Entrevista a Eloi Villada Legaspi, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes , creada recentemente e que ten como obxectivo a difusión dos coñecementos técnicos entre os gandeiros. A súa próxima actividade será unha xornada sobre “Alternativas na gandeiría semiextensiva en Galicia: Produción sostible e aproveitamento do territorio”. Celebrarase o día 11 de decembro na finca do CIAM no Marco da Curra.
Por qué naceu a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF)?
A SGPF naceu porque había necesidade dela, ao ver como unha parte importante das terras de pastoreo e de produción de forraxe de Galicia se van perdendo, pasando a matogueira ou a forestal intensivo.
Existen moitos antecedentes: a British Grassland Society (BGS) foi a pioneira, e logo fóronse creando outras como a Sociedad Española para el Estudio de los Pastos (SEEP) ou a Sociedade Portuguesa de Pastagens e Forragens (SPPF). O problema é que en Galicia precisabamos unha sociedade cercana aos gandeiros e adaptada ás características do país noso.
“O sector agrario galego precisa máis superficie para poder alimentar a cabana gandeira do país a un custo razoable”
Así, os obxectivos da SGPF son, por unha parte, fomentar un mellor coñecemento entre os interesados e unha mellor utilización das nosas posibilidades de produción de forraxes, tanto de cultivos (millo, xirasol, ferrañas,nabos, coles..etc) como de superficies adicadas a pradeiras, tanto permanentes como temporais e sobre todo no referente á recuperación de terreos abandonados ou indebidamente forestados. Sabemos que hai moita información dispoñible, no CIAM, na universidade e na internet. O que falta é divulgala e popularizala entre técnicos e os responsables e traballadores das granxas.
Pretendemos fuxir de ser unha sociedade exclusivamente de especialistas e de técnicos, o que queremos popularizar os coñecementos, sensibilizar á xente e sobre todo dotar de mais e mellor información aos produtores de forraxes.
Esta desaproveitada a capacidade de Galicia para producir pastos e forraxes?
Sen dúbida e ademais é bastante evidente. O noso territorio para o que se presta polas súas características climáticas e orográficas é fundamentalmente para o crecemento das forraxes e dos pastos.
Ademais, os nosos produtos derivados do consumo deses pastos son de alta calidade e teñen alta consideración tanto en Galicia como no exterior. Sirva como exemplo a IXP Ternera Gallega.
Está cuantificado economicamente o valor dos pastos e das forraxes na produción agraria galega?
Hoxe non o sabemos nin é doado de medir. O que si é relevante é que actualmente só estamos utilizando en Galicia entre o 18 e o 20% do territorio para a agricultura, cando nun país normal estaría entre o 40 e o 50%. Se en Galicia incrementáramos a superficie cultivada aumentaríamos a produción de produtos agrarios e ademais de calidade. No mundo faltan alimentos producidos de xeito sustentable, tanto leite como carne e teñen mercado.
Observades en Galicia unha recuperación de superficie para pastos e forraxes ?
Pola miña experiencia observo que en determinadas zonas de Galicia, por exemplo na Terra Chá lucense, xa quedan poucas parcelas para aproveitar, porque a demanda é moi alta por parte dos gandeiros para manter a súa produción. Pero noutros concellos de zonas moi favorables o abandono ou a escasa utilización do territorio seguen a tendencia dominante.
Outra impresión que teño dunha viaxe á zona de Bergantiños e Soneira é que se están recuperando zonas de monte para prados e cultivos, terreos de boas características que estaban a monte arborado, elo debido a que as demanda de terra son importantes e tanto os prezos da terra como os alugueiros son atractivos de cara a mudar os usos do terreo.
“Hai zonas de Galicia nas que se están recuperando terreos a monte para pastos e forraxes”
Outro fenómeno máis recente na área dos Ancares, Navia de Suarna e Cervantes é a recuperación de superficies de monte para pasteiros, a pesar das dificultades propias desas zonas.
Un problema importante é que en moitos destes lugares nos que o abandono está moi avanzado , sobre todo nas zonas de montaña, houbo moita presión social para que a xente nova marchara e non se dedicase ás actividades agrogandeiras. Agora, parte da pouca xente nova que queda está volvendo os ollos cara eses terreos abandonados para recuperalos para pastos, ben mediante sistemas de laboreo mais ou menos intensivos ou mediante presión de pastoreo. E aí hai un abano amplo de técnicas nos que a SGPF quere promover e mostrar como facelo.
