Galicia prevé pechar a vendima 2022 con 69 millóns de quilos de uva cunha excelente calidade

Todas as Denominación de Orixe estanse achegando á cantidade prevista de uva, quedándolles menos dun millón de quilos por recoller a cada unha, exceptuando o Ribeiro por falta de información. A cantidade esperada será uns 4 millóns menos que en 2021

Publicidade
Galicia prevé pechar a vendima 2022 con 69 millóns de quilos de uva cunha excelente calidade

A pesar das dificultades ocasionadas pola seca do verán as cantidades foron lixeiramente máis baixas que o ano pasado pero a calidade excepcional

A vendima galega está chegando ao final da campaña. Nas Rías Baixas queda menos de medio millón de quilos por colleitar, similar ao caso da Ribeira Sacra, cun 90% recollido. No caso do Ribeiro finalizaron completamente a vendima o 65% das adegas, aproximadamente -á falta de información por quilos- e Valdeorras e Monterrei están no sprint final, con menos dun millón pendente. En total, exceptuando a uva do Ribeiro, lévanse recollidos algo máis de 56  millóns quilos en Galicia, dos 69 millóns que estaban previstos. Deste xeito, comézase a pechar a vendima en moitas bodegas cuns resultados que, na maioría de casos, superaron as expectativas, a pesar de que todo apunta a que os totais serán de 4 millóns de quilos menos que o ano pasado, cando se acadaron os 73 millóns de quilos vendimados. 

O estrés hídrico e a subida de temperaturas rexistrada ao longo deste ano auspiciaba un impacto negativo na viticultura galega. Sen embargo, as choivas de verán e o bo tempo ao longo da vendima están dando uns resultados moi positivos ata o momento en cantidade, pero sobre todo en calidade. Denominacións de Orixe como Valdeorras anunciaron que están vendo unha das colleitas máis sas da historia.

Cantidades por Denominación de Orixe

A práctica ausencia de choivas durante as semanas que se leva facendo a vendima en todo Galicia deulle facilidades á colleita deste ano. “Unha vendima seca é unha garantía para o estado sanitario da uva, e polo momento, na Ribeira Sacra mantivéronse unhas condicións meteorolóxicas moi favorables”, detalla José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

A cantidade nesta Denominación non escapa das súas previsións, e esperan chegar preto dos 6 millóns de quilos, percibindo unha pequena merma nas uvas brancas. A cantidade prevista deste ano é lixeiramente menor aos 6,3 millóns vendimados no 2021. “Somos un 92% tinto, e como tal, ata o de agora temos recollidos 4.600.000 quilos de uva Mencía -un 90% aproximadamente-; despois das brancas, as cifras máis significativas son as do Godello por ser a uva maioritaria, e aproximándose aos 400.000kg recollidos -un 85% máis ou menos-“, afirma Rodríguez. Deste xeito, “como mínimo 20 das pequenas adegas xa rematamos a vendima, e agora na semana e media ou dúas semanas restantes esperamos acadar a cantidade pautada”, amplía.

Pola súa banda, a Denominación de Orixe Valdeorras leva un total de 5.801.034 quilos recollidos. “De Godello temos 3.873.749 quilos colleitados, mentres que de Mencía andamos polos 1.130.231 quilos; a previsión é chegar a un total de 6.000.000 ou 6.500.000, cunha baixada con respecto ao ano pasado”, explica Santiago Pérez, do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras. Esa baixada posicionarase entre os 500.000 e o 1.000.000 de quilos menos. “Aínda que as xeadas de abril danaron certas áreas cultivadas da rexión, polo momento salvaron sobre un 65% da produción; así mesmo, o cambio climático, materializado na seca e na subida de temperaturas, afectounos algo pero permitiu acadar unha calidade de recollida óptima”, sinala. Ata o de agora, finalizaron a colleita en torno a 14 adegas inscritas.

