Galicia lanza a estratexia de mellora xenética do piñeiro radiata

O obxectivo sitúase en aumentar crecementos e calidade da madeira, así como en obter maior resistencia a enfermidades. Igual que no caso do piñeiro do país, a iniciativa desenvolverase por medio da colaboración público – privada, entre a Xunta e a Fundación Arume, que aglutina a toda a cadea galega das coníferas

Galicia lanza a estratexia de mellora xenética do piñeiro radiata

Visita ó horto sementeiro de piñeiro radiata de Sigüeiro (Oroso. A Coruña).

A Fundación Arume vén de presentar nunha xornada en Santiago os primeiros resultados do programa de mellora xenética das coníferas galegas, que se desenvolve por medio dun acordo de colaboración público – privado entre a propia Fundación, na que se integra toda a cadea do piñeiro de Galicia, e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería de Medio Rural.

A xornada deixou dúas cuestións principais, por un lado un primeiro balance do programa de mellora xenética do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), no que se estivo a traballar no periodo 2021-2022, e por outra banda o anuncio do lanzamento do programa de mellora xenética do piñeiro radiata, co que se quere dar resposta ás necesidades dos propietarios forestais en relación a esta especie.

180 árbores superiores identificadas que servirán de base para 5 novas parcelas de ensaio

O piñeiro radiata ou insigne ten en Galicia unha importancia forestal similar ó piñeiro do país, pois o seu volume anual de cortas é moi semellante, en ambos casos preto dos 2 millóns de metros cúbicos de madeira ó ano.

O piñeiro radiata acada gran importancia sobre todo na provincia de Lugo e, en menor medida, en zonas da provincia da Coruña e de Pontevedra. É apreciado polos propietarios forestais, xa que en xeral ten menores turnos de corta que o piñeiro do país, pero presenta claras necesidades de mellora xenética, para acelerar máis os turnos de corta e para gañar resistencia a enfermidades, dúas cuestións clave que veñen demandando os propietarios.

Para dar resposta a esas necesidades, o sector forestal galego anuncia o inicio dun programa de mellora xenética do piñeiro radiata, para o que se parte do traballo de selección feito nas dúas últimas décadas polo Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e pola Consellería do Medio Rural.

A investigadora Raquel Díaz, co CIF Lourizán, presentou o programa de mellora xenética do piñeiro radiata.

A investigadora Raquel Díaz, do CIF Lourizán, presentou o programa de mellora xenética do piñeiro radiata.

Existen xa 8 parcelas en campo con material seleccionado, con arredor de 180 árbores superiores identificadas. Ese material analizarase, para comprobar a súa orixe e diversidade xenética, e cunha selección das súas sementes instalaranse 5 ensaios de proxenie novos en distintas zonas de Galicia, con prioridade para a provincia de Lugo.

A intención do CIF Lourizán é a de incluír tamén neses ensaios materiais xenéticos doutros programas mundiais, como o chileno ou o neozelandés, para comparar o resultado do programa de mellora xenético de Galicia co de países pioneiros na mellora xenética do radiata. Valórase tamén a posibilidade de incluír nas parcelas de ensaio sementes doutras árbores sobresaíntes ou rodais selectos de propietarios privados que se poidan detectar en Galicia.

Como parte do programa de mellora xenética do piñeiro radiata, xa se instalou un horto sementeiro en Sigüeiro (A Coruña), visitado este luns no marco da xornada organizada pola Fundación Arume, á que asistiron medio cento de profesionais ligados ó sector forestal.

En paralelo á instalación de parcelas de ensaio e horto sementeiros, o obxectivo da Fundación Arume pasa por desenvolver co piñeiro radiata un programa de multiplicación vexetativa, similar ó xa en marcha co piñeiro do país, para acelerar o suministro de planta mellorada ó propietario.

Resistencias a enfermidades
De entre as 180 árbores superiores que ten identificadas Lourizán, o CIF fixo un primeiro ensaio con 55 delas e logrou identificar 7 familias que presentan polo menos un 50% máis de resistencias ó nematodo do piñeiro que o resto. Esas 7 familias son unhas primeiras candidatas a unha catalogación específica e a ser unha das bases da estratexia galega de mellora xenética do piñeiro radiata.

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán identificou xa 7 familias de piñeiro radiata que presentan unha notable resistencia ó nematodo, unha praga que afecta ó sur de Pontevedra

Está tamén sobre a mesa a opción de traballar a nivel xenético na obtención de piñeiros resistentes ó fungo das bandas, se ben esta é unha posibilidade que se terá que valorar en próximos anos, sobre todo se en piñeirais afectados polas bandas, se detectan árbores sans que presentan unha aparente resistencia.

Existe o hándicap de que Lourizán non conta polo de agora cos invernadoiros de alta seguridade que serían precisos para ensaios nos que teña que manexar o fungo das bandas, se ben, chegado o caso, o sector interpreta que se trata dunha cuestión solventable.

Programa de mellora do ‘Pinus pinaster’

Mesa de debate na xornada organizada pola Fundación Arume.

Mesa de debate na xornada organizada pola Fundación Arume.

O programa de mellora xenética das coníferas de Galicia acadou este ano un primeiro fito, coa posta en marcha en seis viveiros galegos dun programa de multiplicación vexetativa (por estaquillado) de piñeiros do país (Pinus pinaster) con mellora xenética e con altas resistencias á praga do nematodo do piñeiro.

O plan de mellora do piñeiro do país está a permitir así unha maior rapidez na produción de planta mellorada, de xeito que o seu lanzamento comercial nos viveiros galegos iniciarase en breve, primeiro en partidas limitadas pero coa idea de que o acceso a esta planta mellorada sexa xeneralizado en poucos anos.

Como cuestión a ter en conta, os viveiros que traballan na multiplicación vexetativa do piñeiro do país mellorado xa advertiron de que o seu custo será superior ó da planta de piñeiro convencional. Ante o encarecemento que representará a planta mellorada, xurdiu a cuestión na xornada sobre como implicar ás empresas de servizos e plantadores na adquisición deste tipo de planta.

Orde para apoiar a compra de planta mellorada
A ese respecto, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, anunciou onte que Medio Rural contempla apoiar de xeito específico ás plantacións forestais que se fagan con planta mellorada, subvencionando “unha porcentaxe” do total do custo desta planta. Será a través dunha orde independente da habitual de primeira forestación, pois na orde de planta mellorada poderán entrar piñeirais que se corten e se queiran replantar.

A orde de forestación 2023-24, segundo anunciou Chan, publicarase o próximo 7 de decembro, en tanto a orde de apoio á compra de planta mellorada espérase que se publique no 2023.

‘Piñeiros 3.0’, como a innovación tecnolóxica mellorará a planta forestal galega

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información