“Galicia necesita producir máis vacún maior de calidade porque a demanda medra sen pausa”

Hai alta calidade, hai unha imaxe inmellorable e hai un mercado interesado e interesante. Pero Galicia aínda non produce toda a carne de vacún vello e alta restauración que os consumidores lle demandan. Foi a principal conclusión dunha xornada organizada pola Sociedade Galega de Pastos e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo na que se abordaron outros aspectos como a dixitalización das granxas, o manexo en alta montaña ou o día a día das explotacións

VACAS CEBREIRO

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) en colaboración coa Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, celebrou en Samos unha nova xornada sobre “As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña”. Desta volta, a produción de vacún de calidade como alternativa para as zonas de montaña foi o principal tema que se debatiu. No acto colaboraron tamén a empresa Innogando, a Consellería do Medio Rural e o Concello de Samos.

Situación da gandería de montaña

Eloi Villada, presidente emérito da SGPF, foi o encargado de abrir a xornada. Villada fixo un repaso pola situación da gandería de vacún nalgúns concellos da montaña luguesa: Baralla, Becerreá, Cervantes, O Courel, Ribas de Sil, Quiroga, As Nogais, Pedrafita, Samos, Pobra do Brollón e Triacastela.

Agás en Triacastela, no resto de concellos produciuse unha redución tanto do número de explotacións como de cabezas de gando. No período 2019-2023, a baixada de granxas foi do 15%, é decir, un 3% anual. E o censo de gando caeu un 6,9%, polo tanto, o 1,4% cada ano.

Villada sinalou que os incendios de 2023 na montaña luguesa -con 12.800 hectáreas afectadas- tiveron máis impacto nos concellos con menor número de cabezas de gando, que foron Quiroga, Pobra do Brollón e O Courel.

Os vindeiros cinco anos serán decisivos para o mantemento ou a desaparición do gando na montaña. (Eloi Villada, Sociedade Galega de Pastos e Forraxes)

Para o enxeñeiro, os vindeiros cinco anos serán decisivos para o mantemento ou a desaparición da actividade gandeira na montaña. “Ou aumenta o número de vacas, ou os terreos pasan a mato ou a eucalipto. E a eucaliptización sempre supón abandono do rural.”, sinalou.

Villada fixo un chamamento ós gandeiros para se unir e poñer en marcha proxectos que vaian de abaixo cara arriba. “Os programas LIFE da UE son un bon exemplo de como a unidade dos actores do sector poden mellorar a realidade económica, administrativa, social e ambiental.” Os tractores de cadeas, os peches virtuais e a IA son exemplos de ferramentas que, asegurou Villada, deben servir para manter a actividade gandeira na montaña.

Villada puxo o foco na perda progresiva de cabezas de gando na montaña luguesa

Villada puxo o foco na perda progresiva de cabezas de gando na montaña luguesa

Dous exemplos de gandería de carne en Pol e Samos

Gutier Salgado, gandeiro a tempo parcial, cría bois no concello de Pol e explicou os seus métodos de traballo na explotación familiar. Salgado dispón de 15 hectáreas para 8 nodrizas e 7 bois da IXP Vaca Gallega – Buey Gallego. Ata o de agora vendíalle parte da herba a unha granxa leiteira da que tamén reciben esterco para o abonado das pradeiras.

Na explotación aplican unha rigorosa selección xenética tendente a evitar a aparición de exemplares culóns. O que a granxa agarda é ter unha media anual de 15 bois e 10 nodrizas, coa idea de comercializar 2 bois cada ano.

Os bois cápanse no primeiro mes de vida, porque a cirurxía é máis sinxela que cando medran. Se ben esa castración temperá fai que o xato se afeminice e retrase o seu crecemento, o certo é que acaban acadando un peso óptimo e cun nivel de graxa axeitado. No primeiro ano de vida os bois comen o mesmo que un becerro normal, pero pasado ese tempo, a dieta é de pasto e forraxe.

Salgado cifrou en arredor de 5.000 euros o beneficio neto que se pode obter por cada boi, é decir, uns 750 euros anuais para exemplares de seis anos. O gandeiro valorou que o traballo cos animais esixe mellora continua, polo que está a perfeccionar os labores de comercialización, infraestrutura, xenética, pastoreo e composición da pradería.