En canto á vendima en Monterrei, a día de hoxe levan recollidos 5 millóns de quilos, aproximadamente. “Esperemos rematar nas vindeiras semanas as labores de vendima, polo día 10 porque as condicións climáticas están sendo moi favorables, e están permitindo recoller aquelas que están no punto óptimo de maduración e esperar por aquelas que están a piques de acadalo”, expón o director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei Miguel López. As predicións do total apuntan chegar aos 6 millóns de quilos -sobre 200.000 quilos menos que na anterior vendima-, pero ata o momento “van 2.881.000 quilos de uva Godello recollidos, e 1.231.000 quilos de Mencía, e tan só remataron as labores de vendima 7 de 28 adegas inscritas”, detalla.

Seguindo a mesma liña, a Denominación de Orixe do Ribeiro cunha temporada de recollida “bastante tranquila”, prevé achegarse “ao tramos dos 10 millóns de quilos, pero sen poder avanzar moito máis de cantidades”, comenta o presidente do Consello Regulador Juan Manuel Casares. Cómpre ter en conta que a cantidade esperada non se desvía notoriamente dos 9,9 millóns de quilos do 2021. “Polo momento, un 65% aproximadamente das bodegas remataron completamente a vendima”, avanza. Igualmente, a Treixadura promete seguir sendo a raíña do Ribeiro, unha das castes maioritarias na Denominación que “albergou o 50% da produción do ano pasado”, sinala.

Finalmente, a Denominación de Orixe das Rías Baixas é a que está máis cerca da meta, con 40.600.000 quilos recollidos, fronte á cantidade esperada dos 41 millóns, case 3 millóns menos con referencia aos 43,7 millóns da última campaña. “Está practicamente o total recollido, á falta de rematar a vendima 3 ou 4 bodegas, polo que esta semana contamos rematar”, concreta o director técnico do Consello Regulador das Rías Baixas Agustín Lago. Da mesma maneira, fai fincapé en que “a pesar das preocupacións pola seca do verán, que trouxo como consecuencia unha leva deshidratación da uva, a situación foi mellorando coas chuvias tardías, acadando un bo para as necesidades da demanda”, apunta.

Unha uva excelente

A percepción dunha calidade excepcional na colleita deste ano converteuse nun tópico en todos os Consellos Reguladores, especialmente na uva branca. Despois do estrés hídrico que afectou á vide, principalmente nas zonas de Rías Baixas, Valdeorras, Monterrei ou do Ribeiro, “as choivas de xullo permitíronlle á planta recuperarse, e o froito é dunha calidade excepcional, no noso caso dun xeito especial para o viño tostado”, comenta Juan Manuel Casares.

Así mesmo, o presidente da Denominación prevé “un gran ano para o Ribeiro, pola calidade coa que traballaron e pola tecnificación vitícola da zona”, unha cuestión que plantexa “a necesidade dun aumento da base territorial produtiva”. Do mesmo xeito, o director técnico da Denominación de Orixe de Monterrei afirma que “a uva está tendo unha calidade fenomenal, favorecida pola estabilidade meteorolóxica durante a vendima”.

En canto á Denominación de Orixe de Valdeorras, os esquemas cualitativos encáixanos “nunha das vendimas máis sas de toda a historia”, sinala Santi Pérez. A pesar de que en termos de calidade se percibiu unha baixada por mor da climatoloxía “en calidade percibimos unhas condicións excepcionais, cunha gradación óptima entre os 12% e os 13% e un estado de maduración ideal, o cal, vai acompañado dun tempo que nos está permitindo recoller a uva no momento perfecto”.

Igualmente, Pérez aproveita para facer fincapé no aumento progresivo do recoñecemento dos viños da Denominación, e confía “en seguir conseguindo galardóns nacionais e internacionais como neste pasado ano, que fixeron de Valdeorras un viño referente a nivel mundial”.

Por último, o caso das Rías Baixas tamén traslada moi boas sensacións posto que a vide e a uva aguantaron mellor do esperado os períodos secos; o resultado foi mellor do esperado, sobre todo, en calidade. “Os técnicos estamos moi contentos coa maduración da uva, e ata o momento vemos un froito excelente, prevemos mostos moi aromáticos, e en termos de gradación temos un pouquiño máis que o ano pasado, cunhas medias ben logradas de 12,5%”, traslada Alberto Lagos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información