«Galicia é unha das mellores rexións de Europa para o cultivo do millo»

Entrevista a Albert Porte Laborde, experto francés no cultivo do millo. Incide na importancia de realizar a sementeira a unha velocidade adecuada, de non máis de 6 quilómetros por hora. Recomenda tamén aplicar un abono starter e un insecticida contra o verme do arame no momento da plantación.

«Galicia é unha das mellores rexións de Europa para o cultivo do millo»

Albert Porte Laborde

Albert Porte Laborde é un dos maiores expertos mundiais no cultivo do millo forraxeiro. Este enxeñeiro agrónomo francés, impulsor do portal web  « Maïs avenir », é un visitante asiduo de Galicia, onde nos últimos anos colabora coas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.

De onde xurdiu o teu interese polo cultivo do millo?
Cara ao ano 1968 había na miña terra, en Pau, unha zona húmida na que pastaba o gando e que tiña pouco aproveitamento agrícola. Os agricultores empezaron a plantar millo pero non se desenvolvía. Por entón eu finalizara os meus estudos de enxeñeiro de agricultura e chamáronme en 1968 para estudar como implantar o millo. Tratábase dun chan que chamamos « touyas », un solo moi parecido aos de Galicia, cunha riqueza de materia orgánica de entre 8 e 15% e pouca arxila.

A partir de aquí empeceime a centrar no estudo da xenética do millo e das distintas variedades. Estiven nos arquivos de Indias de Sevilla e alí está documentado que por primeira vez este cultivo chegou a Europa o 23 de marzo de 1493 á illa de Santa María, en Azores. Atopei o millo primitivo en Lanzarote e no Rocío, nas marismas do Guadalquivir.

Viaxas con frecuencia a Galicia para visitar plantacións de millo. Que vantaxes e desvantaxes ten a nosa terra para este cultivo?
A capacidade do solo en Galicia para facer millo é enorme: hai moita materia orgánica, hai area, non hai moita arxila e un clima atlántico con choivas, nun ano normal. Estamos nunha das mellores rexións de Europa para o cultivo do millo, xunto coa rexión dos solos de « touyas » en Francia.

«Por baixo de 12 toneladas de materia seca por hectárea non é rendible economicamente»

Como aspecto negativo, noto que os gandeiros non lle prestan a suficiente atención ao cultivo do millo, cando é a principal forraxe da explotación. Hai que observar o seu crecemento, analizar os solos..etc, e sobre todo vixiar e vixiar as plantacións. Porque o principal problema do cultivo do millo é a protección contra os insectos e contra as malas herbas.

Nun ano normal, se chove un pouco, deberíanse alcanzar un mínimo de 14 toneladas de materia seca de millo forraxeiro por hectárea. Con todo, vin parcelas con rendementos por baixo de 12 toneladas, e mesmo de 6 toneladas, infestadas con herba (xuncia, fariñentos…etc) sen coidar…e iso non é rendible economicamente.

Que consellos darías aos agricultores á hora da plantación do millo?
Se facemos a plantación ben verase na homoxeneidade das liñas, sen espazos nos que falta millo nas fileiras. Nunha zona como Galicia o obxectivo debería estar en lograr unhas 90.000 plantas por hectárea.

Para iso, debemos controlar a velocidade de sementeira, que debe debe ser sobre 6 quilómetros por hora. E o chan debe estar ben preparado, para que as raíces do cultivo de raigrás anterior non entorpezan o labor. Sei que non é fácil porque ás veces as empresas de servizos agrarios queren apurar a plantación pero estamos a falar de grandes diferenzas no rendemento da colleita se a plantación se fai ben.

«A sementeira debe realizarse a unha velocidade máxima de 6 quilómetros por hora»

En Francia as mellores sementeiras realízanse a velocidades de entre 4 e 6 quilómetros por hora. Algúns agricultores compraron sementadoras modernas que van a 14 ou 15 km/hora pero ao ano seguinte o que fan é sementar máis amodo. Comprendo que os gandeiros en Galicia teñen pouca marxe de tempo para realizar a plantación do millo, pero merece a pena facela ben porque se vai a notar no rendemento da colleita, con diferenzas de ata 2 toneladas de materia seca por hectárea.

Que vantaxes supón aplicar insecticida e abonado no momento da sementeira?
A miña experiencia dime que o recomendable é aplicar no momento da sementeira un insecticida microgranulado e un abono starter a 3 /4 centímetros por baixo do gran. Hoxe as sementadoras permiten aplicar estas tres cousas á vez.

Que recomendacións dás contra as rosquillas e os vermes do arame?
Para o verme do arame hai que tratar no momento da sementeira, non despois. En canto á rosquilla, hai que tratar tamén cun insecticida, pero cando se detecten, porque do contrario aplicaremos o pesticida en balde. Se nos coincide a súa aparición coa aplicación do herbicida, podemos facer os dous tratamentos á vez, pero senón hai que esperar a que apareza.

E en canto á xuncia?
Non queda outro remedio que realizar un tratamento antes de sementeira. Cando está ben instalada é complicado controlala, e ás veces hai que realizar varios tratamentos. E no momento óptimo: nin cando está moi desenvolvida nin cando é moi pequena aínda, porque vai ter reservas na bóla para volver agromar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información