A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Galicia é a rexión que maior proxección de futuro ten nestes momentos para o resinado”

Juan Carlos Álvarez foi un dos impulsores do aproveitamento da resina en España, con iniciativas que fomentaron o desenvolvemento desta actividade nos últimos anos. Coñecemos con el a evolución e perspectivas que se presentan para este sector

“Galicia é a rexión que maior proxección de futuro ten nestes momentos para o resinado”

Juan Carlos Álvarez foi un dos impulsores da recuperación da actividade resineira en España.

Presidente da Asociación Nacional de Defensa do sector resineiro, a única que abarca a todo o sector tanto en España como a nivel europeo, Juan Carlos Álvarez foi un dos impulsores da recuperación da actividade resineira. É tamén un dos colaboradores do grupo operativo Go Acrema, centrado en optimizar a actividade resineira.

Con Juan Carlos coñecemos a evolución e perspectivas que se presentan para a resina. Ademais analizamos como lograron recuperar o aproveitamento da resina na localidade segoviana de Coca, un dos bastións do resinado en España nos últimos anos, un proceso no que Álvarez estivo moi implicado.

-Como se atopa o sector da resina na actualidade?
-A resina vexetal, extraída dos piñeiros, vive un moi bo momento, debido a que se dispararon os prezos do seu principal competidor, a resina sintética, elaborada a partir dos derivados do petróleo. As previsións dos mercados do petróleo xa eran moi altas o ano pasado e mantívose esa tendencia, o que provocou que tanto os prezos da resina sintética como da resina vexetal estean á alza. Ademais, a resina vexetal é un produto natural, ecolóxico e renovable. Con estas características de orixe as perspectivas son moi boas para o seu desenvolvemento e aproveitamento.

“A resina vexetal é un produto natural, ecolóxico e renovable. Con estas características de orixe as perspectivas son moi boas para o seu desenvolvemento e aproveitamento”

-Estamos entón ante un moi bo momento para o aproveitamento da resina vexetal?
-Desde logo hai moi boas expectativas sobre a resina vexetal e a tendencia é á alza. Sen ningunha dúbida, estamos ante un momento moi bo. Os prezos son elevados no mercado internacional, aínda que si é certo que este é un mercado en dentes de serra, co que poden baixar en breve, aínda que se baixan sabes que volverá subir.

-Non se resinte este produto coma outros á crise que se está vivindo, derivada tanto da pandemia como da guerra de Ucraína?
-Desgraciadamente, un dos usos para os que se destina a resina é a industria armamentística, como se viu durante a primeira e segunda guerra mundial no século XX, polo que neste contexto actual, cunha guerra en Europa, a resina vexetal está a ter, do mesmo xeito que a sintética, moita demanda. Da resina extráense por unha banda, unha parte líquida (o aguarrás vexetal) e por outro o sólido, coñecido como colofonia, que supón un 75% da resina. A balística leva colofonia, ben sexa natural ou sintética, polo que aínda que se consuma para ese uso sintética incrementará a demanda de natural para outros fins que botaban man da sintética.

-Que factores, á marxe do aproveitamento para balística xa comentado, favoreceron tanto a evolución como o bo momento que vive a resina?
-É verdade que desde que se comezou coa súa extracción e aproveitamento houbo moi bos momentos para a resina. Ano tras ano estanse abrindo novos mercados e a investigación está a avanzar moito. Cando se empezou a utilizar a resina vexetal para as antivirais do VHI foi un paso importante, xa que se usou tamén para a fabricación de vacinas. Ademais houbo outros factores que contribúen a este bo momento da resina vexetal como o éxodo do campo ás cidades que se produciu en China nos últimos anos, o que converteu ao xigante asiático nun importador de resina, mentres que durante anos foron exportadores de resina, xa que non a transformaban. Hoxe China é un dos principais compradores.

“En 1987 chegou a pararse toda a extracción de resina en montes públicos, chegou a estar totalmente prohibido dar licenzas de resinación”

-Sempre se realizou resinado dos piñeirais en España?
-A industria española nunca deixou de traballar, pero houbo un tempo en que a colofonia chegaba de China, Brasil e Portugal. Nestes países pagábase moi pouco aos traballadores e producíase unha resina moi barata coa que era moi difícil competir. En España houbo un parón da extracción da resina nos piñeirais públicos coa entrada en vigor do Estatuto do Traballador en 1985, xa que a extracción da resina en España pasou a non poder competir cos prezos que tiña a resina chegada desde Brasil ou China. En 1987 chegou a pararse toda a extracción de resina en montes públicos, chegou a estar totalmente prohibido dar licenzas de resinación.

-Como se consegue volver activar o sector da resina?
-Houbo varios factores determinantes para lograr o éxito. Por unha banda conseguir que un fabricante crese en nós, iso fíxoo o Banco Santander coa fábrica que tiña en Coca. Doutra banda, eu actuaba como propietario forestal, durante a miña etapa como alcalde, xa que aquí en Coca contabamos cunha superficie de 7.000 hectáreas de monte resineiro. Ademais, tiña a intuición de que o mercado chinés ía invertirse, debido a un éxodo do campo ás cidades, de modo que China deixaría de ser un xigante en materia de venda de resina. Para conseguir resineiros que volvesen traballar nos piñeirais falamos coa comunidade de resineiros. Naquel momento a Dirección Xeral de Castela e León non quería que se reactivase nos montes públicos esta actividade. Foi unha loita política dura, pero ao final conseguiuse e abríronse 7.000 hectáreas de monte para resinar e a cooperativa tiña máis de 60 empregados. Aí empezou todo. Foi entón cando tanto outros concellos como resineiros particulares comezaron a pedir licenzas para resinar e foise reactivando a actividade.

