Galicia e Bretaña: semellanzas e diferenzas de dúas potencias en produción de leite

Son as principais rexións produtoras de España e Francia e comparten ubicación xeográfica e clima, pero están a coller camiños distintos nos seus sistemas produtivos. Facemos unha ollada comparada centrada no sector leiteiro, o verdadeiro motor da economía rural aquí e alí

Vista dunha paisaxe agraria no departamento de Ille e Vilaine, no entorno de Rennes, capital da Bretaña

Vista dunha paisaxe agraria no departamento de Ille et Vilaine, no entorno de Rennes, capital da Bretaña, onde a produción de leite comparte protagonismo cos cereais, as maceiras e as granxas de polos e porcos

Ubicadas no finis terrae atlántico, Galicia e Bretaña comparten unha vocación agraria que ten na produción de leite o seu máximo expoñente, pero diferéncianse na maneira de encarar o futuro, na ordenación do territorio e na diversificación de cultivos.

Bretaña conta con 25.000 explotacións agrogandeiras, das que unhas 10.000 son explotacións leiteiras. Sen embargo, boa parte delas contan con diversificación produtiva, combinando a produción de leite coa de cereais ou coa avicultura.

En Bretaña non hai piñeiros e eucaliptos, senón trigo, cebada ou colza

De media, cada explotación conta con 51 hectáreas (o dobre que en Galicia) e 1,8 UTAs. O número de explotacións está a reducirse nos últimos anos a un ritmo de dúas explotacións ao día, cun descenso total dun 16% na última década.

Cada día pechan de media dúas explotacións en Bretaña

O 72% dos agricultores forman parte dunha sociedade fronte ao 28% dos xefes de explotacións individuais. As principais figuras de agrupación colectiva son os GAEC, equivalentes ás SATs galegas, e as EARL, semellantes ás SL.

En toda Bretaña tan só hai 34 explotacións con máis de 250 vacas en produción

O 82% das explotacións teñen menos de 100 vacas en produción e outro 13% moxen entre 100 e 150 vacas. A media do conxunto de Bretaña sitúase en 75 vacas por gandería. Non hai grandes explotacións, a meirande parte son ganderías de tamaño medio, pero a gran diferenza con Galicia está na cantidade de terra da que dispoñen, pois unha explotación de 120 vacas en produción pode contar con máis de 150 hectáreas de pradeiras e cultivos, algo impensable en Galicia.

Tres veces máis SAU

comparacion Galicia Bretaña GALGalicia e Bretaña miden case o mesmo pero a vocación produtiva é moi diferente: Galicia aposta por aproveitar o territorio para a produción de madeira (piñeiro e eucalipto fundamentalmente) mentres Bretaña aposta pola produción agrogandeira. A rexión da Bretaña ocupa unha superficie total de 2.754 quilómetros cadrados, unha cifra similar aos 2.957 que ten Galicia. Sen embargo, a superficie adicada a agricultura nun e noutro caso é moi diferente.

Bretaña conta con perto de 1,7 millóns de hectáreas de SAU, que representan o 64% do territorio, mentras outro 20% sería solo forestal

Mentres en Bretaña o 64% da superficie total (1,6 millóns de ha) é superficie agrícola e só o 20% superficie forestal (14% monte produtivo, 390.000 ha), as porcentaxes en Galicia invírtense: a SAU galega ocupa tan só 600.000 hectáreas, o 20% da superficie total da comunidade, mentres o 70% do territorio (máis de 2 millóns de hectáreas) son monte, incluídas 600.000 hectáreas de mato e monte improdutivo.   

Menos leite e máis cereais

producción leite vaca 2021 BretañaO sector leiteiro segue a ser o motor da economía agraria tanto en Galicia como en Bretaña, pero mentres Galicia segue a incrementar a produción de leite, Bretaña está a reducila. Galicia produciu en 2021 case 3 millóns de toneladas de leite (o 40% do producido en España) e Bretaña 5,3 (o 25% do leite de Francia).

Trala fin das cotas lácteas, os gandeiros bretóns tomaron a decisión de non incrementar a produción para manter os prezos

Desde o fin das cotas lácteas no ano 2015 Galicia aumentou a súa produción de leite nun 15%, pasando de 2,58 millóns de toneladas a 2,98 millóns o pasado ano. Pola contra, Bretaña pasou de ser historicamente a primeira rexión leiteira europea a ser superada xa neste momento por Southern, a rexión do sur e leste de Irlanda, que incrementou en máis dun 27% a súa produción de leite nos 5 anos posteriores ao fin das cotas lácteas, mentres Bretaña pasaba de 5,8 millóns de litros no 2017 a 5,6 millóns en 2019 e 5,3 na actualidade.

Nos últimos anos a tendencia nas ganderías de leite da Bretaña foi reducir o emprego de concentrados como un xeito de abaratar os custos de produción

Pero mentres a produción galega medra en base ao aumento do número de cabezas por granxa e a unha crecente intensificación das explotacións, a bretona leva anos apostando pola extensificación e a ecoloxía, con ganderías que reducen a produción por vaca e basean a súa rendibilidade nunha diminución dos custos de alimentación. A raza maioritaria, a holstein (82%), convive con outras razas como a normanda ou a montbeliarde.

Prezos do leite similares a Galicia

A maioría das explotacións fan pastoreo coas súas vacas na primavera

A maioría das explotacións fan pastoreo coas súas vacas na primavera para reducir os custos de produción

A día de hoxe, o prezo do leite en Bretaña é similar a Galicia. Os contratos asinados para este ano polos gandeiros coa cooperativa Agrial, a gran cooperativa da Bretaña, fixan un prezo base de 40,5 céntimos para un 3,8% de graxa e un 3,2% de proteína.

Na Bretaña hai unha maior diversificación produtiva ca en Galicia e as granxas son practicamente autosuficientes

A revalorización dos produtos lácteos nos mercados internacionais fixeron subir o prezo do leite pagado ao produtor bretón en paralelo aos custos de produción. O prezo medio cobrado en decembro foi de 39,8 céntimos, un 10,5% máis que en decembro de 2020, cando os custos de produción se incrementaron un 12,7% nese mesmo periodo, segundo reflicte o índice Ipampa, un índice de custos de produción calculado polo instituto oficial de gandería francés (Idele) a partir de 12 parámetros.

prezo leite custos produción Bretaña

Pero esta revalorización do prezo de venda do leite non serviu para frear a redución de produción que se vén producindo tralo final das cotas. O ano pasado rematou cunha caída do 1,5% da produción leiteira na rexión en comparación co ano 2020. Aínda que se está a ver unha mellora nas marxes dos produtores en orixe, “en Francia os impactos da Ley Egalim 2 só serán visibles a partir de 2023”, asegura o organismo público Chambres d’Agriculture de Bretagne

O prezo base está neste momento en 40 céntimos cun 3,8% de graxa e un 3,2% de proteína

“O descenso nas entregas de leite está directamente relacionado coa redución da cabana leiteira. O número de vacas leiteiras diminuíu en 18.500 cabezas, é dicir, un 2,7% no último ano, a caída máis grande de todo o país. É dicir, a descapitalización da gandería bretona continúa”, asegura no seu último informe publicado, relativo ao último trimestre do ano pasado. 

Diversificación

Parcela de trigo, un dos cultivos principais da rexión

Parcela de trigo, un dos cultivos principais da rexión, que está a apostar tamén pola colza como substituto da soia

A revalorización experimentada polos cereais trala invasión rusa de Ucraína está a empurrar tamén a moitas explotacións a sacrificar superficie de pradeira e millo forraxeiro a favor da produción de trigo, cebada e millo para gran.

A maioría das granxas leiteiras bretonas son explotacións mixtas agrícolas e gandeiras que se autoabastecen de cereais e venden os excedentes

A diversificación de cultivos fai que a produción forraxeira para alimentación do gando conviva coa de cereais, con 322.000 hectáreas de millo forraxeiro para ensilado e 122.000 para grao, 297.000 hectáreas de trigo, 96.000 de cebada e 53.000 de colza. 

SAU BretañaAs granxas leiteiras bretonas son practicamente autosuficientes producindo forraxes e cereais, e venden os excedentes á industria local para a fabricación de concentrados (destinados fundamentalmente ás granxas de porcos e polos, aínda que moitas delas tamén producen os seus propios cereais).

A zona oeste de Francia produce o 10% do leite, a carne de vacún e os polos da UE

A metade da produción leiteira francesa procede de tres rexións limítrofes do oeste do país (Bretaña, Normandía e Loira), que suman máis de 35.000 explotacións e 13,5 millóns de toneladas anuais (o 10% da produción de leite europea).

