
O informe de declaracións de entregas de leite cru de vaca (INFOLAC) a primeiros compradores que elabora o Ministerio de Agricultura recolle unha caída media de 0,05 € por litro no conxunto de España durante o mes de abril respecto do de marzo. No caso de Galicia, o descenso nas cotizacións que perciben os gandeiros chegou a 0,063 € por litro entregado. É o primeiro efecto das baixadas decididas pola industria a comezos de ano.
Galicia continúa á cola en canto a prezos (46,1 céntimos de media), seguida de Baleares e Extremadura. Entre as comunidades veciñas, destaca o caso de Asturias, que a penas acusou baixada ningunha, pois pasou de 55 céntimos a 54,5, froito do compromiso de Capsa de manter prezos nas granxas asturianas. En Castilla y León, entre tanto, o prezo baixou dos 55 céntimos a 49.

A produción e o número de gandeiros con entregas de leite volveron caer no mes de abril
Respecto do leite ecolóxico, os prezos en Galicia levan caendo dende que comezou o ano, e xa se cotiza a preto de dous céntimos menos que en xaneiro, pasando de 0,639 € a 0,613. Chama a atención o caso de Castela-A Mancha, que leva dende agosto cunha cotización constante de 0,880 €/litro.
Continúa tamén o peche de explotacións e Galicia sitúase xa por debaixo das 4.900. Durante abril foron 4.850 as granxas que mantiveron as entregas mentres que no mes de marzo foran 4.874. No conxunto do estado, o censo gandeiro pasou de 8.641 a 8.599 granxas de vacún de leite.

Galicia segue liderando amplamente a produción pero os gandeiros galegos continúan como os peor pagados
Tamén se rexistrou un descenso nas calidades do leite. Así, a porcentaxe de proteína por litro baixou dende o 3,43 ao 3,40. No caso galego a baixada levou dun 3,46 a un 3,43. En canto a graxa, a caída foi de catro décimas pasando do 3,91 ao 3,87. A graxa en Galicia pasou do 3,97 ao 3,94. Unhas cifras de sólidos que tamén influíron nos prezos cobrados polos gandeiros.
O informe de entregas de leite está elaborado pola Dirección General de Producciones y Mercados Agrarios e a Subdirección General de Producciones Ganaderas y Cinegética. INFOLAC é un sistema unificado de información do sector lácteo que inclúe a información das declaracións obrigatorias de entregas de leite cru e de todos os contratos entre os primeiros compradores e os produtores do sector, así como un rexistro dos primeiros compradores que operan no sector lácteo en España.
Pódese consultar o informe completo no seguinte DOCUMENTO:
Galego









Control OJD