Apoios para a entrada de produtores en réximes de calidade

O DOG publica unha convocatoria dotada con 240.000 euros para apoiar a incorporación a réximes de calidade dando prioridade a novos produtores, mulleres e zonas de montaña

Apoios para a entrada de produtores en réximes de calidade

Imaxe de arquivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución que fixa as bases das axudas destinadas a promover a entrada de agricultores en réximes de calidade, cun orzamento total de 240.000 euros.

Estas achegas, de carácter anual e integradas no Plan estratéxico da PAC 2023-2027, buscan facilitar que os titulares de explotacións agrarias se sumen a sistemas de calidade como as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas ou as producións ecolóxicas e artesanais. A finalidade principal é cubrir os custos iniciais derivados desa incorporación.

A resolución salienta que Galicia conta cunha ampla e recoñecida oferta gastronómica, resultado do saber tradicional transmitido entre xeracións e da calidade das materias primas. Para protexer e dar valor a estes produtos, foron creados os sistemas de denominacións e indicacións xeográficas.

Este modelo, inicialmente deseñado para viños, ampliouse nas últimas décadas a unha gran variedade de alimentos dentro da UE. A Xunta aposta firmemente por este tipo de protección e promoción.

Poderán optar ás axudas os titulares de explotacións agropecuarias rexistradas no REAFA que se incorporen a algún distintivo de calidade. No caso da produción ecolóxica, tamén se inclúen aqueles que xa estaban activos e incorporen novas orientacións produtivas. Serán subvencionables os custos fixos pola inscrición no réxime e a cota anual correspondente.

Na selección de solicitudes, darase prioridade a quen se incorpore por primeira vez á agricultura ecolóxica ou a novas orientacións neste eido, así como a produtores que entren por primeira vez en denominacións ou indicacións recentemente recoñecidas. Terán tamén preferencia as persoas mozas, mulleres, e titulares con explotacións en zonas de montaña. O prazo para presentar solicitudes remata o 27 de maio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información