Galicia mantén a incógnita sobre os problemas de recollida do leite na primavera

Os gandeiros barallan novas mobilizacións. Medio Rural centra o esforzo a curto prazo en reclamar medidas de regulación de Bruxelas e proxecta unha reunión con queixeiros e primeiros compradores

Galicia mantén a incógnita sobre os problemas de recollida do leite na primavera

Primeira reunión do grupo de traballo que impulsará un plan de fortalecemento para o sector lácteo galego.

A Consellería do Medio Rural acolleu hoxe a primeira reunión do grupo de traballo que impulsará un plan de fortalecemento do sector lácteo. O plan centrarase en cuestións estratéxicas de futuro que todos os participantes coinciden en sinalar como positivas, se ben sobre a mesa quedou unha incógnita por despexar. Que plan hai para as dificultades de recollida do leite que xa comezaron e que probablemente aumenten na primavera?

Tras a reunión, a conselleira, Ángeles Vázquez, apelou ó compromiso das grandes industrias lácteas de manter alomenos os mesmos volumes de recollida do 2015. En canto ós primeiros compradores intermediarios, onde se está a concretar o problema estas últimas semanas, a titular de Medio Rural anunciou que ten prevista unha próxima reunión con primeiros compradores e queixerías.

Non foi posible coñecer as propostas da industria, que non acudiu á reunión do grupo de traballo convocada pola Xunta

Entre tanto, a Consellería centra o esforzo a curto prazo en reclamar medidas de regulación de mercado por parte de Bruxelas. Para o 14 de marzo está previsto un Consello de Ministros de Agricultura no que España, entre outros países, proporá unha suba dos prezos de intervención do leite en po e da manteiga. A reunión do grupo de traballo do sector lácteo serviu tamén para recoller as propostas ó respecto do conxunto do sector, co obxectivo de unificalas e trasladarllas ó Ministerio.

Industrias
Non foi posible coñecer as propostas da industria nin sobre os excedentes primaverais nin sobre as medidas que debería adoptar Bruxelas, xa que a parte industrial foi a gran ausente da reunión. Só estivo Feiraco e tamén tivo representación Entrepinares a través de Mercadona, cadea da que é proveedor.

As industrias lácteas a nivel individual renunciaron a acudir e, unha vez desartellada a Asociación Galega de Industrias Lácteas, tampouco teñen voz colectiva. Medio Rural agarda que a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) nomee un representante para asistir ás próximas reunións do grupo de traballo, que se desenvolverán unha vez ó mes.

“Seguimos sen ver unha actuación firme da Consellería para afrontar a situación a curto prazo” (Isabel Vilalba, SLG)

Valoracións
Si participou na reunión boa parte do sector produtor (cooperativas, organizacións agrarias, Africores), así como o Ligal, as universidades galegas e dúas asociacións da distribución (Anged, Asuga). Ó remate da xuntanza, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, incidiu na falta de solucións no curto prazo. “Hai unha posible baixada de prezo global na primavera e seguimos sen ver unha actuación decidida e firme por parte da Consellería para afrontar a situación”, cuestiona Vilalba.

Na mesma liña se pronunciou Óscar Pose, de Unións Agrarias, que incidiu nos problemas dos primeiros compradores que están pagando a produción recollida a prezos de leite en po, no entorno dos 20 céntimos. “Polo de agora este problema afecta a unha porcentaxe pequena de granxas pero vai en aumento de semana en semana”, advirte.

“Polo de agora, os pagos a prezos de leite en po afectan a unha porcentaxe pequena de granxas, pero van en aumento” (Óscar Pose, Unións)

Desde Unións propoñen ou ben que haxa unha adquisición pública desa produción para axuda humanitaria ou ben que as industrias asuman de xeito solidario a xestión de excedentes, en ambos casos pagándolle o leite ás granxas a prezos de mercado.

Asaja, pola súa banda, considerou que a reunión fora moi “constructiva” e “esperanzadora” de cara a traballar na estratexia do sector de cara ó medio e longo prazo.

“En Meira houbo un consenso claro de retomar as mobilizacións, o malestar é grande” (Elías Somoza, Fruga)

Mobilizacións
De xeito paralelo á reunión en San Caetano, houbo unha asemblea de produtores en Meira (Lugo) convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. A reunión permitiu constatar o forte malestar do sector coa situación provocada polos primeiros compradores que están a baixar prezos.

“Os primeiros compradores din que baixan os prezos porque teñen que enviar a recollida para leite en po, pero logo non hai garantías de que esa produción vaia efectivamente para po, xa que non hai ningún control” -cuestiona Elías Somoza, responsable de gandería da Federación Rural Galega.- “Na reunión de hoxe en Meira houbo un consenso claro de retomar as mobilizacións. Imos celebrar asembleas en máis comarcas e concretaremos que facer”, conclúe Somoza.

Una idea sobre “Galicia mantén a incógnita sobre os problemas de recollida do leite na primavera

  1. Sócrates

    Espero e desexo equivocarme, máis todo indica que estamos en caída libre e a hostia vai ser tremebunda. Con boas intencións non abonda, fai falta moito, moitísimo máis, mesmo ameazar con declarar ao tandem Rajoy/Feijoo como persoas non gratas no noso país, se de inmediato non lideran a Defensa do Sector Leiteiro de Galicia, e o sustento de decenas de miles de galegos.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información