Galicia, en risco de perder ata 200 millóns de euros en fondos de desenvolvemento rural

A Xunta ten ata o 31 de decembro para investir as partidas pendentes do periodo 2007-2013. No último comité de control do PDR, celebrado este mes, a Administración non aclarou a situación

Galicia, en risco de perder ata 200 millóns de euros en fondos de desenvolvemento rural

Unións pide elevar as axudas agroambientais e as indemnizacións compensatorias.

Os investimentos con cargo ó Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2007-2013 de Galicia teñen que estar executados a 31 de decembro do 2015. De non ser así, a Administración autonómica perderá os fondos que queden sen investir. En outubro, estaban pendentes de gasto 153 millóns de euros de fondos europeos, que coa cofinanciación estatal e autonómica chegarían ata 235 millóns de euros. Que parte destes fondos se perderán a fin de ano?

O sector agrario inqueriu á Xunta polas partidas do PDR pendentes de gasto nun recente comité de control celebrado a inicios deste mes, pero non logrou que se aclarase a situación.

“Non é crible que en 7 anos do PDR se investisen pouco máis de 900 millóns e que en 2 meses vaian gastar 200” (Jacobo Feijoo, Unións)

“Medio Rural negouse a dar ningún dato novo sobre o que quedaba por gastar. A sensación que temos é que queren gañar tempo e que Galicia vai perder moitos fondos europeos que se poderían ter investido nas explotacións gandeiras, no sector forestal e no rural en xeral. Non é crible que en sete anos do PDR investisen pouco máis de 900 millóns de euros e que en dous meses e medio vaian gastar 200”, cuestiona o responsable de desenvolvemento rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.

Plans de mellora

En xuño do 2015 quedaba por executar o 22,4 % do PDR e en outubro era o 17,4 % o pendente, unha evolución escasa que preocupa ó sector, ante a perspectiva do fin do periodo de gastos o 31 de decembro. “A perda de fondos reducirase lixeiramente ata o 31 de decembro, pero non se entende como nun intre de grave crise se desaproveitan parte dos fondos” –critica Feijoo-.

“No 2014 rexeitáronse máis de 500 solicitudes de plans de mellora de explotacións gandeiras. Esa situación non debería repetirse” (Jacobo Feijoo)

“Por exemplo, no 2014 a Xunta só aprobou 110 das 688 solicitudes presentadas para plans de mellora de explotacións gandeiras, con cargo ó PDR. Eso supón que dun investimento solicitado polas granxas galegas de 22 millóns de euros, aprobáronse só 5 millóns de euros. Á vista do escenario actual, no que hai risco de perder ata 200 millóns de euros, semella claro que se deberían ter atendido esas solicitudes”.

De cara ó novo PDR 2014-2020, Unións Agrarias marca dúas prioridades claras para os investimentos no agro: “Propoñemos que no novo periodo non quede ningún plan de mellora sen atender e que as indemnizacións compensatorias e as axudas agroambientais por hectárea e por explotación se eleven ó tope que permite o regulamento europeo. Sería un xeito de apoiar ás explotacións lácteas nun intre clave e de mellorar as rendas nas gandarías de carne, nas que xa sabemos que o aumento de renda non vai chegar vía prezo”, valora Jacobo Feijoo.

Balance estatal

Galicia era en outubro a cuarta comunidade con máis fondos do seu PDR pendente de gasto, por detrás de Madrid, Andalucía e Baleares. As catro comunidades distínguense por ter perdidos xa no pasado fondos de desenvolvemento rural, unha historia que semella que vai ter segunda volta logo do 31 de decembro.

Galicia é unha das catro comunidades con máis fondos do PDR pendente de gasto

No novo periodo de fondos de desenvolvemento rural 2014-2020, Unións Agrarias pide que haxa unha comparación estricta entre a programación de gasto e a execución de fondos, de xeito que se poida variar axilmente o destino de partidas non gastadas ou se poidan complementar aquelas partidas con maior demanda social. “Aproveitar os fondos europeos é clave para o rural. Hai que pensar ademais que as Administracións galega e estatal só teñen que aportar o 25% das partidas que chegan de Europa. É un xeito de ter duros a catro pesetas, polo que non se entendería que non se fixese ese esforzo de financiación”, valora o responsable de desenvolvemento rural de Unións.

Propostas de liquidez
Outra proposta radica na financiación dos proxectos subvencionados con cargo ó PDR. Ata o de agora, o beneficiario tiña que executar o gasto antes de cobrar a subvención, polo que en moitas ocasións tiña que botar man de préstamos bancarios. O actual regulamento europeo de desenvolvemento rural permite recurrir ó Banco Europeo de Inversións (BEI) para financiar os proxectos con cargo ó PDR, de xeito que se reduzan os custos financieiros ós que deben facer fronte explotacións agrarias, industrias agroalimentarias e demais beneficiarios dos fondos europeos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información