“Galicia é unha auténtica ‘reserva biolóxica’ das variedades de vide no planeta”

A directora do Museo do Viño de Galicia reivindica o papel do centro como gardián da biodiversidade vitícola e da memoria cultural arredor do viño

Publicidade
“Galicia é unha auténtica ‘reserva biolóxica’ das variedades de vide no planeta”

Nun momento de recoñecemento internacional para os viños galegos, que converten á comunidade nun referente mundial pola súa calidade e riqueza varietal, o Museo do Viño de Galicia eríxese como gardiá e altavoz desta cultura. Dirixir esta institución, a máis importante para a conservación do patrimonio vitivinícola de toda Galicia, é unha responsabilidade que implica non só protexer o legado do pasado, senón tamén interpretar o presente e anticipar o futuro dun sector crave para a identidade e a economía galega. Conversamos con Pilar Núñez, a persoa que ten a misión de guiar este proxecto.

Licenciada en Historia da Arte e Museoloxía pola Universidade de Santiago, Pilar posúe unha longa traxectoria vencellada á museística e ao patrimonio de Galicia. Cunha sólida experiencia como técnica no Museo Arqueolóxico de Ourense e unha estreita relación laboral co Museo Etnolóxico de Ribadavia, en marzo de 2025 asumiu a dirección de ambos centros -Museo Etnolóxico e Museo do Viño- como un reto ilusionante. Nesta entrevista afondamos non só nos retos e logros da sede da cultura do viño en Galicia: senón tamén na profunda conexión emocional, histórica e social que nos une a este elemento tan identitario.

– Podería contarnos brevemente cal foi a súa traxectoria profesional ata chegar á dirección do Museo do Viño de Galicia?
– Son licenciada en Historia da Arte Moderna e Contemporánea e en Museoloxía pola Universidade de Santiago. Nos meus primeiros pasos xa mantiven unha fermosa relación laboral co Museo Etnolóxico de Ribadavia, onde cheguei en 1997. Despois traballei máis de vinte anos como técnica no Museo Arqueolóxico P. de Ourense, onde desenvolvín tarefas de catalogación, difusión e de colaboración no deseño do novo plan museolóxico e museográfico do futuro Museo Arqueolóxico. Cando xurdiu a opción de acceder á dirección do Museo Etnolóxico de Ribadavia e do Museo do Viño de Galicia, afronteino como un reto ilusionante no que podería desenvolver novos proxectos, sempre apoiada polo estupendo equipo de profesionais que, nas diferentes tarefas, me acompañan.
– En que momento naceu a súa relación persoal e profesional co mundo do viño?
– A cultura do viño forma parte de todos os fogares de Galicia, especialmente no rural do sur da Comunidade. Todos tivemos viñas na casa dos pais e dos avós, e a cultura do viño doméstico e como complemento gastronómico forma parte da miña vida desde nena. Como elemento patrimonial, tamén está presente na carreira dunha historiadora ou dunha arqueóloga, xa que moitas das pezas por exemplo, do Museo Arqueolóxico de Ourense, están relacionadas co viño, por non dicir do Etnolóxico de Ribadavia.

– Que significou para vostede asumir a dirección dun museo dedicado a un elemento tan identitario da cultura galega como é o viño?
– É unha responsabilidade enorme, porque o Museo do Viño de Galicia é o museo oficial para a conservación da cultura e do patrimonio vitícola de toda a Comunidade, a expresión das súas cinco denominacións de orixe e das súas cinco indicacións xeográficas protexidas. Son parte importante da historia de Galicia e, polo que se está a ver no presente, tamén do seu futuro, un futuro que tratamos de anticipar coas nosas xornadas de debate no sector.

– Cal considera que é a misión principal do Museo do Viño de Galicia na actualidade?
– A conservación desta identidade e do patrimonio pasado, pero por suposto, tamén o debate sobre o seu futuro, nun momento en que Galicia está a sonar como a “pequena Suiza” do mundo do viño: un territorio moi pequeno (en comparación cos grandes coma Burdeos ou California) pero que sona moitísimo pola súa riqueza varietal, que gaña moitos premios e que se está a converter nun “caso de éxito” na economía europea pola proxección dos seus viños.

Galicia é unha singularidade no mundo do viño. Alberga case a metade das 155 castes autóctonas de uso actual en España, é unha auténtica “reserva biolóxica” do viño no planeta

– Que aspectos do patrimonio vitivinícola galego cre que son máis descoñecidos polo público xeral?
– Galicia é unha singularidade no mundo do viño. Alberga case a metade das 155 castes autóctonas de uso actual en España, é unha auténtica “reserva biolóxica” do viño no planeta, e iso vén do microcosmos que supoña o cultivo intensivo en todas as aldeas e lugares de Galicia cando o viño era un alimento, antes de rematar o século XX, e era a metade do aporte calórico no campo. Iso xerou un patrimonio (prensas, bocois, aparellos, enxovais…) enorme, e un milleiro de costumes e de inercias culturais. Protexelos é o noso labor.

