Galicia é das comunidades menos beneficiadas polas axudas do Goberno á compra de fertilizantes

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publica a listaxe dos 234.291 agricultores que recibirán case 281 millóns de euros das axudas para compensar o aumento do prezo dos fertilizantes. Galicia apenas recibirá 1,3 millóns de euros para 2434 agricultores e gandeiros

Galicia é das comunidades menos beneficiadas polas axudas do Goberno á compra de fertilizantes

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou a listaxe definitiva dos 234.291 titulares de explotacións agrícolas que van recibir as axudas para compensar a subida do prezo dos fertilizantes, por un importe total de 280.836.011 euros. Estas cifras representan un 94,2% dos titulares e un 94,6% do orzamento indicados na resolución provisional publicada o pasado 15 de febreiro. Os pagos realizaranse ao longo do mes de abril.

Estas axudas foron aprobadas polo Goberno mediante o Real Decreto-lei 20/2022, de 27 de decembro, de medidas de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra de Ucraína e apoio á reconstrución da illa da Palma e a outras situacións de vulnerabilidade.

A axuda concédese ás superficies de cultivos permanentes e terras de cultivo (exceptuados barbeitos e pastos temporais) que fosen elixibles para o cobro das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) na campaña 2022. No caso da Comunidade Autónoma de Canarias, concédense ás superficies destes cultivos recollidas no Rexistro de Explotacións Agrícolas (REGEPA) a 31 de maio de 2022.

Concédense as axudas cando o importe a percibir resulte igual ou superior aos 200 euros, e até un máximo de 300 hectáreas por beneficiario, nas que se prioriza a superficie en regadío.

Na resolución do pasado 15 de febreiro, en base ao número de hectáreas elixibles para esta axuda, estableceuse un importe unitario de 20,82 euros por hectárea de superficie de secaño e de 52,06 euros por hectárea de superficie de regadío. O orzamento asignado foi de 297 millóns de euros, xa que se reservou unha bolsa de 3 millóns de euros para atender posibles alegacións.

Finalizado o prazo de presentación de alegacións á resolución provisional, estableceuse o grupo de beneficiarios que non presentaron obxeccións que requiran unha análise detallada ou non exerceron as facultades de rexeitamento da axuda. Unha vez verificado que se atopan ao corrente das súas obrigacións tributarias e coa seguridade social, concedéuselles a axuda. Tamén se lles outorgou a quen só alegaron a modificación da conta corrente asociada.

FERTILIZANTES AXUDAS BENEFICIARIOS

A relación dos titulares de explotacións agrícolas aos que se lles concede as axudas, xunto co número de hectáreas de secaño e de regadío computadas e a contía a percibir está dispoñible no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) na seguinte ligazón: https://www.fega.gob.es/es/ayudas-excepcionales-productores-sectores-agrarios/ayudas-fertilizantes

Os beneficiarios que aínda non recibisen os pagos das axudas directas da PAC correspondente á solicitude única da campaña 2022, e finalmente os reciban dentro o período ordinario para efectuar o pago aos beneficios, serán comunicados novamente polas comunidades autónomas ao FEGA e incluídos de oficio nunha nova resolución complementaria de titulares de explotacións agrícolas.

A resolución publicada no día de hoxe recolle igualmente aqueles titulares aos que non se lles realizou o pago por detectarse que non están ao corrente dos seus pagos coa Axencia Tributaria ou coa Seguridade Social para que poidan regularizar a súa situación. No prazo máximo dun mes, realizarase unha segunda comprobación para verificar se emendaron este aspecto, e aqueles que o fixeron poderán recibir as súas axudas máis adiante.

No caso dos titulares que presentasen alegacións relacionadas con aspectos da campaña da PAC 2022, estas serán remitidas ás comunidades autónomas para a súa análise. Posteriormente procederase á resolución das mesmas e, se procede, ao pago das axudas correspondentes.

Una idea sobre “Galicia é das comunidades menos beneficiadas polas axudas do Goberno á compra de fertilizantes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información