O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, José Luis Chan, participou este venres en Madrid no acto de conmemoración do 25 aniversario de PEFC España, unha das certificacións da xestión forestal sostible máis empregadas no mundo. Esta celebración estivo precedida onte xoves pola 77ª reunión da xunta directiva de PEFC España, á que tamén asistiu o director xeral.
Galicia é a segunda comunidade española con maior superficie forestal baixo a certificación de xestión forestal sostible PEFC, con case 478.000 hectáreas, só superada por Castela e León, con preto de 838.000. Cómpre destacar que, con estes datos de superficie, xa está a piques de conseguirse o obxectivo marcado na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica” para o ano 2035. Así, este documento de planificación establece no seu Eixo VI o obxectivo de acadar as 500.000 hectáreas certificadas no devandito ano. Este importante incremento na ordenación de montes rexistrada nos últimos anos viuse apoiada polas axudas da Xunta de Galicia.
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, xestiona actualmente 645 montes con certificado PEFC -maioritariamente montes veciñais en man común que teñen convenio co Goberno galego-, que suman arredor de 161.000 hectáreas.
Así pois, dende a Consellería destacan que “o Goberno galego mantén o seu compromiso con este tipo de certificacións, que garanten unha xestión dos bosques respectuosa co medio ambiente mentres cumpre outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais, polo que a superficie se incrementará nos próximos anos. Isto producirase porque a Xunta inclúe automaticamente no seu Sistema de Xestión Forestal Sostible os montes xestionados pola Administración autonómica que dispoñen dun instrumento de ordenación e xestión forestal”.
Estes certificados supoñen un compromiso para non danar os bosques e para mellorar o seu estado. Ademais, a madeira e outros produtos obtidos nos espazos certificados garanten ao consumidor, a través do selo que figura neles, a súa sustentabilidade.
A maiores, iniciativas deste tipo traballan a prol dos retos e oportunidades que se demandan no Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía. Nese contexto, preséntanse como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira, en sectores como a construción, o téxtil, o químico ou o de envasado, seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor”.