Aposta polo ecolóxico

A produción ecolóxica e a venda directa están a gañar terreo fronte á produción de materia prima para a industria

A produción ecolóxica e a venda directa están a gañar terreo fronte á produción de materia prima para a industria

Nos últimos anos a expansión da agricultura ecolóxica en Bretaña foi notable. A rexión conta con 3.350 explotacións e 141.000 hectáreas en producción ecolóxica, cun incremento do 15% desde o ano 2018. O 9,5% da SAU está certificada para produción ecolóxica, das que 24.000 hectáreas (o 17% da superficie ecolóxica total) están destinadas a cereal (o 4,1% da superficie de cereal é producido en ecolóxico).

Desde o ano 2008 triplicouse o número de explotacións ecolóxicas, pasando de 1.000 a 3.500

Destacan sobre todo as explotacións leiteiras, unhas 950, cun total de 55.000 vacas en produción (o 7,4% das vacas leiteiras da rexión). Tamén as adicadas á produción hortícola, con preto de 1.000 explotacións. A continuación, pero xa moito por detrás, estarían a avicultura e o vacún de carne, cun 7% do total das explotacións ecolóxicas cada unha.

Produción de horta

Na zona norte de Bretaña atópase a principal área hortícola. Prodúcense cebolas, patacas, repolos, alcachofas, coles de Bruxelas, coliflores, brócoli ou tomates. Bretaña produce ao ano 380.000 toneladas de pataca (o 5% da produción francesa), 38.000 de alcachofa (o 80% da produción francesa), 190.000 de coliflor (o 80% da produción francesa) e 157.000 de tomates (o 25% da produción francesa).

Case un terzo das 3.600 explotacións de horta existentes producen en ecolóxico

A produción ecolóxica gaña terreo e dentro da marca Prince de Bretagne, os produtores contan cunha liña bio cun importante crecemento. Hai xa neste momento perto de 1.000 explotacións producindo en ecolóxico, cun 20% máis de hectáreas certificadas nos últimos catro anos.  

Gandería de carne

Bretaña conta con 2 millóns de cabezas de gando bovino, das que 740.000 (o 37%) son vacas leiteiras. A produción de carne de vacún é complementaria á de leite, con 156.000 toneladas producidas no ano 2020. As principais razas de produción de carne son a Limusín (33.300 vacas nodrizas), a Blonde de Aquinania (23.600) e a Charolesa (22.900).

O 42% da produción de carne de vacún de Francia procede da zona coñecida como Gran Oeste, que incluiría as rexións de Bretaña, Normandía e o Loira, que suman 50.000 ganderías e o 10% da produción de carne europea

Un de cada tres polos e un de cada 2 porcos franceses prodúcese en Bretaña

Bretaña produce ademais 8,6 millóns de polos e 13,7 millóns de porcos. O 54% da carne de porco e o 33% da carne de polo de Francia prodúcese na Bretaña. O sector avícola inclúe polos, pavos, patos, pintadas (galiñas de Guinea) e ovos para consumo (6 millóns de ovos, o 42% da produción francesa).

O reto do relevo xeracional

relevo xeracional BretañaIgual que ocorre en Galicia, a idade dos titulares das explotacións e a falta de continuidade é un dos grandes problemas do sector agrogandeiro bretón. O 36% dos xefes de explotación teñen máis de 55 anos e por cada nova incorporación hai tres xubilacións. Por iso, o gran reto para os vindeiros anos é garantir o relevo á fronte das granxas.

Por cada nova incorporación hai 3 xubilacións

En 2020 437 novos agricultores instaláronse con axudas estatais. Deles, unha cuarta parte eran mulleres. A idade media de incorporación foi de case 30 anos e a metade contaba con formación profesional de carácter superior na rama agraria.

Man de obra local

man de obra agraria BretañaO sector agrogandeiro é o responsable do 3,9% dos empregos de Bretaña, con 67.000 persoas activas, a metade titulares de explotacións e os seus cónxuxes ou familiares e a outra metade persoas asalariadas, que van gañando peso sobre o total de persoas adicadas á agricultura. A evolución nos últimos 10 anos mostra un incremento de persoas contratadas na mesma medida que descende a man de obra familiar.

A media de activos agrícolas familiares diminuíu na última década a un ritmo dun 2,3% por ano, o mesmo nivel de crecemento que experimentou o emprego asalariado no sector

O 30% do traballo asalariado realízase en explotacións con cultivos de legumes e hortalizas, focalizadas na zona norte da rexión, e o 44% en ganderías de vacún de leite, carne, porcino e avicultura. A dificultade para atopar man de obra está impulsando a robotización de tarefas como o muxido nas ganderías lácteas, igual que acontece en Galicia. 

