A Fundación Arume, que agrupa á cadea forestal – madeira de coníferas, iniciou no 2025 a multiplicación de planta de piñeiro radiata de alta calidade xenética. No primeiro semestre do 2026 está previsto iniciar con esta planta a instalación de parcelas demostrativas en monte, en tanto que no outono do 2026 arrancará a súa comercialización a todos os propietarios forestais e comunidades de montes veciñais interesados.
O piñeiro radiata é unha das dúas coníferas con maior presenza no monte galego, xunto co piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), polo que a posta a disposición dos propietarios forestais de planta de alta calidade xenética supón un avance clave para o conxunto do sector.
Ao longo do 2026 instalaranse parcelas demostrativas en monte e iniciarase a comercialización de planta a propietarios forestais e comunidades de montes veciñais en man común
Os tres viveiros colaboradores da Fundación Arume no marco do Grupo Operativo Piña (viveiro de Tragsa, en Maceda -Ourense-, Hifas Foresta, en Pontevedra, e Costa de Lóngaras, en Abadín -Lugo-) instalaron o pasado ano senllos campos de pés nai de arredor de 600 plantas de piñeiro radiata cada un.
Eses campos de pés nai creáronse a partir de sementes de 52 árbores seleccionadas polo Grupo Operativo Piña no horto sementeiro de Pena Fesa (Monfero, A Coruña). As árbores de Pena Fesa evaluáronse e seleccionáronse por criterios de volume, forma e calidade de fuste, un traballo que se desenvolveu a través da colaboración da Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile, xunto co Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a empresa pública Tragsa.

Planta de piñeiro radiata estaquillada.
A partir dos campos de pés nai instalados coas sementes recollidas en Pena Fesa, iniciouse este ano o estaquillado de planta. O estaquillado ou multiplicación vexetativa permitiu obter unha primeira partida de máis de 2.500 plantas de piñeiro radiata de alta calidade xenética. Esta planta instalarase en parcelas demostrativas en monte no primeiro semestre do próximo ano.
En paralelo, para o outono do 2026 está previsto o inicio da comercialización libre desta planta de piñeiro radiata de alta calidade xenética para propietarios forestais e comunidades de montes veciñais, a partir da planta que se estaquillará este outono nos viveiros colaboradores do Grupo Operativo Piña.
Investigación para obter planta resistente a pragas e enfermidades
Nos últimos anos, a expansión dos fungos das bandas é un dos problemas sanitarios que máis lle preocupa ós propietarios forestais de masas de piñeiro radiata. Para encarar ese problema, a Fundación Arume colabora co Centro de Investigación Forestal de Lourizán na identificación en monte de piñeiros radiata que, en masas afectadas polas bandas, teñan resistencia ou tolerancia á enfermidade.
Sobre esas árbores, farase un seguemento en monte durante os próximos anos, de cara a confirmar que efectivamente son resistentes ó fungo, e posteriormente reproducilos para o seu uso en monte e na mellora xenética.
De xeito simultáneo, faranse ensaios coas familias de piñeiro radiata de alta xenética dos horto sementeiros galegos.
Este é un proceso que se espera que culmine a medio prazo coa obtención e posta a disposición do mercado, de planta de piñeiro radiata mellorado, de xeito que sexa máis produtivo en crecemento, con madeira de mellor calidade, é a vez con resistencia ás bandas.
Tamén se está a traballar, da man do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, na selección e multiplicación de planta de piñeiro radiata con resistencias ó nematodo do piñeiro, unha praga que preocupa en especial no sur de Pontevedra, a única zona de Galicia por agora afectada.
Sobre o Grupo Operativo Piña
O Grupo Operativo Piña está conformado pola Fundación Arume (entidade coordinadora), a Asociación Forestal de Galicia, Hifas Foresta e viveiros Costa de Lóngaras.
Como entidades colaboradoras, está a Asociación Sectorial Forestal Galega, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Xunta de Galicia).
O Grupo ten ademais subscrito senllos acordos de colaboración con Tragsa e coa Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile.
O proxecto está cofinanciado con axudas para a execución de proxectos innovadores por grupos operativos da AEI da UE, convocadas pola Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (Agacal).
Galego










Control OJD