Galicia presenta un proxecto ao Perte Agroalimentario para modernizar e dixitalizar a industria láctea

Galicia presenta un proxecto ao Perte Agroalimentario para  modernizar e dixitalizar a industria láctea

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, do conselleiro de Medio Rural, José González, e da conselleira do Mar, Rosa Quintana, participa no Foro Next Generation sobre o Perte agroalimentario. Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), 15/02/23.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia presentará un proxecto tractor “forte, sólido e potente” ao Perte Agroalimentario enfocado a modernizar e dixitalizar a industria láctea.

Así o deu a coñecer o titular do Goberno galego na participación no Foro Next Generation Galicia do Perte Agroalimentario, no que estiveron presentes tamén o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro do Medio Rural, José González; e tamén asistiu a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Precisamente, Rueda lamentou que o sector da conserveira quedase fóra destas convocatorias e garantiu que o Goberno galego seguirá reclamando que se lle dea cabida.

Rueda atribuíu á colaboración público-privada e á unión do sector o resultado do proxecto tractor Smartz4milk que se presenta ao Perte Agroalimentario, produto da simbiose da industria láctea co ecosistema I+D+i. Sobre esta iniciativa, salientou o feito de que participan un total de 19 empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos xunto con outros de Asturias, Cantabria, Andalucía, Cataluña e Valencia, e que ten como obxectivo investigar e aplicar melloras nos procesos de produción da industria láctea.  

Integrantes

O proxecto integra preto dunha vintena de empresas das que nove son empresas lácteas líderes no sector e 11 empresas tecnolóxicas, de Galicia, Asturias, Cantabria, Andalucía e Cataluña.

Por parte de Galicia, as empresas son: Celta, Clun, Leite Río, Natur Leite, Queizuar, Bico de Xeado, Queixería Prestes, ASM, Plexus, Amslab, Sixtema. Centros de coñecemento: ITG, UVigo e a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus de Lugo (USC).

De Asturias participa Capsa Food. Por parte de Andalucía: Cooperativa Ganadeira del Valle de los Pedroches (Córdoba). De Cataluña: Inédit e Kersia e da Comunidade Valenciana: Centro Tecnolóxico, Embalaxe, Transporte e Loxística (Itene).

O presidente da Xunta considerou unha “oportunidade inmensa” optar ao Perte Agroalimentario, xa que lembrou que conta cunha partida de preto de 1.500 millóns de euros, pero lamentou que tivera que pasar un ano desde a súa aprobación ata que se publicou a convocatoria. No entanto,  defendeu a fortaleza da candidatura galega para acadar financiación. Por estes motivos, pediu “xustiza” e reclamou que “non sucedan as malas experiencias” doutros Perte, en referencia ao da automoción que deixou fóra na súa primeira convocatoria a Stellantis.
Proxectos lácteos con fondos europeos

Rueda salientou outros proxectos tractores que xa contan co apoio dos fondos europeos Next Generation, como son Milktelligence, que busca mellorar a produtividade do sector mediante a recollida de datos e visualización de indicadores clave na produción; e Smart4Cheese, que persegue impulsar a dixitalización integral no sector lácteo de queixerías.

O primeiro proxecto está liderado por Clusaga, e conta coa participación de Grupo Entrepinares, Queizúar, ASMSoft, Medrar Smart Solutions, Anfaco e ITG – Instituto Tecnolóxico de Galicia.

En canto a Milktelligence tamén está promovido por Clusaga, que implica dúas empresas tecnolóxicas (e Innogando) e tres empresas alimentarias (Galacteum, Feiraco e Cooperativa Agraria Provincial da Coruña).

Neste senso, amosou a súa preocupación pola baixa execución dos fondos europeos, tendo en conta que o Goberno central só leva convocado o 30% (12.339 M€) dos 41.000 millóns anunciados. Advertiu, ao respecto, que se necesita “máis celeridade” e para iso considerou necesaria unha “certa descentralización, porque o tempo pasa e isto móvese con demasiada lentitude”, reprochoulle ao Goberno central.

Aposta polo sector lácteo

O mandatario galego advertiu que “non é ningunha casualidade” esta aposta da Administración galega por proxectos do sector lácteo galego para optar tanto ao Perte Agroalimentario como aos fondos Next Generation, xa que lembrou que Galicia lidera a produción de leite en España e sitúase entre as dez principais a nivel europeo.
Ademais, puxo en valor que a nosa comunidade concentra a maior parte dos grupos empresariais lácteos de España e o feito de que máis da metade dos gandeiros do país son galegos; cuns 6.600 profesionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información