Diego Vila incidiu nas dificultades para abastecer de auga as vacas na zona da Lóuzara

Diego Vila incidiu nas dificultades para abastecer de auga ás vacas na zona da Lóuzara

O minifundio é o principal problema de Diego López Vila, gandeiro en Lóuzara (Samos). O mozo manexa 24 hectáreas de terreo pero divididas en 200 parcelas. Eso dificulta un manexo totalmente eficaz do seu rabaño de 26 vacas nais e os xatos que nacen todos os anos. Polo de agora ten que levarlles auga e poñerlles o fío todos os días para que o traballo sexa efectivo.

Diego López ten 24 hectáreas, pero repartidas en 200 parcelas, un minifundio extremo que dificulta o manexo do gando

“Nestas zonas de alta montaña é moi traballoso subirlle auga todos os días ao gando. Pero tamén é imprescindible. Por eso estou pensando en implementar un sistema de tanques que garantan o subministro sen que teñamos que ir todos os días. Ou nalgunha fórmula de traída. Eso simplificaría o abastecemento e deixaría tempo para traballar noutros aspectos da granxa.”, explicou.

O uso das novas tecnoloxías e a cooperación veciñal serán imprescindibles para continuar coa gandería na montaña. (Diego López, gandeiro de Samos)

Como boa parte das explotacións galegas, Diego tivo problemas coa EHE no pasado. E, aínda así, aposta porque a súa explotación medre mediante un modelo extensivo. “As nosas instalacións están anticuadas e creo que o manexo en extensivo, mellorando o acceso á terra, pode ser moito máis rendible para nós como granxa e para a contorna no aspecto medioambiental.”

Con todo, Diego ten pensado montar un cebadeiro de cara ao futuro, a medida que a granxa vaia medrando, para diversificar a súa oferta. E, ademais, serviríalle para dispoñer do abono que precisa porque actualmente só dispón do que aportan as súas vacas e do que merca noutro cebadoiro.

Nesa liña de futuro, tamén fixo cruzamentos de frisoa con belga azul para que o rabaño sexa máis heteroxéneo. “O futuro da gandería de vacún nestas zonas de alta montaña pasa pola dixitalización, polo uso de tecnoloxía e pola colaboración veciñal.”, afirmou.

Investigación e experiencias de mellora
Teresa Moreno, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), lembrou que Galicia produce 97.000 toneladas de carne de vacún anuais, é decir, o 13,5% do total da produción española. E é que o 32,73% do vacún que se sacrifica en España procede de granxas galegas. Desa cifra, o 8% son xovencas, o 48% tenreiras, o 38% vacas vellas e o 6% bois.

Os estudos realizados polo CIAM serviron para fixar os criterios da IXP Vaca e Boi de Galicia, explicou Moreno

Os estudos realizados polo CIAM serviron para fixar os criterios da IXP Vaca e Boi de Galicia, explicou Moreno

Moreno explicou as diferentes investigacións que se realizaron no CIAM sobre manexo e alimentación de vacún adulto e como incidían na cantidade e calidade da carne producida. Esas investigacións serviron para desenvolver os requisitos que impón a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi de Galicia e que regulan as características da carne.

A maduración da carne nas cámaras non debera exceder dos 45 días días para evitar problemas de contaminación anaerobia. (Teresa Moreno, CIAM)

A investigadora citou tamén traballos realizados con vacas frisoas de entre 4 e 10 anos de idade. O que se comprobou foi que os resultados de engorde son mellores se na alimentación se emprega silo de millo no canto de silo de herba. E lembrou que en todas as investigacións constataron que a alimentación é clave para combater problemas de patas, que acaban supoñendo unha perda económica importante.

Outras conclusións extraídas do labor do CIAM que explicou Moreno sinalan que as vacas sometidas a castración presentan uns índices de graxa intramuscular (a famosa infiltración) superior a aquelas que non foron capadas. Ou que engadir o pigmento betacaroteno no penso -uns 15 gramos por quilo- pode levar a que a graxa adquira unha cor amarela /alaranxada que a fai máis atractiva para o comprador.

