Galicia inicia a 6ª edición do Curso Superior de Sumiller Profesional

A charla inaugural do curso correu a cargo de Diego Coquillat, director do xornal dixital que leva o seu nome, profesor do Basque Culinary Center e empresario experto na dixitalización do sector hostaleiro

Publicidade
Galicia inicia a 6ª edición do Curso Superior de Sumiller Profesional

Entrega de diplomas e insignias aos alumnos da quinta edición

O Instituto Galego do Viño inaugurou esta tarde en Santiago de Compostela o curso académico 2018-19 do Curso Superior de Sumiller Profesional. O acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura, serviu tamén de clausura da promoción 2017-18. Diego Coquillat —unha das voces máis respectadas do mundo da restauración, director do xornal dixital que leva o seu nome, profesor do Basque Culinary Center e empresario experto na dixitalización do sector hostaleiro— foi o encargado de pronunciar a conferencia inaugural da sexta promoción deste curso, que se desenvolverá ao longo de 700 horas teóricas e prácticas.

Este máster, ao que asistirán unha selección de 25 alumnos/as, ofrece unha formación profunda e completa a profesionais que desexan desenvolver a súa carreira como ‪‎catadora‬ no sector vitivinícola, hostaleiro ou turístico. Grazas a un esixente programa lectivo e á participación dos docentes máis prestixiosos constitúese como unha referencia da formación vitivinícola de calidade.

“Con este máster damos resposta a unha necesidade existente en Galicia, que carecía dunha formación especializada e profesional ao máis alto nivel en torno ao mundo do viño”, sinalou o director do Ingavi, Xoán Cannas.

Outro dos puntos clave do Curso Superior de Sumiller Profesional son as prácticas en empresas, que levaron aos ex alumnos a traballar nalgúns dos mellores restaurantes do mundo. Estrella Galicia, Lavinia, Mugaritz, Casa Solla, El Bulli Foundation, Celler de Can Roca, Monvínic, Vila Viniteca, Cáveslles de Pyrene, The Yeatman Hotel, Niepoort, etc., son algunhas das empresas colaboradoras do Ingavi.

Neste sentido, Cannas fixo fincapé no prestixio que está a adquirir esta iniciativa noutros continentes, que se reflicte no feito de que “este ano contamos de novo con alumnos estranxeiros chegados desde países como Colombia e México, en busca dunha formación de calidade, e que se converterán en prescritores dos viños galegos e da marca Galicia”.

A Cidade da Cultura, acollerá un ano máis as clases lectivas que impartirán, ao longo de nove meses, recoñecidos expertos a nivel internacional como Ferrán Centelles, Marta Puparelli, Fernando Gallardo, Beatriz Machado, Guillermo Cruz, Paco Berciano, José Luis Mateo, César Cánovas, Dominique Roujou, César Ruíz ou o propio Xoán Cannas, entre outros.

Entrega de diplomas e insignias

Unha vez dada a benvida aos novos estudantes, procedeuse á entrega de diplomas e insignias aos alumnos da quinta edición que ao longo do ano foron superando as probas de avaliación. As mencións honoríficas, concedidas pola gran calidade dos traballos académicos realizados e a implicación mostrada ao longo do curso, recaeron en Tamara Fernández, Covadonga Álvarez-Nava, Fabio Alejandro González e María Espinosa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información