“Galicia é o lugar perfecto para iniciarse na cultura do viño pola gran diversidade que temos”

‘A nación dos mil viños’ é a primeira obra dos sommeliers Martiño Santos e Xosé Gonta, responsables da vinoteca compostelá Vide Vide. Coñecemos máis sobre este libro centrado nos viños galegos vistos dende distintas perspectivas

Publicidade
“Galicia é o lugar perfecto para iniciarse na cultura do viño pola gran diversidade que temos”

Os sommeliers e autores Martiño Santos e Xosé Gontá durante a presentación do libro.

Os sommeliers Martiño Santos e Xosé Gontá, responsables da vinoteca Vide Vide situada na capital de Galicia, acaban de presentar o libro ‘A Nación dos mil viños’. Con Martiño Santos coñecemos as liñas sobre as que se asenta esta obra, coa que achegarse dende distintos ámbitos á cultura, historia e viños galegos.

-‘A nación dos mil viños’ pode entenderse como unha aproximación á cultura dos viños galegos, unha guía para iniciarse na viticultura galega dende distintas perspectivas?
-O libro está pensado para proporcionar unha base de coñecemento. É unha guía de iniciación a tres aspectos: a cultura do viño, a proba sensorial e ós viños galegos. Eses tres elementos están entrelazados. É un libro pensado coma os contidos dun curso de cata completo, incluída a proba sensorial, que é o fío condutor.

A segunda parte do libro son todos os elementos que conforman o proceso de elaboración do viño, dende os tipos de solo, as zonas de cultivo, as variedades de uva, o traballo no viñedo e na adega… É unha explicación que serve despois para a hora da cata.

Toda esta aproximación está feita dende a nosa propia realidade vitivinícola. Nós cremos que por causa da diversidade que hai, Galicia é unha zona idónea para aprender de viños, xa que hai moitas variedades de uva, elaboracións de viños… É o lugar perfecto para iniciarse na cultura do viño e na cata sensorial.

“En Vide Vide sempre nos vimos coma unha ponte entre os profesionais do viño e os consumidores e aproveitamos esa experiencia para darlle forma ó libro”

-O voso día a día na vinoteca serviu como inspiración desta obra? Facíase preciso unha publicación destas características para orientar ós consumidores sobre o panorama vitivinícola galego?
-Realmente o libro é un esforzo de síntese da nosa propia experiencia. Imos camiño do noso décimo aniversario no 2023 e neste tempo fixemos moitas xornadas de divulgación, catas… e iso permitiunos atoparnos con moita xente, que na súa maioría era a primeira vez que asistía a un curso de cata, ós viños galegos ou a unha cata sobre as 5 Denominacións de Orixe galegas…

Nós en Vide Vide sempre nos vimos coma unha ponte entre os profesionais do viño e os consumidores e aproveitamos esa experiencia para darlle forma ao libro en base a ese contacto que nos permitiua a viñoteca e as xornadas que alí organizamos tanto co sector do viño como coa xente que lle gusta o viño ou que busca achegarse a este mundo.

-Segue sendo o vitícola un sector descoñecido?
-En xeral, é necesario un maior coñecemento do viño e o libro pretende traballar niso. O do viño é un subsector do ámbito agrario onde probablemente se fixeron mellor as cousas, xa que houbo un plan estratéxico de recuperación do sector e de variedades autóctonas e profesionalización do sector, todo elo sustentado nun traballo técnico solvente e un esforzo por apostar pola calidade e en poñer en valor o propio e o diferenciador dos viños galegos. Precísase chegar ao publico tanto fóra de Galicia como dentro. Ás veces pénsase que en Galicia xa coñecemos os viños que se producen aquí, pero aínda temos moito no que afondar, boa conta diso dá que en Galicia non teñamos un consumo normalizado dos nosos tintos.

-Entón foi tamén o motivo para que fundarades Vide Vide?
-Cando comezamos con Vide Vide viamos xa esa necesidade. Oíamos falar dunha revolución dos viños galegos que encontrabas nas cartas duns poucos restaurantes, pero que logo non tiñas onde mercar. Era moi difícil seguirlle a pista a eses viños. Queda moito por facer tanto na difusión dos viños como na comercialización, xa que hai moitas marcas e produtores.

-Na pandemia moitas adegas apuntaban a que experimentaron unha aproximación da xente moza á viticultura, compartes esta opinión, está a xente nova máis interesada na cultura do viño?
-Coido que si hai un acercamento, pero o que falla son os enlaces entre os produtores e os consumidores. Ese foi tamén un dos motivos que nos animou a comezar con Vide Vide. O perfil que nos indicaban en todas as fontes que consultamos cando empezamos con Vide Vide é que o consumidor é un home maior de 55 anos e ese non foi o perfil que atopamos na nosa tenda. Tanto nas catas coma no día a día para mercar hai moitas mulleres e xente máis nova. Ademais o viño responde moi ben a ese interese que hai hoxe de querer saber que hai detrás do produto.

