Galicia produce o 43 por cento da madeira serrada en España e a industria do taboleiro é referente estatal

A Axencia Galega da Industria Forestal XERA leva investido nos últimos oito anos máis de 110 millóns de euros na cadea da madeira de Galicia

Galicia produce o 43 por cento da madeira serrada en España e a industria do taboleiro é referente estatal

O director da Axencia Galega da Industria Forestal XERA, Alfredo Fernández Ríos, destacou que, dende a creación deste organismo, a Xunta leva investido máis de 110 millóns de euros en axudas para empresas da cadea forestal-madeira. Fernández fixo esta valoración na súa comparecencia na comisión de Industria e Economía, no Parlamento galego esta semana.

Tamén sinalou que dentro da industria da transformación da madeira, Galicia produce o 43 por cento da madeira serrada en España, fundamentalmente de piñeiro (preto dun 80 por cento). A industria do taboleiro, referente a nivel nacional, representa o 33 po cento da produción a nivel estatal; a pasta, en torno ao 35 por cento; e a biomasa producida en Galicia, máis do 12 por cento da produción estatal.

O director de XERA salientou tamén o traballo que se leva feito para axustar as bases reguladoras das diferentes convocatorias ás suxestións feitas desde as organizacións sectoriais e demais entidades beneficiarias.

Fernández Ríos explicou que o obxectivo principal leva sido reducir a carga administrativa, especialmente, nas fases de solicitude e concesión, polo que se estableceu a declaración responsable, por exemplo, para a autoavaliación dos criterios de priorización. Tamén apuntou, entre outras cousas, que xa non se requiren ofertas para certos investimentos porque se estableceron prezos máximos en base a un estudo, o cal contribúe a reducir a carga documental en fase de solicitude. A tramitación anticipada e o carácter bienal das convocatorias, engadiu, tamén permiten unha mellor planificación dos investimentos.

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PARLAMENTO

O director de XERA, Alfredo Fernández, na súa comparecencia no Parlamento.

Segundo precisou, as axudas da XERA contemplan todos os elos da cadea e un amplo abano de tipoloxías de investimentos: maquinaria para tratamentos silvícolas e aproveitamentos forestais; para a primeira e segunda transformación, ou para a dixitalización de procesos. Así como para a realización de ensaios, a obtención de certificacións, a mellora da seguridade e saúde no contorno laboral e o ecodeseño de produtos e materiais.

A Axencia tamén colabora coas asociacións sectoriais cubrindo o cen por cento dos custos de organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal-madeira, a competitividade, o deseño e o desenvolvemento sustentable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información