Galicia rexistrou 954 lumes forestais no 2021 con preto de 4.400 hectáreas queimadas

Medio Rural completa a comprobación das faixas de protección das aldeas en 92 concellos. As verificacións abarcan preto de 44.000 hectáreas, das cales están xestionadas case 29.000. Entregan 242 plans municipais antiincendios

Galicia rexistrou 954 lumes forestais no 2021 con preto de 4.400 hectáreas queimadas

Os lumes arrasaron preto de 4.400 hectáreas de monte no que levamos de ano. // Foto de arquivo.

O balance dos incendios forestais deste 2021 en Galicia deixa un total de 954 lumes cunha superficie afectada de 4.371,9 hectáreas. O conselleiro de Medio Rural, José González, na súa comparecencia a petición propia no Parlamento para informar sobre o tema, destacou que é a primeira vez na serie histórica que se baixa dos mil lumes. Ademais, só un 14% deles, un total de 135, chegaron a converterse en incendios, e o resto quedaron en conatos. Con todo, González insistiu en que “mentres en Galicia arda unha soa hectárea non estaremos conformes”.

En 2020 arderan en Galicia 14.800 hectáreas, en tanto nos dous anos anteriores, os resultados son semellantes ós deste exercicio (6.800 hectáreas no 2019 e 2.500 no 2018), se ben hai que lembrar que en outubro do 2017, un outono seco acompañado de fortes ventos, deixou en dous días arredor de 50.000 hectáreas queimadas, para un total anual de 62.000.

Sobre os resultados do 2021, o conselleiro atribuíunos ao bo facer do dispositivo antiincendios, á maior concienciación cidadá e ao efecto que están producindo medidas como a posta en marcha do teléfono de denuncias dos comportamentos incendiarios 900 81 50 85, o incremento dos medios técnicos (caso das cámaras de vídeo vixilancia ou os drons) e a creación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), formada por 15 axentes ambientais. Tamén recordou a ampliación da rede de cámaras de vixilancia, ata chegar a abarcar con elas arredor do 70% do territorio galego, así como a dotación de 12 drons para o servizo.

González lembrou, como outra das causas desta mellora nas cifras, que desde o ano 2018 aumentouse o tempo anual de actividade do persoal fixo descontinuo, pasando de tres meses de traballo en 2017 a seis meses na actualidade.

Nesta mesma liña, mencionou ademais a creación da subdirección de prevención dentro da Dirección Xeral de Defensa do Monte, coa presenza no territorio de 250 operarios, 41 tractores e outra maquinaria destinada a acondicionar as pistas de cara ao próximo verán.

Tamén puxo en valor iniciativas como Interlumes, que permitirá a creación da primeira base aérea transfronteiriza anti incendios forestais entre Galicia e Portugal, ou o Centro integral de loita contra o lume que se está a desenvolver na localidade ourensá de Toén e no que xa se están iniciando as obras neste 2021.

Por outra banda, José González salientou que o seu departamento destina o 33% do orzamento global á prevención de incendios. Así, manifestou que, das contas de Medio Rural, máis de 207 millóns de euros corresponden a prevención, fronte aos case 91 millóns máis destinados á extinción.

Faixas de protección das aldeas

Entre as medidas de prevención dos lumes, González informou sobre o convenio de protección das aldeas, asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga. Neste contexto completouse a comprobación da totalidade das faixas secundarias de 92 concellos galegos e comprobouse o estado de 685.000 parcelas, que suman case 44.000 hectáreas. Desa superficie está xestionada o 65%, é dicir, preto de 29.000 hectáreas repartidas en 432.000 parcelas.

Medio Rural leva realizadas máis de 35.000 notificacións a propietarios por non ter limpas as parcelas ante o risco de incendio

Ao abeiro deste convenio, con datos de 30 de novembro, dende Medio Rural levan xeradas un total de 35.326 notificacións e 33.129 publicacións en diarios oficiais, para advertir ós propietarios das parcelas non xestionadas de que no caso de que non fagan a limpeza procederase á execución por parte da Administración pública, coa conseguinte repercusión do custo e a correspondente sanción.

Tamén en relación co convenio, a Consellería do Medio Rural entregou 242 plans municipais anti incendios a outros tantos concellos. Deles, xa están aprobados un total de 158. Neste ano, decidiron implantar un piloto de oito concellos nos que se acometen os traballos de limpeza por parte da Xunta. Medio Rural ten previsto estender estes labores a outros catro municipios nos vindeiros meses, para completar un total de 12 concellos, escollidos en base a criterios técnicos e de ocorrencia de incendios. Nestes municipios pretenden ter as súas franxas secundarias, as máis próximas ás vivendas, completamente xestionadas antes da tempada de máximo risco do vindeiro ano 2022.

Na súa intervención, o conselleiro fixo especial fincapé no feito de que, en Galicia, a loita contra os incendios forestais pasa ineludiblemente pola xestión do territorio, partindo, iso si, da base de que o monte arde porque o queiman os incendiarios. Por iso defendeu un uso agrícola, gandeiro e forestal sustentable da terra, como fórmula de xeración de actividade económica, pero tamén como a mellor devasa natural fronte o lume. González destacou tanto a Lei de recuperación da terra como o Plan forestal 2021-2040, así como as novas leis de loita integral contra os incendios forestais e de calidade alimentaria, esta última como mecanismo de valorización da produción agrogandeira galega.

Lei de loita integral contra os incendios

González debullou algúns dos principais contidos da futura Lei de loita integral contra os incendios forestais. Así, salientou que esta norma será froito dun proceso participativo coordinado pola Universidade Vigo no que interviñeron máis de 200 persoas e que servirá de punto de partida para o anteproxecto de lei que se presentarán no Consello Forestal do vindeiro 11 de xaneiro, como paso previo ao inicio da tramitación da norma, que entrará no Parlamento antes de que remate o 2022.

Estas directrices establecerán, entre outros principios, a distribución de competencias na loita contra o lume. Neste sentido, o conselleiro afeou que nestes momentos só se estean entregando tractores para prevención aos concellos da provincia de Ourense, por parte desa Deputación, mentres -sostén- o resto de deputacións galegas se negan a colaborar coa Xunta no financiamento destas máquinas.

Tamén en relación coa futura lei, González sinalou que o sistema galego de loita integral contra os incendios debe basearse nunha estrutura profesionalizada composta por persoal propio da Consellería do Medio Rural, complementado con novas brigadas municipais tamén profesionais, cun mecanismo de selección uniforme a nivel autonómico e cun tempo de contratación mínima de seis meses. Algo para o que González tamén require a implicación financeira das deputacións provinciais. Ademais, apuntan á necesidade de crear equipos especializados específicos para a intervención nos grandes incendios e na súa análise posterior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información