A suplementación da alimentación dos animais con betacaroteno fai que a graxa sexa máis amarela e, por tanto, máis atractiva para o comprador

O CIAM fixo un seguimento exhaustivo da evolución da graxa na carne de vacún galego

O CIAM fixo un seguimento exhaustivo da evolución da graxa na carne de vacún galego

Respecto da maduración da carne -algo imprescindible hoxe polas esixencias sanitarias e de mercado- Moreno avogou por ir a unhas estadías en cámara non superiores a 45 días. Porque hai empresas que se van ata 90 días e eso dispara o risco de contaminación anaerobia. E recalcou que, como marca a IXP, o cebo mínimo de seis meses antes do sacrificio garante uns resultados óptimos.

Santiago Crecente participou en boa parte das investigacións desenvolvidas no CIAM. Agora pasou á oficina rural da Xunta de Galicia e aproveita o tempo libre para poñer en práctica os asesoramentos que realiza en materia de gandería de carne en extensivo. Así, explicou o que leva feito nunha parcela de Ponte de Outeiro (Castro de Rei) co cebo de vacún.

Crecente e os seus irmáns aproveitaron unha parcela de 1,5 hectáreas para sementar raigrás inglés e trevo branco co obxectivo de cebar vacas adultas en base a pasto e concentrados, e que conviviran na mesma leira con árbores froiteiras que había que protexer do gando.

O primeiro que fixeron foi pechar a leira con travesas de tren nos vértices e estacas de carballo, con malla metálica pola parte exterior das estacas e fío eléctrico polo interior. Escolleron un tipo de malla de alta durabilidade que tamén aplicaron á protección das froiteiras.

A maiores, instalaron dous bebedeiros de 1.000 litros cada un, unha manga individual, un pastor de placa solar, un cobertizo de lona e unha cancela para apartar animais. En total gastaron 11.509 euros nas estruturas para traballar.

Introduciron cinco vacas frisoas de desvelle e dúas de cruzamento de razas de montaña. E tivéronas na parcela entre marzo e novembro. Dese xeito, durante toda a primavera só comeron pasto e, cando este se foi acabando, completaron a ración con fariña de millo e penso a discreción. A finais de novembro mandaron os animais a sacrificar.

No primeiro ano de experiencia e con moito que mellorar conseguimos obter un retorno económico importante. (Santiago Crecente, gandeiro a tempo parcial)

Crecente indicou que as vacas coas que traballaron non eran de calidade e consumiron unha cantidade de concentrados moi elevada. E, sen embargo, obtívose un beneficio logo da súa venda de case 3.500 euros. Polo tanto, cun retorno económico en só 8 meses e coa vantaxe de non ter que traballar no inverno nin adicar demasiadas horas ao coidado das vacas e puidendo incrementar a carga gandeira no futuro.

Crecente explicou as vantaxes e inconvenientes que presenta a súa experiencia gandeira a tempo parcial

Crecente explicou as vantaxes e inconvenientes que presenta a súa experiencia gandeira a tempo parcial

Nos inconvenientes do modelo, Crecente mencionou a imposibilidade de prolongar o cebo dun animal se aínda non acadou o seu peso óptimo, o alto consumo de concentrados, a necesidade de descornar os animais para que non danen as froiteiras ou os problemas coas moscas no verán.

Castración. Unha práctica á alza

A castración de vacas adultas -ovarictomía- para mellorar a calidade da carne é unha práctica cada vez máis habitual no sector. O veterinario José Manuel L. Préstamo explicou que as diferentes técnicas de extracción ou inutilización dos ovarios de vacún comezaron a aplicarse en Uruguay, un dos grandes produtores mundiais de carne de vacún.

Préstamo explicou que, unha vez castrada, o ideal é que a vaca complete un proceso de cebo de 18 meses. E, como vantaxe da ovarictomía, indicou que a enerxía que a vaca ía gastar no seu sistema reprodutivo vai ir destinada ao engorde, polo que sempre dará máis quilos en canal que unha sen castrar.

A castración das vacas leva a que destinen a engorde a enerxía que empregaban no sistema reprodutivo. (José Manuel L. Préstamo, veterinario)

O veterinario aproveitou o acto para dar a coñecer un sistema de ovarictomía no que está a traballar e que valora patentar nos vindeiros meses. Ata o de agora, a técnica máis habitual era a da laparotomía central de flanco esquerdo, pero implicaba a castración total e resultaba moi invasiva. De aí que estean a xurdir métodos alternativos.

Préstamo sinalou tamén que en Galicia, pola xenética, a alimentación e o manexo hai moitas vacas que presenta quistes nos ovarios, o cal dificulta a súa extracción porque adquiren tamaños superiores aos estándar dos instrumentos cirúrxicos cos que se traballa. E aclarou que, sexa cal sexa a técnica empregada, sempre é obrigatorio o uso dalgún tipo de anestesia.

A castración das vacas leva a un mellor engorde e produción de graxa na parte final do cebo

A castración das vacas leva a un mellor engorde e produción de graxa na parte final do cebo

Outra recomendación é a de castrar vacas de descarte que teñan máis de 5 anos. Porque xa están formadas e o proceso de engorde non compite co proceso de crecemento. Entre as vantaxes, o veterinario lembrou que a inhibición sexual fai que as vacas estean máis tranquilas e se reduza o risco de accidentes e lesións. E tamén que desaparece a ansiedade propia das épocas de celo que, nalgúns casos, provoca perdas de peso de entre 15 e 20 quilos por cada ciclo de celo. Ademais, desaparecen as preñeces non desexadas.

Así, afirmou Préstamo, conséguese que un produto de descarte adquira moito máis valor económico. E cun engorde máis rápido que deriva nunha carne cunha graxa mellor depositada, cun marmorización óptima e máis tenra. E sen que as vacas obxecto de castración deixen de dar leite se estaban en lactación.

O papel das novas tecnoloxías

Que as novas tecnoloxías van ser claves no mantemento da actividade gandeira é algo no que coincidiron todos os ponentes. Foi o caso de Ero Couso, da empresa Innogando, que explicou o funcionamento dos dispositivos que desenvolveron para medición de parámetros e control dos animais en gandería extensiva.

Couso fixo un repaso polos cinco anos de historia da empresa, que naceu “pola detección de necesidades que había no sector e que precisaban dunha solución”. Unha traxectoria que os levou a saltar ao mercado internacional, mesmo nun tan esixente como o dos Estados Unidos.

O noso sistema permite realizar un traballo de control e monitorización dixitais sen depender da cobertura de telefonía e internet. (Ero Couso, Innogando)

Malia ser dixitais, os diferentes dispositivos que desenvolveu Innogando caracterízanse por non precisar de cobertura telefónica nin de internet para funcionar. O que empregan é un sistema de antenas independentes que garanten en todo momento a recollida e transmisión de datos. Ademais, hai a posibilidade de que granxas que estean próximas entre sí compartan o sistema de antenas.

Couso explicou que os dispositivos de Innogando combinarán monitorización das vacas con balados virtuais

Couso explicou que os dispositivos de Innogando combinarán monitorización das vacas con balados virtuais

Outro dos logros da empresa foi conseguir crear prototipos que funcionan con baterías de recarga mediante enerxía solar. Dese xeito, non hai que estalas cambiando ou revisando continuamente. De feito, no CIAM comprobaron que a maioría dos dispositivos mantiñan en todo momento niveis de carga superiores ao 90%, explicou Santiago Crecente.

Os colares de Innogando monitorizan toda a actividade das vacas, sexan de carne ou de leite. A través dos movementos, detectan celos, enfermidades, niveis de rumia por hora, seguimento do proceso de parto…e van colocados no pescozo para facilitar a recarga mediante a enerxía solar.

A empresa de Cospeito -que conta con 35 traballadores- é unha das tres que operan en España no sector dos valados virtuais. O dispositivo RUMI PRO, que estará dispoñible nos vindeiros meses, engádelle á monitorización das vacas a posibilidade de establecer valados virtuais para restrixir o movemento do rabaño sen necesidade de presenza física do gandeiro nin de pastores eléctricos ou arames.

