Galicia padeceu unha das primaveras máis chuviosas desde que hai rexistros e afronta un verán que se prevé máis seco e caloroso do normal. Así o adiantou esta mañá en rolda de prensa o delegado da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) na comunidade autónoma, Francisco Infante.
En concreto, durante a primavera (meses de marzo, abril e maio) as precipitacións en Galicia foron un 46% máis elevadas da media do período, cun marzo que cualificou de “moi húmido”, un abril “normal” e un mes de maio “moi húmido”.
Aínda que non ofreceu datos o delegado da AEMET, o mes de xuño tamén semella que será un dos máis chuviosos e fríos dos últimos anos.
En canto ao verán será “máis cálido” e “máis seco” do normal en toda Galicia, segundo o avance realizado, en rolda de prensa, polo delegado de AEMET.
O prognóstico de Aemet para os meses de xullo, agosto e setembro é unha “probabilidade moi alta” de que sexa un verán “máis cálido” e “máis seco” do normal en toda España. A previsión é, segundo sinalou Infante, que se sitúe “entre o 20% dos veráns máis cálidos”.