Galicia inicia un plan de fortalecemento lácteo, con incógnitas sobre as urxencias do sector

O Consello Agrario acorda a constitución dun foro estable entre produtores, Administración, industrias e distribución para abordar cuestións estratéxicas. As organizacións agrarias demandan afrontar o problema máis inmediato, garantir a recollida de todo o leite a prezo de mercado

Galicia inicia un plan de fortalecemento lácteo, con incógnitas sobre as urxencias do sector

O Consello Agrario reactivouse para iniciar o deseño do plan de fortalecemento do lácteo.

Organizacións agrarias, cooperativas e Consellería do Medio Rural xuntáronse no Consello Agrario para sentar as bases dun foro estable, con participación de industrias e distribución, que deseñará un plan estratéxico para o sector lácteo galego. A previsión é que o foro comece a traballar nun mes coa idea de marcar liñas de traballo de cara o futuro. Tras a reunión de onte, as organizacións agrarias coincidiron en que a creación do foro é positiva, se ben advertiron de que hai urxencias no sector que non poden esperar por un plan estratéxico que se pensa para o medio prazo.

Sobre a mesa do Consello Agrario quedou a principal preocupación dos produtores, garantir a recollida de todo o leite a prezos de mercado de cara a esta primavera, un problema que xa teñen enriba as granxas da cooperativa Codegui, que levan mandando a súa producción para leite en po unha semana, despois de que Celta lles cancelase a recollida. Outras empresas, como Clea, xa anunciaron tamén o abandono de gandeiros a partir de fin de mes.

Primavera
O sector considera que os problemas amplificaranse de cara á primavera. “Estamos en tempo de desconto, con granxas que van camiño da ruína” -advirte a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba.- “Que esteamos de acordo todos en deseñar un plan a medio prazo para o lácteo non pode facer que non se aborden de inmediato as cuestións máis urxentes, como o caso das explotacións que están vendendo o leite a 18 céntimos ou que teñen enriba ameazas de que lles van cancelar a recollida. É preciso con urxencia que todas as granxas teñan garantías da entrega dun volume de leite a prezo sostible”.

“Todas as granxas teñen que ter garantías de entrega dun volume de leite a prezo de mercado” (Isabel Vilalba, SLG)

O Sindicato Labrego demanda tamén un control do destino de todo o leite que se está vendendo a prezos de leite en po, tanto no caso das industrias que levan parte da producción das explotacións a ese prezo, con fórmulas do tipo 80-20 ou 60-40, como no caso das granxas que entregan todo o leite a prezos de leite en po. “Pedimos que haxa unha garantía de que ese leite vai finalmente para po, xa que por exemplo, unha das empresas que está pagando moita producción a prezos de leite en po, como é Reny Picot, tamén se adica a envasar marcas blancas e pensamos que pode distorsionar o mercado con ofertas á baixa, facéndolle unha competencia desleal ó resto de industrias”.

Identificación da orixe
Na mesma liña de petición de medidas a curto prazo se pronunciou Unións Agrarias: “Queremos unha garantía de recollida de todo o leite a prezos de mercado” -suliña Óscar Pose.- “En España non sobra leite e vemos que se están usando as importacións de lácteos para baixarlle aquí o prezo ás granxas”, cuestiona. Unións insta ás Administracións a implementar o antes posible a identificación da orixe dos productos lácteos no seu etiquetado, tanto no leite, como sobre todo nos queixos e iogures, produtos que acaparan o groso das importacións españolas de lácteos.

Unións demanda unha rápida identificación da orixe dos produtos lácteos, unha cuestión que se demora

A identificación da orixe foi un dos puntos pactados no acordo lácteo de setembro e estaba prevista a súa posta en marcha ó longo deste mes, se ben estase retrasando.

Regulación da producción
Por parte de Asaja Galicia, Juan Pérez Orozco valorou tras a reunión como positiva a proposta de Medio Rural para iniciar un plan de fortalecemento do sector lácteo, se ben tamén sinalou os problemas a curto prazo que enfronta o sector: “Logo do desbaratamento do sistema de cotas produciuse un incremento da producción en toda Europa e agora en Galicia temos unha situación na que hai industrias e primeiros compradores que ameazan ás granxas con non recoller o leite”.

“Sería desexable regular a producción, non só en Galicia ou en España, senón a nivel europeo” (Juan Pérez, Asaja Galicia)

“Desde a nosa perspectiva -continúa Pérez Orozco-, sería desexable regular a producción, non só en Galicia nin tan sequera en España, xa que non somos excedentarios en leite, senón a nivel europeo. É un debate que xa se está abrindo en Europa, pero iso non quita para que aquí fagamos as cousas ben e nesa liña, o plan de fortalecemento que propón a Consellería é positivo”.

Medidas do acordo lácteo
A Consellería do Medio Rural, pola súa banda, incidiu no avance que supón o desenvolvemento lexislativo das medidas previstas no acordo lácteo, tales como o decreto que regulará ós primeiros compradores, do que xa hai un borrador, ou o decreto que permitirá coñecer os prezos de cesión do leite entre industria e distribución, que afronta estes días os seus últimos trámites antes de ser publicado no Boletín Oficial del Estado (Boe).

A Xunta impuxo dúas sancións de 6.000 euros cada unha por venda a perdas

Inspeccións
Medio Rural fixo tamén un repaso pola actividade inspectora que vén desenvolvendo a Administración. A este respecto, informou ó sector de 3 expedientes abertos por publicidade engañosa, con propostas de sanción de 10.000 euros, e da resolución de dous expedientes por venda de leite a perdas, que se pecharon con sancións de 6.000 euros cada unha.

A Administración sinalou ademais que se está a controlar a entrada de leite de Portugal a través dun dispositivo da Policía Autonómica que permitiu inspeccionar no que vai de ano 145 camións. Neses controis, levantáronse 5 actas por algunha irregularidade administrativa. Entre maio e decembro do 2015, as denuncias nos controis dos camións de Portugal ascenderon a 70.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información