A Comisión Europea seleccionou unha iniciativa galega para pór en valor os beneficios que achegan á sociedade as axudas e as regras da Política Agrícola Común (PAC).
FunCAP é o nome do proxecto coordinado pola Fundación Juana de Veiga e financiado por o Programa de medidas de información no ámbito da política agrícola común (IMCAP) da Unión Europea (UE). O obxectivo é dar a coñecer e difundir a PAC entre as novas xeracións da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, pero dunha forma divertida.
Así, FunCAP desenvolverá un xogo de mesa que despois se probará ao longo do primeiro semestre de 2022 en 14 escolas de Galicia e do Norte de Portugal para trasladar dun modo divertido os principais beneficios da PAC, o Pacto Verde Europeo e a Estratexia da Granxa á Mesa.
Ademais, o proxecto difundirá polas redes sociais contidos para desmentir as fake news, ou ideas erróneas e desinformación, sobre os obxectivos da PAC, un eixo estratéxico na construción da Unión Europea ao garantir o acceso da poboación europea a unha alimentación sa, segura e a prezos alcanzables.
FunCAP prevé tamén organizar 2 seminarios online con expertos na PAC, así como un seminario final con máis de 100 participantes.
Máis de 400 escolares de Galicia e do Norte de Portugal participarán no proxecto
Entre os centros escolares galegos que participarán no proxecto están o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa e os centros de formación e experimentación agroforestal de Sergude e Lourizán, entre outros. Da parte portuguesa, está en fase de finalización a listaxe de centros escolares que participarán no proxecto FunCAP, todos eles vinculados co sector agrogandeiro.
Un comité asesor formado por unha ampla representación do sector primario
O proxecto FunCAP conta tamén cun Comité Asesor integrado por unha ampla representación do sector agrogandeiro da Euroregión Galicia-Norte de Portugal.
Así, por parte da Fundación Juana de Veiga está integrado por José Manuel Andrade Calvo e Alfonso Ribas Álvarez; como expertos na PAC conta cos profesores universitarios Edelmiro López e Artur Cristovão; por parte dos produtores a representación corre a cargo de Javier Igrexas e de Armando Fontainhas. Ademais, o Comité Asesor contará tamén con Manuel López Luaces, como representante da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, e de Luís García e Rui Ribeiro, en representación das escolas participantes.
Máis información sobre o proxecto FunCAP: www.funcapproject.eu
@EUAgri #IMCAP