Galicia prorroga ata marzo as medidas fronte a Dermatose Nodular Contaxiosa

As granxas que incorporen animais de fóra da comunidade deberán manter unha inmobilización do gando de 21 días, suxeita a controis oficiais

ZOETIS_VETERINARIO

Ata o vindeiro 1 de marzo (incluído) van estar vixentes as actuais medidas de prevención da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC). Esta prórroga dun mes poderase prolongar de ser necesario en función da evolución epidemiolóxica da doenza. Así o comunicou a Consellería do Medio Rural e sairá mañá publicado no Diario Oficial de Galicia.

Así, continúa vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade.

Todos os animais das granxas que incorporen vacún procedente doutras comunidades autónomas ou do estranxeiro “quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante o mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.”

E segue sendo obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen os anteditos animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a territorio galego, tanto para vida como para sacrificio. Neste último caso, mantense a posibilidade de entrada sempre que vaian directamente a matadoiro.

Os Servizos Veterinarios Oficiais de Medio Rural manterán as actuacións necesarias de “inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.”

E tamén seguen autorizadas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando vacún en Galicia con finalidade comercial. Pero, eso si, só poderán asistir animais procedentes de explotacións galegas. Os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpados, desinfectados e desinsectados.

Con respecto á celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, deberá contarse coa autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.

Dende Medio Rural salientan que ”malia a evolución favorable da situación epidemiolóxica en Cataluña, a aparición de novos casos de DNC en Francia aconsella manter as medidas cautelares establecidas en Galicia respecto desta enfermidade, tras a análise do risco sanitario existente actualmente e co obxectivo final de seguir salvagardando e protexendo a cabana bovina galega.”

Mantense a autorización para celebrar poxas, feiras e concursos de gando bovino de procedencia galega

Mantense a autorización para celebrar poxas, feiras e concursos de gando bovino de procedencia galega

A Xunta lembra que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas. Ademais, reclama ao Ministerio de Agricultura “unha estratexia clara de coordinación para o control eficaz da DNC, para acadar medidas homoxéneas entre as diferentes CCAA que dean certezas e seguridade no sector gandeiro, especialmente no caso de ter que poñer en marcha indemnizacións.”

O goberno galego pide tamén ao Ministerio de Agricultura que ”lidere, no marco da Unión Europea, unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva e que se modifique a categoría da enfermidade -actualmente considerada A, a máis grave das existentes-, xa que repercute de forma moi esixente no sector.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información