A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Galicia, a gran despensa de alimentos de calidade

A calidade dos seus produtos agroalimentarios constitúe un dos principais atractivos turísticos de Galicia, unha comunidade que conta nada menos que con 36 selos de calidade diferenciada

Galicia, a gran despensa de alimentos de calidade

Galicia é a terceira comunidade autónoma española con máis produtos de calidade certificados. Falamos de até 36 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Por iso, a comunidade galega non se entende sen a súa gastronomía e, de feito, esta constitúe un dos principais atractivos da súa ampla oferta turística. Así, os visitantes acoden a Galicia atraídos, entre outras cousas, polos seus manxares, sendo esta una das grandes motivacións para a súa viaxe.

Estas producións do campo galego víronse potenciadas nos últimos anos de forma cualitativa e cuantitativa grazas á dinamización dos coñecidos como produtos de calidade. Trátase de recursos alimentarios que constitúen unha das mellores ferramentas das que dispón o medio rural desta comunidade para asegurar o seu futuro, emprender novas vías de desenvolvemento e, mesmo, reinventarse.

Proxección internacional

Coa posta en valor dos produtos de calidade, a través das denominacións de orixe protexidas (D.O.P) e das indicacións xeográficas protexidas (I.X.P.), os produtos galegos acadaron unha nova dimensión, máis competitiva no mercado, atractiva para o consumidor e con todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade, como mostra do seu especial coidado no proceso de produción e comercialización.

Produtos amparados:

Viños e augardentes

REPOR XUNTA augardantebodegon_orujo

Galicia conta con cinco denominacións de orixe de viño (Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei). Cabe tamén destacar os viños con indicación xeográfica protexida (tamén coñecidos como Viños da Terra), dos que contamos con catro: Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense e Ribeiras do Morrazo.

A comunidade autónoma destaca tamén pola riqueza e variedade das súas bebidas espirituosas. As indicacións xeográficas das augardentes e dos licores tradicionais de Galicia protexen tanto o bagazo como a augardente de herbas, o licor de herbas e o licor café, bebidas todas elas que forman parte inseparable do imaxinario colectivo desta terra.

Carnes

As carnes de Galicia sempre gozaron de prestixio e recoñecemento. No caso do vacún, existe un selo de calidade: Ternera Gallega, a indicación xeográfica máis importante no sector cárnico español, con 30 anos de experiencia.

A protección destas producións viuse potenciada nos últimos tempos coa creación da Indicación Xeográfica Protexida Vaca galega e Boi galego. Este IXP naceu en 2017 para protexer e amparar o sector e ofrecer un produto tan relevante como a carne de vacún maior, garantindo a súa orixe e calidade.

Tamén o sector cárnico de porcino galego de calidade ten o seu recoñecemento co IXP Lacón Galego e, no ámbito avícola, convén lembrar a incorporación aos selos de calidade do tan coñecido Capón de Vilalba.

REPOR XUNTA lacón comprimida

Lácteos

Un dos puntos fortes de Galicia é o relacionado coa produción láctea. Neste sentido, hai que destacar, en primeiro lugar, a existencia dun indicativo que certifica o leite galego de calidade diferenciada. Trátase de “Galega 100%”, un selo que garante a excelencia do produto e que este, ademais, ten como orixe explotacións da comunidade autónoma.

Este selo promociónase ao longo do ano a través de distintos eventos, relacionados fundamentalmente coa gastronomía e co deporte, co fin de incentivar o consumo de leite e de produtos lácteos galegos de calidade entre a poboación, tendo en conta as súas indubitables beneficios para a saúde. Neste sentido, podemos destacar eventos promocionais como as carreiras pedestres de Frades, Angrois e Porto do Son, diversos partidos de baloncesto en Ourense e en distintos certames gastronómicos, como Xantar, Fórum Gastronómico da Coruña ou Salimat, entre outros.

REPOR XUNTA craega horta

Estas accións promocionais consisten, fundamentalmente, nun posto itinerante que conta cun mostrador-expositor para almacenaxe e distribución de bricks de leite. Tamén se empregan paneis e folletos informativos sobre a marca, para facilitar á consumidor información sobre como identificar este leite nos diferentes puntos de venda, así como coñecer as garantías e o seu significado. En todo o ano 2019 repartíronse case 60.000 unidades de bricks de leite amparado coa marca de garantía “Galega 100%”.

Polo demais, Galicia destaca tamén pola calidade dos seus queixos, con catro diferentes denominacións de orixe protexidas (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Tetilla e San Simón da Costa). Cada un ten a súa propia personalidade, pero todos coinciden en ofrecer ao consumidor un produto feito co máximo esmero e a partir dunha materia prima -o leite galego- de gran calidade.

Outros produtos

Tamén merece especial recoñecemento a calidade contrastada dos pementos que se producen en Galicia, os de Herbón, O Couto, Oímbra, Arnoia e Mougán. Son cinco tipos diferentes de pementos, amparados baixo un selo dunha denominación de orixe, no caso do primeiro, e de indicacións xeográficas protexidas nas restantes.

Os grelos de Galicia son outro dos produtos da horta galega con calidade amparada por un indicativo específico, coa vista posta nunha maior proxección fóra da comunidade autónoma. Pódense atopar no mercado en varios formatos (fresco, conxelado ou en conserva), o que supón un importante número de consumidores potenciais.

As castañas, as patacas ou o mel producidas en Galicia tamén contan con recoñecemento especial pola súa calidade. En canto á castaña, a zona de orixe deste produto -inseparable do outono galego- abrangue a maior parte do territorio de montaña, mentres que no caso do mel de Galicia, a súa área de produción esténdese por toda a autonomía. A apicultura constitúe ademais un elemento importante da etnografía en Galicia, onde perviven construcións tradicionais vinculadas a esta produción artesanal.

O mel que envasan dentro da IXP foi premiado na última Cata dos Meles de Galicia

O IXP Pataca de Galicia ampara outra referencia da despensa galega e ten a súa zona de produción repartida nas subzonas de Bergantiños (na Coruña), Terra Chá, A Mariña e Lemos (na provincia de Lugo) e A Limia (en Ourense).

Pola súa banda, a faba de Lourenzá ou o pan de Cea, entre outros, asocian o nome da súa zona de produción ao do produto. O cultivo da faba de Lourenzá abranxe o territorio costeiro da provincia de Lugo e con este distintivo déuselle nome propio a esta variedade. Ademais, o pan de Cea, xunto coa tarta de Santiago, son os dous produtos galegos do sector de panadaría e pastelaría que contan con distintivo de calidade. A zona de elaboración da tarta é toda Galicia, mentres que no caso do pan correspóndese co municipio ourensán de San Cristovo de Cea.

Ademais, hai que salientar o recente recoñecemento europeo para a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Un novo selo que supón unha oportunidade para protexer e pór en valor un produto tan típico da gastronomía galega.

Precisamente, a aprobación definitiva deste selo deu por finalizada unha vella aspiración dos panadeiros galegos, que vían necesaria a creación deste indicativo para facilitarlle aos consumidores a identificación no mercado do auténtico pan galego.

A agricultura ecolóxica, unha denominación que, a diferenza das demais, non ten carácter xeográfico, é outro indicativo de calidade que rexistrou un gran desenvolvemento nos últimos anos en Galicia. Trátase dun sistema de produción de alimentos baseado nun escrupuloso respecto ao medio ambiente, o benestar animal e o mantemento e mellora da fertilidade do solo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *