O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) participa, a través da sede en Santiago de Compostela da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), en dous proxectos de investigación europeos. Ambos están financiados con máis de catro millóns de euros pola convocatoria do EJP Soil (Programa Marco Horizonte Europa 2020), que inclúe a 24 países e persegue incrementar o coñecemento sobre o manexo do solo agrario e a súa relación cos máis importantes retos sociais, incluíndo o cambio climático, a seguridade alimentaria, os servizos ecosistémicos e a educación da sociedade sobre os problemas do solo.
Trátase dos proxectos “Modeling and mapping soil biodiversity patterns and functions across Europe” (MINOTAUR), liderado por CREA (Italia) e a Universidade de Wageningen (Países Baixos), e “AGROECOlogical strategies for an efficient functioning of plant – soil biota interactions to increase SOC sequestration (AGROECOseqC”, liderado por CREA (Italia) e INRAE (Francia).
En “MINOTAUR2 por España participa o CSIC a través da MBG, o Centro de Edafoloxía e Bioloxía Aplicada do Segura (CEBAS) e o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria de España (INIA). Ademais, conta con socios de nove países europeos (Francia, Irlanda, Países Baixos, Suecia, Suíza, Austria, República Checa, Eslovenia e Italia).
“Esta investigación ten un gran interese dada a elevada susceptibilidade dos chans ao cambio global e as importantes funcións que levan a cabo os organismos que habitan o solo. Sabemos desde hai anos que as prácticas agrarias e o propio cambio climático inciden na fertilidade e biodiversidade da terra. Neste sentido, o proxecto MINOTAUR busca harmonizar e acordar ese coñecemento dentro dunha perspectiva continental”, destacan desde o grupo Interaccións Microbioma- Solo-Planta da sede en Santiago da MBG do CSIC, que se encargará, xunto co CEBAS, do traballo de cuantificación e caracterización funcional da microbiota e da determinación do seu papel nos ciclos do carbono e outra macro e micro-nutrientes.
En “AGROECOseqC” por España participa o CSIC a través da MBG, o CEBAS e o INIA. Ademas, conta con socios de oito países, entre os que figuran Dinamarca, Turquía, Lituania, Holanda, Bélxica ou Austria.
O proxecto levará a cabo nunha rede de nove leiras experimentais distribuídas por toda Europa, incluíndo a Estación Experimental Finca La Canaleja (INIA-CSIC), nas que levan a cabo experimentos a longo prazo nos que se investiga como o aumento da agrobiodiversidade e a redución dos insumos externos promoven unha maior sincronía entre as demandas dos cultivos e a dispoñibilidade de nutrientes, mediados pola actividade da microbiota edáfica.
A composición e actividade da microbiota, a absorción de nutrientes polas plantas, as simbioses microbianas e as fervenzas tróficas estudaranse en profundidade, como principais factores nos ciclos de carbono e nutrientes do chan.
En concreto, investigarase de forma holística a diversidade funcional do complexo planta-fauna-microbiota do solo en nove emprazamentos na UE, para identificar estratexias agroecolóxicas (agricultura de conservación, agricultura ecolóxica) que freen a perda de carbono edáfico dos solos agrarios a longo prazo.
A sede en Santiago da MBG en colaboración co CEBAS liderará o traballo de cuantificación e caracterización funcional da microbiota e a determinación do seu papel no ciclo do carbono .
O INIA, pola súa banda, que liderará o traballo sobre fauna edáfica, co obxectivo de dilucidar o papel que xoga a diversidade de invertebrados do solo no secuestro de carbono e o ciclo de nutrientes, xunto co Instituto Pirenaico de Ecoloxía (IPE-CSIC), a Estación Experimental de Zonas Áridas (EEZA- CSIC) e a Estación Biolóxica de Doñana (EBD-CSIC).