“O Ribeiro é probablemente a capital do viño galego”

-Se tivese que escoller unha Denominación de orixe e unha variedade de uva, con cal quedaría? ¿Por que?
-Eu teño moita inclinación polo Ribeiro, ó ser unha zona central en sentido xeográfico e climático. É ademais unha zona cunha gran proxección histórica no mundo do viño, dende o comezo e sendo moi relevante, sen desmerecer outra zonas tamén cunha gran tradición. O Ribeiro é probablemente a capital do viño galego, aínda que non sexa a que ten maior importancia económica. Ademais, compendia esa diversidade, xa que é o equilibrio entre a variedade climática dos viños do interior e a costa. Ademais, no Ribeiro os viños seguen sendo plurivarietais, o que tamén é unha riqueza.

En canto ás variedades, eu teño predilección polos tintos e unha variedade que me parece especialmente singular e mesmo diversos estudos destacan o seu potencial de lonxevidade é a Sousón. Aínda que, non hai uva nin zona mala, só son predileccións.

-O libro é un traballo a tres mans, onde tamén cobra importancia a ilustración de Toño Nuñez. ¿Por que decidiron este formato?
-Nós os dous tiñamos a idea dende había tempo e xa fixéramos materiais para o noso curso de cata. Buscamos unha aproximación pedagóxica e accesible, de aí o importante traballo de Toño Núñez, o ilustrador da guía, que incluíu dende mapas, fotografías, ilustracións, táboas… Moitos conceptos que ás veces nunha primeira aproximación resulta complexo de comprender, é máis doado facelo con imaxes. É o caso, por exemplo, de conceptos como a crianza sobre leas, polo que incluímos unha secuencia fotográfica do proceso para que o lector o poida comprender. Ademais, o feito de que Toño non é un experto no mundo do viño axudounos a buscar unha mellor aproximación para aquelas persoas que se achegan por primeira vez.

“Nós vemos Galicia e os viños galegos coma rexións como a Borgoña, cunha gran diversidade interior e que forman parte de estados con máis denominacións de orixe, pero que teñen identidade propia”

-Tampouco faltan os elementos históricos e culturais, que fitos históricos decidiron incluír no libro que resultaran determinantes para a viticultura galega?
-Quixemos ser moi prudentes, xa que non somos historiadores. Así, todas as referencias que incluímos no libro son citas textuais de obras. Facilitamos información indirecta para que a xente poida investigar. Tamén fixemos unha aproximación propia tanto ó pasado, como sobre o presente e futuro do viño galego, con interpretacións persoais. Concibimos o mundo dos viños galegos, coma un mundo con identidade común, con moita diversidade interna, de aí que empregáramos o termo de nación. O mundo dos viños galegos está claramente diferenciado doutras zonas da Península, tanto de España como de Portugal. Tamén abordamos hipóteses históricas sobre a elaboración do viño en Galicia dende tempos mesmo prerromanos, con hipótese que relacionarían a súa historia cos fenicios.

A nación dos mil viños

Sobre todo centrámonos nos dous períodos de expansión do viño en Europa. Neste sentido, Galicia atópase en ambos momentos históricos como unha nación cunha destacada produción do viño, tanto na época romana coma nos séculos XII e XIII. Atópanse referencias tanto á Galicia romana como á presenza dos viños galegos posteriormente, con documentos que dan conta da importancia dos viños galegos nesas épocas, estando por exemplo en mesas dos reis ingleses ou na expedición de Colón que chega a América. Realmente temos unha historia espectacular no mundo do viño.

Nós vemos Galicia e os viños galegos como se ve no mundo outras rexións, como a Borgoña: territorios cunha gran diversidade interior e identidade propia e que á súa vez forman parte de estados con máis denominacións de orixe. Non lle temos que ter medo a esa complexidade, xa que nos dá riqueza. Á hora da comercialización nós apostamos por vender iso: unha zona singular e diferenciada de viños no mundo.

-Nunha terra dos mil viños, como se selecciona ós produtores e marcas que non poden faltar. Que nomes propios se atopará o lector no libro?
-Son 16 capítulos e apostamos por outros tantos produtores e marcas de viño, aínda que coa gran variedade que existe en Galicia supón deixar fóra a moitas marcas e actores destacados. Fixémolo porque cremos que o viño non debe ser anónimo. Detrás do viño hai persoas, proxectos de vida, familias. É importante caracterizar e saber quen está detrás, non só a adega ou a empresa senón a persoa. Para nós é esencial porque é un xeito de darlle valor. A selección ven motivada polas distintas variedades e tipos de viño que se van tratando no libro. Son recomendacións sen ningún tipo de vinculación comercial, xa que hai viños ou autores que nin sequera están incluídos ou só o están de xeito temporal na nosa selección comercial de Vide Vide.

“Fixemos unha selección de viños e produtores porque cremos que o viño non debe ser anónimo. Detrás do viño hai persoas, proxectos de vida, familias… Saber quen está detrás é un xeito de darlle valor”

– A súa experiencia como sommelier, cales foron os viños que máis lle sorprenderon?
-Nunca son capaz de dicir cal é o mellor viño, xa que hai moitos factores que o determinan, dende a colleita, o momento, a compañía… O que si teño observado nestes anos como sommelier é que houbo un salto importante na produción de viños e é moi doado sorprenderse cos viños que están saíndo. Hoxe en día hai moitos viños galegos con recoñecementos internacionais que dan conta disto, ademais por Vide Vide teñen pasado e participado en catas algúns dos expertos que están visitando as mellores zonas produtoras do viño a nivel mundial e teñen recoñecido que os viños galegos aínda teñen a capacidade de sorprendelos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información