Galicia mantén prezos do leite por baixo das comunidades veciñas

As granxas galegas remontan cos novos contratos, pero quédanse a entre 2 e 3 céntimos das ganderías do resto da Cornisa Cantábrica

Galicia mantén prezos do leite por baixo das comunidades veciñas

O último informe de prezos do leite do Ministerio amosa unha certa recuperación dos prezos en Galicia no mes de abril (+ 1,4 céntimos de media), a raíz dos novos contratos. O prezo medio percibido polas granxas galegas achégase así un pouco ó medio en España, que só subiu + 0,5 céntimos en abril, pero continúa afastado das comunidades veciñas.

En Galicia, as granxas percibiron de media en abril 48,9 céntimos, polos 52,1 de Asturias, 51,1 de Castilla y León ou 50,9 de Cantabria. A media española, na que o prezo galego ten gran influencia, é de 50,1 céntimos.

Dáse a circunstancia ademais de que o leite galego continúa a ser líder en sólidos a nivel de España, cun 3,92 de graxa (pola media estatal de 3,83) e un 3,39 de proteína (media española de 3,38).

En canto á produción acumulada a mes de abril, continúa lixeiramente por baixo dos primeiros catro meses do 2024. Sen contar que aquel fora un ano bisiesto, a redución da produción pódese estimar en torno ó 1% no conxunto de España.

A situación dunha lixeira produción á baixa é tamén compartida na UE, onde a caída ronda o 0,7% de media nos primeiros meses do ano.

Para abril, os prezos en Europa apuntan a unha leve recuperación (+ 0,3%), segundo as previsións do Observatorio do Sector Lácteo. En marzo, os prezos medios na UE foran de 53,2 céntimos. Un dato a destacar é que España é o único país da UE onde o prezo medio de marzo do 2025 foi inferior ó de marzo do 2024 (- 3%), en tanto no resto de países, o ascenso medio de prezos foi do 14%.

De estar nunha situación de prezos punteira en Europa hai un ano, España pasou a estar 3 céntimos por baixo da media europea.

A nivel de mercado, en Europa apréciase un aumento da produción de queixos, manteiga e iogures, en tanto leite líquido, leite en po desnatado e nata baixan. Nos prezos dos produtos lácteos industriais, a nota positiva é que manteiga e queixos manteñen estabilidade en niveis altos.

Leite ecolóxico
No leite ecolóxico, o prezo medio en Galicia foi de 60,6 céntimos en abril. Por comunidades, Galicia é a gran produtora de leite ecolóxico, un sector que só ten certa importancia tamén en Cataluña, onde os prezos se sitúan nos 64 céntimos.

A nivel europeo, a situación de prezos é moi variada. En Francia, por exemplo, o leite ecolóxico págase por debaixo do convencional (49 céntimos), malia ter un sector ecolóxico importante, que produce o 4,8% do leite do país. O extremo contrario represéntano casos como o de Italia, que se sitúa nos 71 céntimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información