– Como se traballa desde o museo para achegar o viño non só como produto, senón como expresión cultural, histórica e social?
– O primeiro paso urxente é protexer o patrimonio cultural enolóxico e vitícola. Para iso estamos a elaborar e presentar as guías de patrimonio (adegas, ferramentas, lagares) en todas as comarcas. Xa van presentadas as do Ribeiro e Monterrei, e pronto abordaremos a de Valdeorras. Tamén todo o que respecta á conservación de todo este legado vinculado ao viño, tanto os bens materiais como inmateriais. Para elo, dedicamos persoal especializado a estudiar e conservar, tanto as pezas, coma outros aspectos da cultura do viño que pasan a integrar os nosos arquivos oral, fotográfico e audiovisual. Todos eles están a disposición dos investigadores.

O Museo do Viño de Galicia nace do empeño das persoas e do territorio na expresión e conservación da súa propia identidade, neste caso dos homes e mulleres do Ribeiro

– Que papel xogan as denominacións de orixe galegas e os viticultores no discurso museístico?
– O Museo do Viño de Galicia nace do empeño das persoas e do territorio na expresión e conservación da súa propia identidade, neste caso dos homes e mulleres do Ribeiro que emprenderon un traballo de vinte anos para propiciar a cesión da reitoral de Santo André de Camporredondo e a súa dotación. Dende a Consellería de Cultura este proxecto foi medrando ata conformarse o Museo do Viño de Galicia, no que actualmente traballamos con todas as denominacións de orixe en estender as actividades de formación (cata, sumillería) que impulsamos (no eido docente, en colaboración coa Consellería de Educación e os ciclos de Aceite e Viño de FP) e en xerar unha conciencia de orgullo da cultura do viño galega.

O perfil de visitante, que comezou como especializado ou público cativo no mundo do viño, está a virar cara o turista urbano, o cal é moi boa noticia porque nos indica que medra o índice de coñecemento do Museo, que é un museo novo.

– Como evolucionou o perfil de visitantes do museo nos últimos anos? Nota máis interese por parte da xente nova?
– Este verán chegaremos ao noso sétimo aniversario con máis de 35.000 visitantes. É unha cifra da que estamos moi orgullosos porque, precisamente, é un dato “de arrancada”, partindo dun índice cero de coñecemento xeral porque a institución é de recente creación. Nese sentido, o perfil de visitante, que comezou como especializado ou público cativo no mundo do viño, está a virar cara o turista urbano, o cal é moi boa noticia porque nos indica que medra o índice de coñecemento do Museo, que é un museo novo.

– Podería destacar algún proxecto, exposición ou iniciativa recente do museo da que se sinta especialmente orgullosa?
– Facemos moitas actividades e estamos moi orgullosos de todas elas: catas especializadas, conferencias, exposicións, catas comentadas nos ciclos de FP, entrevistas e divulgación con persoeiros do mundo do viño como Ferrán Centelles, sumilleres premiados… Pero hai dúas actividades que destacar. A primeira, que coido que quedará rexistrada co tempo como a máis relevante, é o ciclo -dúas veces ao ano- de “Falemos do futuro” sobre a viticultura. É un seminario onde coido que, pouquiño a pouquiño, vanse sentar as bases do viño galego do século XXI. A outra son as “Catas sonoras”, que cada verán conxugan música ao serán coa degustación de viño e que sempre teñen unha excelente resposta de público. Agora estamos a traballar nunha nova exposición temporal, sobre a historia do licor café, e, coa empresa xestora, Espiral, nuns obradoiros gratuítos e dedicados a públicos diversos.

– Que retos afronta actualmente un museo especializado como este, tanto a nivel cultural como turístico?
A divulgación e a diversificación da oferta. Nun mundo tan dinámico coma o dos operadores turísticos, hai que estar aí, formar parte dos paquetes e non perder a oportunidade do enoturismo.

Somos a canteira dos grandes viños varietais de Europa, e se sabemos diferenciarnos e seguir por ese camiño, imos chegar moi lonxe. O museo ten que ser a expresión cultural dise fenómeno.

– Como ve o futuro do Museo do Viño de Galicia e do sector vitivinícola galego en xeral?
– O sector do viño de Galicia vive unha idade de ouro. Con apenas o 1% do viñedo Español, case a metade dos primeiros postos de premios en brancos e tamén agora algúns nos tintos, son viños galegos. Somos a canteira dos grandes viños varietais de Europa, e se sabemos diferenciarnos e seguir por ese camiño, imos chegar moi lonxe. O museo ten que ser a expresión cultural dise fenómeno.

– Para rematar, que lle gustaría que sentise ou aprendese unha persoa ao saír do Museo do Viño de Galicia por primeira vez?
– Que está nun territorio singular dentro do mundo enteiro do viño, que produce parte dos mellores viños de Europa e que malia o seu pequeno tamaño, albergamos unha das maiores biodiversidades vitícolas do planeta e que somos un reservorio biolóxico da enoloxía a nivel mundial gracias ás nosas castes, algunhas da cales teñen conquistado xa os mercados internacionais desde hai séculos, como a treixadura, o albariño ou o godello. Dende o Museo do Viño de Galicia amosamos un aspecto máis da nosa rica cultura, da “Galicia calidade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información