O futuro sen cotas que comeza o 1 de abril encárase en Galicia con moitos deberes por facer, según a análise na que coinciden a maioría de axentes do sector. Nas explotacións, o reto pasa pola baixada dos custos de produción; na comercialización nos supermercados, por lograr maiores prezos para o leite, en tanto que nas industrias, a cuestión é a falta de produtos de valor engadido e as dificultades para acceder a novos mercados.
A proposta da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) de estudar o impulso a un proxecto industrial que encare esas dúas eivas é ben recibida en xeral polo sector, aínda que con matices. Pedimos a opinión de tres organizacións agrarias e da asociación Terra e Leite, que naceu hai uns meses da man dun grupo de expertos no sector para prestixiar e poñer en valor a produción láctea na comunidade.
“Fan falta grandes proxectos e de envergadura” (Xosé Turnes, Terra e Leite)
“Hai que ser ambiciosos e todo o que caia na rede é peixe”, expresa Turnes en relación ó proxecto de Agaca. “O gran problema do leite en Galicia é chegar ós mercados. Fan falta grandes proxectos e de moita envergadura porque os mercados locais da UE están saturados; crecen as vendas de produtos de alto valor engadido, pero son produtos que empregan pouco volume de leite e que dependen moito do marketing para a súa comercialización. O que necesitamos en Galicia son complexos industriais que permitan a fabricación de queixos dirixidos á exportación e de leite en po como elemento regulador de mercado. É verdade que o leite en po non aporta moito valor engadido, pero si permite chegar a grandes mercados”
“As cooperativas poden xogar un papel esencial pero non creo en proxectos faraónicos” (Isabel Vilalba, Sindicato Labrego)
A lembranza do fallido proxecto de Alimentos Lácteosestá moi presente na análise da secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba: “Pensamos que as cooperativas poden ser unha ferramenta clave para os produtores, pero haberá que analizar a solidez e as características dun posible proxecto”, valora. “Nós non cremos en proxectos faraónicos; xa vimos como rematou Alimentos Lácteos, con impagos ás explotacións suministradoras, con perda de cartos públicos investidos e coa ruína de cooperativas como Gancobre, Tierra Llana, La Arzuana ou Xestigán”, resume a secretaria xeral do Sindicato Labrego.
A aposta da súa organización céntrase na busca de procesos industriais que aposten por xerar maior valor engadido para o leite en mercados próximos. “A gran eiva da parte industrial é que a maior parte do leite comercialízase como leite líquido en brik, un produto que se malvende na distribución e que deixa moi pouco valor engadido. Habería que apostar por producións con máis valor no mercado, caso dos postres lácteos”.
Sobre as posibilidades dun proxecto industrial enfocado en parte á exportación, Vilalba considera que se está creando un mito de ‘Eldorado’ en torno ós mercados de exportación: “A día de hoxe o mercado da exportación está sufrindo moito, con problemas como o veto ruso. Fálase tamén moito do aumento da demanda en China, pero un informe da departamento de Agricultura de USA calcula unha reducción da demanda en China no 2015 de máis dun 5%. Estamos ademais ante mercados moi volátiles e nos que teríamos que competir con explotacións cuns custos de produción moi inferiores ós nosos”, valora Isabel Vilalba.
“Non hai tempo para experimentos; débese apostar pola integración das grandes cooperativas lácteas industrias da península” (Roberto García, Unións Agrarias)
“O futuro sen cotas coloca o foco no modelo industrial e en España están os deberes sen facer. Precisamos dunha concentración industrial que mova volume de leite e produtos diversificados, pero non hai tempo para novos experimentos e hai que aproveitar as ferramentas financieiras que posibilita a Ley de Integración de Cooperativas”, valora o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.
“Trátase de que as cooperativas industriais do Estado, de distinto tamaño, busquen fórmulas de concentración. Falamos de Feiraco, de Central Lechera Asturiana, de Iparlat (País Vasco) ou de Covap (Andalucía), e se me apuras tamén da cooperativa portuguesa Lactogal, propietaria de Leche Celta. Estariamos ante un proxecto que xestionaría a metade do leite producido en España”, defende García. “Para unha integración de cooperativas de base con cooperativas industriais non hai cartos no campo nin tampouco temos tempo”, considera o secretario xeral de Unións en alusión á proposta que partiu de Agaca.
Sobre as posibilidades do mercado exterior, García considera que hai que apostar pola diversificación e tamén polo leite en po para exportación como “elemento que regule o mercado” en intres de excedentes. “Na primavera, en intres de excedentes de produción, pódese recurrir á produción de leite en po e de manteiga para evitar oscilacións á baixa nos prezos en orixe que se pagan no agro”, valora.
“Estamos nas mans das multinacionais; todo o que sexa unir ó sector e valorizar o leite é positivo” (Juan Pérez, Xóvenes Agricultores)
“Agora mesmo estamos nun escenario no que o leite galego se vende como un produto banal, como leite en brik a baixo prezo, e ademais a maior parte da recollida de leite está nas mans das multinacionais como Lactalis, así que todo o que sexa que os produtores se unan para proxectos que lle dean valor engadido ó leite está ben”, entende Juan Pérez, de Xóvenes Agricultores. “Calquera proxecto que se acometa debe ter en conta tamén á pouca industria galega que queda, caso de Leite Río, e apostar por valorizar o leite, por productos que xeren máis ingresos no mercado, como os produtos enriquecidos ou os postres lácteos”.