarias para a reposición de animais sacrificados obrigatoriamente e para compensar o lucro cesante naquelas explotacións sometidas ao baleiro sanitario.

Así, a comunidade galega foi pioneira na implantación destas axudas complementarias, e é case a única comunidade que as estableceu, e nelas radica un dos éxitos do programa de Galicia, xa que, de xeito xeral, as persoas gandeiras vían compensadas as perdas ocasionadas polos sacrificios obrigatorios dos animais. Neste senso, cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural leva destinado nas últimas sete convocatorias anuais algo máis de 8 millóns de euros en axudas complementarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información