As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

Galicia e Portugal únense nun proxecto europeo de innovación no agro a través da PAC

Galicia e Portugal colaboran no proxecto europeo KICAP, unha iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega para poñer en valor a innovación e modernización que se está a levar a cabo no sector agrario e gandeiro grazas ao apoio da Política Agraria Común

Galicia e Portugal únense nun proxecto europeo de innovación no agro a través da PAC

Primeira reunión online do comité asesor do proxecto KICAP, celebrada este xoves

Galicia e Portugal colaboran no proxecto europeo KICAP, unha iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega para poñer en valor a innovación e modernización que se está a levar a cabo no sector agrario e gandeiro grazas ao apoio da Política Agraria Común (PAC).

En concreto, baixo o lema “Impulsando o coñecemento e a innovación no rural co apoio da PAC”, o proxecto dun ano de duración, desenvolverase ata xullo de 2023 na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O seu obxectivo é informar á sociedade en xeral, e ao sector primario en particular, sobre a situación actual dos Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícola (AKIS, polas siglas en inglés) en Galicia e Norte de Portugal. Ademais, a iniciativa busca aumentar o coñecemento sobre as liñas de traballo da Política Agraria Común, especialmente no que se refire á súa contribución á innovación no agro. E é que a I+D+i é aínda máis clave nun escenario complexo de cambio climático e de necesidade de ser autosuficientes na produción de alimentos, de forma sostible e a prezos asequibles para toda a poboación.

Máis de 400 estudantes e representantes do agro de Galicia e Portugal participarán en KICAP

Durante os próximos meses, o proxecto KICAP ten previsto organizar unha serie de eventos e publicacións para explicar a contribución e as medidas de apoio da PAC á innovación e modernización do sector agrario e do rural.

Neste sentido, organizaranse seis xornadas nas que se prevé a participación de 360 alumnos de 14 centros educativos de Galicia e Portugal, vinculados en boa medida á formación dos futuros agricultores e gandeiros.

Ademais, o proxecto tamén organizará catro xornadas específicas nas que se prevé a participación de 80 axentes do AKIS de ambos os dous lados do Miño, entre agricultores, gandeiros, investigadores, asesores rurais e representantes das administracións competentes.

Estes eventos complementaranse coa publicación de 12 artigos divulgativos e microvídeos que explicarán con máis detalle e con exemplos prácticos como as medidas da PAC apoian a innovación e a modernización do sector para axudar a acadar os obxectivos de sustentabilidade económica, social e ambiental. Estes artigos e microvídeos estarán dispoñibles na páxina web do proxecto (www.kicap.eu) en galego, castelán e portugués.

Un comité asesor representativo do sector agrario en Galicia e Portugal

Durante a execución do proxecto KICAP, a Fundación Juana de Vega contará co apoio dun Comité Asesor integrado por expertos do ámbito da investigación e transferencia de coñecemento para o desenvolvemento rural tanto de Galicia como de Portugal, que participarán na revisión técnica e aspectos estratéxicos do proxecto.

Precisamente, este xoves celebrouse a primeira reunión do Comité Asesor do proxecto KICAP, na que participaron 12 representantes de entidades clave como a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, o Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária de Portugal; a Asociación de Asesores Rurais de Galicia; a Associação dos Jovens Agricultores de Portugal, ou a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, entre outras.

Membros do Comité Asesor do proxecto KICAP:

Juan Manuel Martínez Barral (Xunta de Galicia)
Elena Piñeiro (Asociación de Asesores Rurais de Galicia)
Ana Gloria Núñez Rodríguez (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias)
Quico Ónega (LaboraTe – Universidade de Santiago de Compostela)
Luis García (EFA Fonteboa)
João Marques (Gabinete de Planeamento, Políticas e Administração Geral)
Ana Pires da Silva (Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária)
Artur Cristóvão (Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro)
Pedro Rei (Associação dos Jovens Agricultores de Portugal)
Maria Custódia Correia (Direção-Geral de Agricultura e Desenvolvimento Rural)
José Manuel Andrade Calvo (Fundación Juana de Vega)
Alfonso Ribas Álvarez (Fundación Juana de Vega)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información