Galicia rexistra en abril un prezo medio do leite no campo de 40,9 céntimos

Galicia rexistra en abril un prezo medio do leite no campo de 40,9 céntimos

O aumento de prezos do leite compensa parcialmente o encarecemento dos pensos.

Coa entrada en vigor dos contratos lácteos da nova campaña, iniciada en abril, constatouse un aumento significativo dos prezos do leite en toda España. No caso galego, os prezos pasaron dos 37,9 a 40,9 céntimos (+ 3 céntimos), en tanto que a media española pasou de 38,3 a 42 céntimos (+ 3,8). En comunidades veciñas, Castilla y León situouse en 42,6 céntimos, en tanto Asturias en 41,4 céntimos, segundo os datos do Ministerio.

É notorio que a actual diferenza de prezos entre Asturias e Galicia é a menor dos últimos anos, pois só hai unha diferenza de 0,5 céntimos, cando no último ano oscilou entre 2 e 3 céntimos.

A actual mellora de prezos é froito de varios factores. En primeiro lugar, polos históricos prezos de mercado de leite e produtos lácteos industriais que se rexistran a nivel mundial. En segundo lugar, pola revalorización de prezos do leite líquido que se produciu nos supermercados nos últimos meses e que, finalmente, se foi trasladando en cadea ó campo, tralas xestións e mobilizacións realizadas por organizacions agrarias e cooperativas.

O aumento de prezos permite que as granxas afronten parte do aumento de custos de produción que teñen experimentado nos últimos meses, se ben ese aumento de custos, sobre todo dos pensos, xa desencadeou unha baixada da produción de leite a nivel estatal. En abril, a reducción de entregas de leite foi dun 2,3 % en relación ó mesmo mes do ano anterior. Galicia, sen embargo, mantén un comportamento diferencial, pois subiu as entregas en abril en arredor dun 2% en relación a abril do 2021.

A comunidade mantense ademais á cabeza de España en calidades do leite, cun 3,90 de graxa e 3,34 de proteína, pola media española de 3,80 e 3,32.

Diferencial co leite ecolóxico
Outro aspecto chamativo que deixa a suba de prezo do leite é a reducción da marxe entre o prezo do leite ecolóxico e o convencional. O leite ecolóxico pagouse en abril no campo a 46,2 céntimos en Galicia (48 de media no conxunto do Estado), sen que houbese a penas variacións no último ano.

Ese prezo de 46 céntimos que ten o leite ecolóxico en Galicia no campo é o mesmo prezo que tivo en Europa o leite convencional no mes de abril. En maio, a Comisión Europea espera que o prezo do leite convencional chegue a unha media de 47,4 céntimos, co cal se podería dar a circunstancia de que o leite estándar se pagase máis de media en Europa que o leite ecolóxico en Galicia.

Desde o Sindicato Labrego culparon recentemente a Leche Celta da actual situación de prezos do leite ecolóxico e advertiron de que barallan mobilizacións ante Celta e ante Lidl, a cadea de supermercados para a que envasa Celta o leite ecolóxico. O Sindicato Labrego considera preciso un prezo de 55 céntimos para o leite ecolóxico, que lle permita ás granxas afrontar o aumento dos custos de produción.

Prezos históricos de manteiga e leite en po
Os produtos lácteos industriais continúan en récords históricos. A manteiga sitúase en Europa en 723 euros / 100 Kg. (+73% en relación a hai un ano), o leite en po desnatado en 404 euros, un 57% máis que hai un ano, e o queixo Edam encareceuse un 47% en relación a hai un ano.

Con estos niveis de prezos, o leite no campo revalorizouse non só en Europa, senón nas outras grandes áreas produtoras. En Estados Unidos, págase no campo a 55,7 céntimos de media e en Nova Zelanda por riba dos 44 céntimos, segundo os datos do Observatorio Lácteo Europeo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información