Galicia mantén as medidas contra a dermatose nodular

A Xunta prorroga durante setembro as restricións para protexer a cabana bovina, mantén as feiras e mercados só con animais galegos e reclama ao Estado unha maior coordinación e unha vacina preventiva

Galicia mantén as medidas contra a dermatose nodular

Vaca afectada por dermatose nodular. / Arquivo.

A Xunta manterá durante un mes máis as medidas preventivas fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC) para protexer a cabana bovina galega. A Consellería do Medio Rural publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución que prolonga estas medidas entre o 1 e o 30 de setembro, ambos incluídos, aínda que poderán ampliarse en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade.

A decisión baséase na análise permanente do risco sanitario realizada polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería, que consideran necesario manter polo momento as medidas cautelares vixentes na comunidade.

Entre as disposicións que continúan activas está a autorización de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial, pero exclusivamente coa participación de animais procedentes de explotacións galegas. Ademais, os vehículos procedentes doutras comunidades ou do estranxeiro que acudan a estes eventos deberán entrar baleiros e previamente limpos, desinfectados e desinsectados.

No caso de concursos, certames, poxas ou exhibicións de carácter extraordinario, será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

A Xunta tamén mantén un período de vixilancia veterinaria de 28 días para os bovinos destinados á vida que procedan de explotacións situadas fóra de Galicia. Durante ese tempo, os animais incorporados e os que xa estaban na explotación quedarán cautelarmente inmobilizados. Así mesmo, será obrigatoria a desinsectación dos bovinos presentes nas explotacións que incorporen novos animais, así como dos vehículos que transporten gando con destino a Galicia, tanto para vida como para sacrificio. Neste último caso, mantense a posibilidade de entrada sempre que o traslado se realice directamente ao matadoiro.

Os Servizos Veterinarios Oficiais continuarán supervisando a situación sanitaria, a inmobilización das explotacións, a correcta desinsectación e as condicións de limpeza dos vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Tranquilidade e peticións ao Estado
A Xunta insiste en lanzar unha mensaxe de tranquilidade ao sector e á cidadanía, xa que non se detectou ningún caso de dermatose nodular contaxiosa en Galicia. Ademais, a enfermidade non se transmite ás persoas, nin polo contacto con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos.

Medio Rural reclama ao Ministerio de Agricultura unha maior coordinación entre as comunidades autónomas e unha estratexia común para afrontar a enfermidade. Tamén pide que España impulse na Unión Europea unha vacina marcada de uso preventivo, así como unha maior flexibilidade nas medidas ante a detección dun posible caso.

A Xunta solicita igualmente revisar a actual clasificación da enfermidade e incluíla nos seguros agrarios, ao considerar que as medidas asociadas á súa catalogación como enfermidade de categoría A poden xerar importantes consecuencias para as explotacións gandeiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información