Galicia reivindica a construción en madeira como modelo de futuro no marco da Nova Bauhaus Europea

A Xunta destaca o potencial do sector forestal-madeira nunha xornada do proxecto europeo Life Timber for All celebrada en Santiago

Publicidade
Galicia reivindica a construción en madeira como modelo de futuro no marco da Nova Bauhaus Europea

Galicia volveu poñer en valor o potencial da madeira como material estratéxico para avanzar cara a unha construción máis sustentable. Fíxoo no marco dunha xornada do proxecto europeo Life Timber for All celebrada este luns en Santiago de Compostela, onde representantes da administración, da investigación e da empresa analizaron os avances e oportunidades que ofrece este modelo construtivo.

Durante a apertura do encontro, o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, destacou o papel que está a desempeñar Galicia no impulso da construción en madeira grazas á colaboración entre os diferentes axentes da cadea forestal-madeira e ao apoio da Administración autonómica. Neste sentido, subliñou que o uso deste material permite avanzar cara a edificacións máis sostibles, ao tempo que contribúe a xerar valor engadido e emprego industrial a partir dos recursos forestais de proximidade.

A xornada reuniu entidades de referencia neste ámbito, entre elas o grupo Rodiñas, a plataforma Pemade da Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña (IAAC), un dos principais expoñentes da Nova Bauhaus Europea, a iniciativa impulsada pola Comisión Europea para promover espazos habitables máis sostibles, inclusivos e eficientes.

Un dos aspectos centrais abordados durante a sesión foi o desenvolvemento de novos materiais e solucións construtivas máis respectuosas co medio ambiente. O proxecto Life Timber for All traballa, entre outras cuestións, en sistemas híbridos de madeira e formigón e na creación de formigón de baixa pegada de carbono a partir do aproveitamento de cinzas. Segundo destacou Fernández, este tipo de investigacións son fundamentais para favorecer a innovación propia das empresas e reducir a dependencia de tecnoloxías e patentes desenvolvidas fóra do territorio.

A aposta institucional pola madeira reflíctese tamén nas liñas de apoio impulsadas pola Xunta nos últimos anos. Desde 2020, o Goberno galego destinou máis de oito millóns de euros a fomentar o emprego da madeira estrutural, tanto na redacción de proxectos como na execución de obras, beneficiando a máis de 500 persoas.

Con iniciativas como esta, Galicia busca consolidarse como un referente na construción sustentable baseada en recursos renovables, reforzando ao mesmo tempo a competitividade da súa industria forestal e contribuíndo aos obxectivos europeos de descarbonización e economía circular.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información