Queda moito por mellorar en Galicia en investigación nesta área?
Ese é un campo de investigación que estivo aberto nos anos 70 e principios dos 80 no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, incluso se fixeron cousas na Misión Biolóxica de Galicia. Xa nos tempos de Cruz Gallástegui, e traballos máis recentes con variedades de dactylo e en Galicia obtivéronse algunhas variedades propias de millo híbrido no CIAM. Tamén se obtiveron variedades de raygrass inglés, de dactylo, de trebo violeta…etc pero dalgún xeito esas investigacións, ralentizáronse ou mesmo se estancaron.
Agora estamos dependendo fundamentalmente da semente que ven de fóra, de Dinamarcha, Holanda, de Nova Zelanda, que non está garantido que se adapten ao territorio galego. O ideal sería ter variedades propias a partir das poboacións locais, e de aí poderían saír cousas interesantes como no seu día foi o ray grass inglés Brigantia, o dactilo Ártabro…etc. Sen embargo, aÍnda que con moitas dificultades, os técnicos do CIAM están desenvolvendo proxectos investigación de intensificación da produción forraxeira, que se están implantando rapidamente nas áreas leiteiras de Galicia.
Cales son os principais erros que comenten os gandeiros á hora de crear e manter pradeiras?
O primeiro que diría é que en Galicia temos unha gran diversidade de medios nos que as pradeiras son a produción dominante. Por exemplo, nas zonas de produción intensiva de leite o maior problema que detectamos é que a produción de herba é superior á que está a utilizar e recórrese en exceso a desbrozar o que aparentemente sobra, sobre todo a produción de outono ou o que é o mesmo os últimos cortes do ano.
Posiblemente temos un problema de exceso de fertilizantes nas zonas de produción mais intensiva, con exceso de fósforo e tal vez tamén de potasio. Os gandeiros seguen utilizando os adubos con P e K moitas veces sen ter necesidade. Sen embargo, encalase pouco.
“O gandeiros seguen utilizando os adubos con fósporo e potasio moitas veces sen necesidade”
Pola contra, noutras zonas dáse a situación contraria de falta de nutrientes nos pasteiros. Tamén temos que ter en conta a variabilidade climática: no norte non hai déficit hídrico no verán, mentres que no sur e no interior si, e polo tanto nesas zonas deberíamos traballar cun manexo das pradeiras diferentes, cos seus períodos de descanso, creando bancos de sementes no solo e tamén utilizando maquinaria para rexenerar as pradeiras.
Os coñecementos pero fáltanos a conexión cos gandeiros e iso é o que pretendemos contribuír a mellorar.
Que papel pode xogar a Administración para favorecer a produción de pradeiras e forraxes en Galicia?
Pode facer moitas cousas, pero o principal é esixir a aplicación da lei, tanto no relativo á delimitación das plantacións forestais, a obriga de incluír as fincas abandonadas no Banco de Terras durante dous anos antes de plantarlles árbores; vixiar que non se planta excesivamente.
Tamén é importante revitalizar as escolas de capacitación agraria, e a parte do ensino regrado, ensinar a materia de autoestima aos futuros agricultores e gandeiros.
E despois, a Administración debería potenciar mais axudas como a de implantación de pasteiros en montes veciñais en man común, que están en vigor dende o ano 1984 con bos resultados, aínda que precisa máis orzamento.
Por outra parte, é preciso estimular que os propietarios de fincas sen utilizar as aluguen a quen queira traballar a terra; poñer límites ás plantacións forestais en terras de cultivo ou de pasto; e formar aos técnicos das Oficinas Comarcais Agrarias neste campo.
E por último, dende a SGPF pedimos á Xunta que volva recuperar e a investir diñeiro na investigación en pastos e forraxes, tanto no CIAM coma noutras, para que volvan ser un facho de información.
En definitiva, a Administración debe favorecer aos pascicultores e non lles poñer pexas ao aumento da base territorial, mais ben ao contrario promover a recuperación de mais terreo.