A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse cos responsables de cinco dos maiores serradoiros de piñeiros de Galicia para avaliar o impacto das axudas autonómicas destinadas á modernización do sector.
Na xuntanza participaron representantes de Maderas Goiriz (Vilalba), Hijos de Ramón Rubal (Alfoz), Besteiro Forestal S. L. (Castroverde), Hermanos García Rocha S. L. (Oza-Cesuras) e Maderas Cajaraville S. L. (Teo).
A reunión serviu para facer balance do programa de axudas da Xunta, que financia a renovación de maquinaria, a adquisición de equipamento avanzado, a mellora de instalacións e a comercialización de produtos. O pasado 27 de marzo pechouse o prazo de solicitude da convocatoria deste ano.
Dende a posta en marcha desta iniciativa en 2018, a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) concedeu 624 axudas por un total de máis de 56,6 millóns de euros, concentrándose máis do 75 % en Lugo e A Coruña.
Para o período 2025-2026, a Xunta destina 10 millóns de euros, con axudas que oscilan entre 50.000 e 200.000 euros para serradoiros e rematantes. A convocatoria inclúe cinco liñas de financiamento para maquinaria e equipos, ademais dunha nova liña para a medición e trazabilidade da madeira.
Lorenzana destacou que estas axudas son clave para garantir a competitividade dun sector que agrupa a máis de 3.000 empresas e representa o 12 % do emprego industrial en Galicia. Ademais, subliñou a importancia de afrontar os retos do sector, como o peche de ciclos e o desenvolvemento de novos usos da madeira.