A enxeñeira de montes Verónica Rodríguez Vicente acaba de converterse na primeira muller que accede ao Decanato do Colexio de Enxeñeiros de Montes en Galicia. Ademais, é a primeira decana formada na universidade galega (USC), xa que ata comezos da década dos 90, a enxeñería de montes era impartida case exclusivamente en Madrid. Abordamos con ela os proxectos do Colexio para os próximos anos e algúns dos temas de actualidade que afectan directamente á xestión do monte, como o novo Plan Forestal, as agrupacións de xestión conxunta ou os novos contratos para os montes veciñais conveniados coa Xunta.
-Cal é o programa de traballo para estes 4 anos?
-Queremos continuar co propósito inicial do Colexio, que é defender e apoiar a profesión de enxeñeiro de montes, como técnico superior especializado na xestión e conservación do medio natural. Buscamos potenciar o valor engadido que ten a nosa titulación. Pretendemos ser un referente en materia forestal e un interlocutor válido en todos aqueles órganos e foros relacionados co ámbito forestal, como o Consello Forestal. Para nós é moi importante a transparencia e o acceso á información por parte de todos os colexiados galegos.
-Cantos asociados teñen actualmente en Galicia?
-No noso caso, para exercer a profesión é obrigatorio estar colexiado, mesmo os funcionarios públicos deben estalo. Actualmente temos 262 colexiados, o que supón un 8% dos enxeñeiros de montes de España.
“Moitas veces os traballos que realizan os enxeñeiros de montes non son apreciables directamente, senón máis ben a longo prazo”
-A enxeñería de montes é unha profesión que se ten que revalorizar?
-É certo que debemos ser máis visibles para a sociedade. En numerosas ocasións, os traballos que realizan os enxeñeiros de montes non son apreciables directamente, senón máis ben a longo prazo. É o caso, por exemplo, da restauración forestal de concas hidrográficas, a fixación de sistemas dunares ou a xestión sustentable de madeira e froitos silvestres. Moitas veces, a sociedade non é consciente de que existe un técnico especializado que se dedica a xestionar da forma máis sustentable o medio natural.
Tamén é tarefa nosa afondar na divulgación, pois detectamos crenzas erróneas que desafían á ciencia forestal, como a falsa idea de que os piñeiros son exóticos en España, cando os rexistros históricos demostran a presenza desta especie no territorio nacional desde antigo; de feito 7 das especies de piñeiro que hai na Península son autóctonas.
“A fiscalidade actual anula calquera interese polo asociacionismo forestal”
-Como valoran o novo Plan Forestal de Galicia?
-En primeiro lugar, cremos que debera ser un plan e, neste caso, carece do principio básico que debe ter calquera plan forestal nunha rexión, xa que ten que ser un programa marco para todo o territorio rexional. Debera de existir un compromiso unánime de toda a Administración pública, conciliando así intereses, usos, utilización dos recursos forestais… O documento que se presentou polo momento non cumpre con este principio básico, polo que non pode considerarse como un Plan Forestal.
O monte non atende a competencias administrativas. En Galicia, as competencias en materia forestal divídense entre as Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente. Esta última é a que se encarga de xestionar os espazos da Rede Natura, onde o 80% desta rede é terreo forestal, pero Medio Ambiente non é coimpulsora do Plan Forestal. Non se trata dun programa marco de política forestal, senón que é un plan da Consellería de Medio Rural. Debera de ser un programa para toda a sociedade, toda a Administración, e vinculante.
Por outra banda, a día de hoxe non coñecemos a delimitación exacta dos nosos recursos forestais, xa que unha parte importante dos nosos 2 millóns de hectáreas non terían a consideración legal de monte e quedarían excluídos do Plan Forestal.
“O Plan Forestal non é un programa marco de política forestal, senón que é un plan da Consellería de Medio Rural”
Galicia é o referente forestal en España, xa que o 7% do monte de España é galego e se miramos o espazo arborado, increméntase ao 8%. Con esta superficie facturamos 2.200 millóns de euros e xeramos a metade das cortas a nivel español. Galicia concentra o 30% dos recursos de uso forestal que hai en España. Somos o referente do Estado e merecémonos un plan forestal á altura, e este é mellorable.
É un plan que adoece de moitas carencias, por exemplo, a falta de datos actualizados de inventario, xa que os que se manexan son de 2009. Para planificar, tamén habería que ter en conta cuestións como a importación e exportación de madeira.
“En Galicia non extraemos do monte todo o potencial que temos. Debemos mellorar na xestión silvícola”
-Unha das liñas destacadas deste Plan é que procura unha regulación das plantacións de eucalipto e favorecer o aumento dos piñeirais e soutos. Prevén reducir nos próximos 20 anos un 5% os eucaliptais, ven acertada esta previsión?
-Nós preguntámonos porqué se fíxa ese 5%. Sabemos que superficie de eucalipto hai realmente?. As medidas que contempla o plan son moi pouco detalladas, son só boas intencións. Unha política forestal debe ter unha planificación anual de todas as actuacións que pretende levar a cabo, e esta debe estar vinculada con indicadores claros, concretos, medibles e verificables, cousas das que carece este plan. Hai unha carencia de programación e planificación estratéxica. Precisamos de metas revisables a curto e medio prazo.
-En que se debería incidir para ter unhas masas forestais con xestión máis activa?
-Nas nosas masas forestais tanto de coníferas, como de frondosas autóctonas, temos que pensar que se trata dun cultivo, polo que ademais do investimento inicial que supón a propia plantación, requírese unha serie de tratamentos silvícolas que a ciencia forestal leva desenvolvendo e investigando. Non podemos pensar que só hai que plantar, senón que se precisan unha serie de tratamentos para mellorar a súa rendibilidade e lograr a ordenación sustentable desa masa.