-Que cifras de resinado se manexaron en Coca?
-De maneira industrial, en Coca comezou a resinarse a finais dos 90. Naquel momento resináronse 180.000 piñeiros e chegamos a resinar 420.000 piñeiros. Fomos o lugar no que máis piñeiros se resinaron de todo Europa.

-Seguiu esa tendencia á alza da actividade desde entón?
-Houbo un boom inmediato, pero volveuse producir unha baixada da actividade ao redor do ano 2000 cando boa parte deses resineiros se xubilaron, xa que non houbo mozos interesados na actividade.

“A base do noso proxecto para recuperar o interese polo resinado centrouse en que o resineiro non fose empregado de fábrica, senón que fose autónomo”

-Que accións levaron a cabo para conseguir reverter a tendencia e que os mozos se interesasen pola actividade?
-Antes o resinero era sempre traballador por conta allea das fábricas, eran fixos descontinuos que traballaban de marzo a novembro. A fábrica contratábaos por un salario base ao que despois se lle engadía un extra polos quilos de resina que o resineiro extraese, a modo de plus de produtividade. Este modelo foise a pique cando a resina importada de Brasil e China chegaba máis barata. A base do noso proxecto para recuperar o interese polo resinado centrouse en que o resineiro non fose empregado de fábrica, senón que fose autónomo.

Os primeiros resineiros debían declarar o 21% de IVE, hoxe en día pasou non só a ser dun 12%, senón que ademais o fabricante asume un 10% e o resineiro queda cun 2%. Foi unha negociación moi dura, pero ao final logramos a modalidade que solicitabamos, xa que a resina chegou a ser o primeiro sector en exportacións en Segovia durante algúns anos.

-A evolución nos métodos de extracción contribuíu a sumar interese?
-O sistema de pica de cortiza, agora coñecido como o método tradicional, comezouse a utilizar de maneira efectiva no ano 1998. Ata ese momento empregábase o sistema Hugues, que arrincaba madeira da árbore. Había tratados teóricos sobre o sistema de pica, pero non se empregou de forma xeneralizada antes.

“En Acrema están a traballar na investigación sobre a resina como non se fixera ata o momento. É fundamental seguir traballando tanto na investigación sobre os derivados como sobre a metodoloxía de extracción”

Os sistemas mecanizados de extracción tamén están a favorecer que esta actividade sexa máis atractiva para o resineiro. Proxectos como Acrema están a traballar na investigación sobre a resina como non fixera ningún outro ata o momento. É fundamental seguir traballando tanto na investigación sobre os derivados como sobre a metodoloxía de extracción.

-Un dos hándicap da actividade resinera é a súa estacionalidade, de que maneira superaron esta dificultade?
-Estamos nesa loita. Agora mesmo o prezo da resina é moi bo, pero é un mercado globalizado e baixo a influencia de internacional. Búscase que eses meses nos que o resineiro non está resinando poida ter actividade no monte. Na Junta de Castilla y León negociamos o Contrato Territorial, de maneira que a Administración firme un contrato específico co resineiro para que realicen actividades de silvicultura nos meses en que a resina está en parada vexetativa. Queremos que o resineiro que resina nun monte teña a garantía de que eses traballos ineludibles e previos ao resinado realizados durante anos lle serven para ter titularidade de explotación. A clave é conseguir que o resineiro traballe como autónomo todo o ano no monte, xa que traballo hai.

-Máis aló da repercusión económica que supón a resina, que beneficios ten apostar pola extracción da resina?
– A resina é unha oportunidade na loita contra os incendios forestais, xa que os montes teñen que estar limpos para poder resinar neles. Ademais, o resineiro permanece no monte na época de maior risco de incendio, o que contribúe a ter os montes limpos e máis vixiados. O aproveitamento da resina é tamén unha vía para fixar poboación no rural. Tense demostrado que no sector forestal é a actividade que máis poboación consegue fixar.

-Para as rexións onde a actividade resineira está aínda iniciándose ou retomándose, que estratexias considera importantes para favorecer o éxito da actividade?
-A resina son tres actores: fábricas, resineiro e propietario (ben sexa montes públicos ou privados). O máis importante é que o resineiro se integre na xestión forestal dos montes resineiros. O resineiro será clave na loita contra os incendios forestais e contribuirá a que de producirse lumes estes teñan menor virulencia ao reducir a acumulación de biomasa nos montes.

-Que recomendacións faríalle a Galicia para lograr un maior aproveitamento da resina?
-O primeiro é crer nas oportunidades que ofrece a resina vexetal, xa que é a orixe de infinidade de produtos que hai no noso día a día. Doutra banda, é preciso ter presente que a resina é unha das estratexias para conseguir mitigar os incendios. Os montes xestionados fixan C02.

Galicia é a rexión que maior proxección de futuro ten nestes momentos para o resinado. Por agora non terá moitos resineros, pero están a darse pasos moi importantes. Están a crearse empresas de resinación e xa hai algunha industria de resina e prevese que vaian sumándose máis. En base a un estudo que realicei hai xa uns anos sobres as perspectivas do resinado, se chegasen a resinarse todos os piñeirais españois, un 50% da resina procedería de Galicia. O potencial de Galicia é realmente brutal.

 

Logo Acrema 660

Logos asociados grupo Acrema

Proyecto financiado por el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en el marco del Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020 con un importe de 558.710,55 euros. El importe del proyecto es cofinanciado al 80% por el Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER) y al 20% por fondos de la Administración General del Estado (AGE), tal como se establece en el Real Decreto 169/2018, de 23 de marzo.

El organismo responsable del contenido es el GO-ACREMA y la Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) como autoridad de gestión encargada de la aplicación de la ayuda FEADER y nacional correspondiente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *