O pasado día 14 celebrouse no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unha reunión interna dos membros da Support Facility da EUCAP Network, unha xuntanza organizada polo Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela.
A Support Facility é unha unidade que dá servizo de apoio á Comisión Europea para dinamizar e facilitar o intercambio de coñecementos e a innovación no ámbito agrario e rural, en particular da Asociación Europea para a Innovación ‘Agricultura Produtiva e Sostible’ (EIPAGRI no seu acrónimo en inglés). A Support Facility está conformada actualmente por un consorcio de 18 organizacións de 15 países da UE.
Na visita ao CIAM foron presentadas as diferentes intervencións en materia de innovación e coñecemento agrario que se están a aplicar en Galicia no marco do PEPAC, cun foco especial a aquelas dirixidas a impulsar o relevo xeracional na agricultura.
Por parte de AGACAL interviu Pablo Lúgaro Seco, xefe do servizo de Investigación e Transferencia, que trasladou os elementos básicos das medidas de apoio aos proxectos de innovación e as de formación e transferencia. Pola súa banda, Juan Martínez Barral, subdirector xeral de Planificación da Extensión Agraria, e Nicasio Mejuto Martí, subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural, informaron sobre as actuacións en materia de asesoramento impulsadas pola Consellería do Medio Rural.
Pola súa banda, Margarida Ambar, xefa adxunta de equipo na Support Facility, explicou en que consiste esta unidade e cales son as súas principais actividades.
Por último, César Resch Zafra, investigador do CIAM, guiou aos asistentes nunha visita polas instalacións deste centro referente na investigación e na transferencia de coñecemento ao sector agrogandeiro.

Galego









Control OJD