A gandería de montaña e a de tempo parcial son as que máis se poderían beneficiar destes dispositivos. A de tempo parcial porque permite manter o control do gando en ausencia prolongada do gandeiro e a de alta montaña porque facilita o manexo en zonas de moita pendente e difícil acceso.

Situación e tendencias de mercado: “O futuro está no pasado”

Miguel Gutiérrez, da empresa cárnica Gutrei (Bóveda), fixo un repaso pola actual situación do mercado da carne de alta calidade. E sinalou que vivimos un momento de “paradoxo do mercado”, esto é, que a demanda é cada vez maior ca oferta. Se hai 20 anos o 10% das vacas que chegaban a matadoiro eran de alta calidade, hoxe ese índice baixou ata o 5%.

Un dos motivos que levou á perda de calidade está nas granxas intensivas de leite. “As vacas chegan a cebadeiros e matadoiros esgotadas e sen posibilidade de mellora da súa carne. Non é posible cebalas con éxito e, se se sacrifican ao acabar o seu ciclo produtivo de leite, os resultados son malos en calidade e cantidade.”, explicou.

A alta restauración ten unha demanda crecente de vacún de calidade galego

A alta restauración ten unha demanda crecente de vacún de calidade galego

As características do mercado galego variaron moito nos últimos anos. Así, se os mercados de vacún vello de calidade se reducían a Euskadi e Madrid, agora a maioría da carne que sae vai á importación fóra mesmo da Unión Europea.

A imaxe da carne galega é inmellorable. Pola súa procedencia xa ten garantida a venda. Pero aínda se pode mellorar. (Miguel Gutiérrez, Gutrei)

Pero é no consumo onde se produciu o gran cambio. Carnicerías, restauradores, tendas gourmet e os propios consumidores buscan animais vellos e gordos. E, sobre todo, que presenten unha cor da graxa o máis amarela posible. E, se é alaranxada, mellor que mellor. A cor da graxa substituíu á propia infiltración e marmorado como parámetro principal á hora de mercar.

Polonia, Países Baixos e Alemania son os grandes competidores de Galicia neste sector. Avantáxannos en volume producido, uniformidade das pezas e custos de produción e tenrura da carne, por ser animais máis novos. Pero as vacas galegas impóñense en aroma, textura, apariencia e sabor. Gutiérrez dixo que a palabra “Galicia” unida a “carne” xa garante o éxito en calquera mercado.

Polonia, Países Baixos e Alemania son os grandes competidores de Galicia en carne de vacún maior

O xestor cárnico coincidiu con Teresa Moreno en que o emprego de betacarotenos na ración pode axudar a modificar a cor da graxa. “Pero, a maiores deso, o que facemos cando temos un exemplar da máis alta calidade é analizar a súa xenética, procedencia, manexo e dieta para que o gandeiro poida repetila con outros exemplares e reproducir esas mesmas características.”

Gutiérrez animou os gandeiros a afondar en manexos que leven a unha coloración amarela/alaranxada da graxa das vacas

Gutiérrez animou os gandeiros a afondar en manexos que leven a unha coloración amarela/alaranxada da graxa das vacas

Gutiérrez considera que para ter carne de calidade son moito máis importantes o manexo e a alimentación que a raza de vaca escollida. De feito, apuntou, a súa experiencia amósalle que boa parte das mellores canais son as de vacas resultado de cruzamentos de razas, incluso con razas leiteiras.

Finalmente, o xestor dixo que as industrias e a restauración prefiren animais duns 600 quilos/canal e con chuleteiros de 50-60 quilos. Porque son pezas máis vendibles e manexables e que teñen menor cantidade de desperdicio. Con todo, segue habendo mercado para os grandes animais de 800 ou máis quilos/canal e chuleteiros por riba de 80 quilos.

“O futuro está no pasado”, asegurou Gutiérrez, sinalando o norte de Portugal como exemplo a seguir por Galicia. “O aproveitamento de todos os pastos que ofrece o territorio e o emprego de razas autóctonas e de mesturas das mesmas non só vai facer que teñamos unha carne de altísima calidade, senón que proxectemos unha imaxe especialmente atractiva no mercado.”

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información