Así, no caso dos piñeirais, ademais da roza, é preciso realizar accións como clareos e podas. Tamén existen tratamentos de mellora do chan a través de vexetación espontánea, que pode interesarnos polo seu valor ambiental ou biolóxico. Todas estas prácticas están moi estudadas pola ciencia forestal e deben de aplicarse, o que en Galicia aínda custa, polo que non extraemos do monte o potencial que poderiamos obter.
-Sinalouse ao minifundismo dos montes de Galicia como un dos principais atrancos para o aproveitamento forestal, consideran que a Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terra Agraria pode atallar este problema?
-Aínda non tivemos oportunidade de examinar a lei en profundidade, polo que non podemos valorala. As leis feitas até o momento para atallar esta situación non deron os resultados esperados. É certo que o problema que temos hoxe en día co minifundio é moi importante, xa que o 97% do monte galego é privado e contén o maior número de parcelas catastrais de España. Doutra banda, temos a media máis alta de parcelas por titular. Ademais, hai un gran número de parcelas de uso forestal cuxo propietario non está claro, o chamado propietario forestal descoñecido.
“Temos aínda unha batalla de socioloxía co propietario forestal para facerlle entender as posibilidades de proxectos piloto de asociacionismo forestal”
-Que posibilidades ven nas agrupacións de xestión conxunta para reducir o minifundio?
-A día de hoxe, se o que se quere é unha actividade económica que sexa rendible, viabilizar os custos e actividade, canto maior sexa o tamaño da propiedade máis fácil será logralo. Segundo apuntan diferentes estudos, hai certos tamaños da propiedade onde tamén resulta máis factible conseguir moitos dos servizos que se lle piden ao propietario dos montes como a mellora de biodiversidade, a non fragmentación esaxerada dos ecosistemas ou a provisión de servizos. Calquera tipo de agrupación e asociación contribúe a conseguir estes obxectivos. Agora estase empezando a traballar nesa liña.
O propietario galego é reticente aos procesos de agrupación do territorio ou para realizar actuacións de reestruturación das parcelas debido a ese apego á terra que hai en Galicia. Ademais, a fiscalidade actual anula calquera interese polo asociacionismo. Temos aínda unha batalla de socioloxía co propietario forestal para facerlle entender as posibilidades de proxectos piloto de asociacionismo forestal, algúns deles con moi bos resultados.
-As Sofor tamén se presentaron como solucións, pero non acaban de ser unha opción escollida polos propietarios forestais, que falla?
-É unha figura cun marcado carácter económico-financeiro e bastante complexo para a actividade forestal. Para esta actividade precisaríase de figuras cunha maior flexibilidade económica (dobre tributación), unha agrupación forestal como pode ser unha SAT agraria, que non sexa tan coutada podería funcionar mellor. De feito, en zonas da provincia de Lugo xa están a funcionar moi ben algunhas SAT que teñen entre os seus obxectivos a xestión das masas forestais. Tamén hai proxectos de agrupación de xestión conxunta que están a funcionar moi ben, como Monte Cabalar, na Estrada (Pontevedra) ou a SAT Trabada, en Lugo.
-Como se presentan os novos contratos de xestión pública para os montes veciñais con convenios coa Xunta?
-A día de hoxe aínda non se sabe como se van a levar a cabo. Existe a posibilidade de que esa xestión pública por parte da Administración sexa subcontratada, o que pode ser bo, pero tamén pode converterse nunha arma de dobre fío. Si é certo que as antigas figuras que existían de xestión pública, tanto consorcios como convenios, requirían ser revisados e modernizar a situación, xa que eran acordos feitos boa parte deles entre 1976 e 1980 e a xestión e situación cambiou moito dende entón.
-En que aspectos deben mellorar estes acordos de colaboración coa Administración?
-Hai que diferenciar a xestión que realiza a Administración nos montes públicos da que fai en montes privados, mediante convenios en montes veciñais en man común ou con pequenos propietarios. En ámbolos dous casos, a xestión pública debe de ser única, exclusiva e baseada no respecto da ordenación da actividade forestal de forma sustentable. Nos montes privados, debe mellorarse en transparencia, ten que existir unha planificación aprobada por ámbalas dúas partes e cuxos resultados e revisións deben trasladarse aos implicados.
Ademais, a xestión pública debe ser un referente e modelo para o resto, debe haber un proxecto de ordenación realizado por enxeñeiros de montes, e que debe executarse, non pode ser un documento baleiro. Ten que adaptarse ás posibilidades dese monte e debe ser un proxecto multiservicio e multiproducto, non limitarse ao aproveitamento de madeira. Tendo en conta as tendencias actuais, eses montes deberían esta certificados por unha entidade independente que garanta que se realiza unha xestión sustentable.
-Como ven o futuro do sector forestal e o monte en Galicia a curto prazo?
-O sector forestal é un sector de futuro e estratéxico nas axendas públicas, internacionais e nacionais e en Galicia éo indiscutiblemente. Pero o noso documento marco (Plan forestal) non planifica coherentemente todo o potencial dos nosos recursos nin liquida moitas das súas debilidades.
Xunta rectora
Completan a xunta rectora do Colexio os enxeñeiros Santos G. Arenas, Gonzalo Perales, Pablo Arbones, Jesús de la Fuente e Alberto Rojo.
Esqueceu o recente estudio realizado no que se acredita a pésima calidade forestal que hai en Galicia???!!!