A Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia deu este xoves un paso máis para esixirlle ao Ministerio de Agricultura a que obrigue a indicar na etiquetaxe do mel o país ou países de orixe do mesmo.
A iniciativa partiu da deputada de En Marea, Paula Quinteiro Araújo, e foi apoiada polo resto de grupos parlamentares, cunha emenda do Partido Popular.
En concreto, a proposición non de lei aprobada demanda que a Xunta inste ao Goberno Central a modificar a lexislación estatal vixente -Real Decreto 1049/2003 e Real Decreto 473/2015- “para introducir un cambio normativo que permita aos consumidores e consumidoras coñecer os países de orixe do mel que consumen”. Ademais, ínstase á Xunta a “impulsar a produción do mel producido baixo o amparo IXP Mel de Galicia”.
Paula Quinteiro lembrou que a lexislación europea permite etiquetar os meles importados, que non están amparados baixo a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, como «mestura de meles orixinarios da CE», «mestura de meles non orixinarios de CE» e «mestura de meles orixinarios e non orixinarios da CE», sen indicar as porcentaxes, o que induce á confusión en beneficio dos meles importados de China e doutros países así como das grandes empresas envasadoras e prexudicando aos consumidores e aos apicultores europeos.
As organizacións agrarias galegas, como o Sindicato Labrego, así como as asociacións apícolas e a IXP Mel de Galicia apoian a iniciativa de obrigar a indicar o país ou países de orixe do mel na etiqueta.
Italia xa deu o paso de obrigar a indicar o país ou países de orixe, algo que permite a lexislación europea
Paula Quinteiro lembrou que o Goberno Italiano “impuxo a obriga de indicar na etiqueta o país ou países de orixe onde o mel fose recollido (….) e a propia Comisión Europea recoñeceu que a Directiva 2001/110/CE do Consello relativa ao mel déixalles aos Estados membros a opción de elixir entre a regra xeral (impor a indicación do país de orixe) ou a excepción (permitir a utilización dunha indicación xenérica)”. “Polo tanto, -concluíu a deputada de En Marea- da contestación dada pola Comisión, infírese que, á hora de traspoñer a Directiva de referencia, e polo menos para este caso, a facultade de elixir corresponde ao Estado membro”, unha posibilidade que agora piden que tamén aplique o Goberno de España.