Seis de cada 10 contratos son indefinidos e a diferenza de Galicia, a man de obra inmigrante é minoritaria nas ganderías, que traballan con empregados locais. As cuadrillas de estranxeiros tan só son habituais para a plantación e recollida de cultivos de horta nas explotacións situadas na zona norte.

Tradición de asociacionismo agrario

Agrial é unha das principais cooperativas bretonas, presente no sector do leite, a horta, os pensos e a maquinaria

Agrial é unha das principais cooperativas bretonas, presente no sector do leite, a horta e os pensos

Bretaña conta cunha fonda tradición asociativa no eido agrario, desenvolvida trala Segunda Guerra Mundial e afianzada nas décadas posteriores. O despegue da agricultura e a gandería na rexión veu da man das cooperativas e as CUMAs, ao tempo que se organizaban entidades mutualistas de crédito agrícola, sindicatos e centros e formación de carácter asociativo.

Agrial está formada por máis de 13.000 socios e 22.000 traballadores e factura 6.000 millóns de euros

A entrada de Francia como país fundador da Comunidade Económica Europea permitiu aos agricultores e gandeiros beneficiarse da PAC desde o seu inicio como fonte de financiamento para as melloras acometidas sen teren que sufrir limitacións e condicionantes do calibre dos impostos aos socios posteriores, como os sufridos polos produtores de leite galegos até 2015 coas cotas lácteas.

Os agricultores bretóns recibiron o ano pasado 417 millóns de axudas da PAC

O espíritu asociativo e reivindicativo dos produtores bretóns chegou até a actualidade. A profesión de agricultor ou gandeiro ten prestixio social e o seu peso é notable na vida local e na toma de decisións gubernativas.

Os prezos da terra están regulados e os mozos teñen prioridade de acceso

A protección do sector é transversal e a convivencia con outras actividades no espazo rural está supeditada ao mantemento do solo e a actividade agraria nas zonas delimitadas para o seu desenvolvemento, con políticas de fixación de prezos de arrendamento e prioridade dos mozos no acceso á terra disponible.

Forte implantación industrial

Planta industrial de Lactalis en Retiers, a maior de Europa da multinacional francesa

Planta industrial de Lactalis en Retiers, a maior de Europa da multinacional francesa

En Bretaña hai asentadas case 1.500 industrias agroalimentarias, que dan emprego a 71.000 persoas. Entre elas atópanse grandes cooperativas como Agrial, adicada a sectores como o leite ou a horta, con sede social en Caen e estendida por todo o norte de Francia, e empresas privadas como Lactalis, fortemente implantada tamén na rexión.

A industria agroalimentaria de Bretaña aporta o 41% dos empregos industriais da rexión

A multinacional propiedade da familia Besnier conta en Retiers, a 30 quilómetros de Rennes, a capital de Bretaña, coa súa maior fábrica en Europa, un complexo adicado á obtención de ingredientes lácteos por ultrafiltración que dá emprego a 800 persoas e procesa 1,2 millóns de litros de leite ao día.

En conxunto, a industria láctea bretona dá emprego directo a 38.000 persoas e exporta produtos por valor de 420 millóns de euros, con Bélxica, China e Alemaña como principais destinos.

Una idea sobre “Galicia e Bretaña: semellanzas e diferenzas de dúas potencias en produción de leite

  1. Luis Diaz Perez

    Os numeros por si mesmos non dicen nada, estades contando unha “media verdade” cos datos de superficies. Galicia non é igual á Bretaña, alí o terreo é moi chan, o clima é moi bo (clima propio atlántico). En Galicia non pasa eso, nin parecido. Temos moito terreo montañoso (a nosa orografía é asi), que soamente vale para uso forestal, e as veces nin para eso sirve (pendentes, zonas escarpadas, rochas, …)
    Por outro lado o clima de Galicia non é todo atlántico como na Bretaña. Sempre que se fala deso olvidanse da Galicia interior (que tamén existimos); toda a metade sur da provincia de Lugo e a maior parte da de Ourense temos un clima extremo, que para nada é atlántico.
    Non se pode comparar a Galicia coa Bretaña.
    As comparacións son odiosas … xa o dito.
    Por outra parte eu creo que cada zona se ten que adaptar o que ten, eu estiven na Bretaña, e non vin grandes milagros, … vin problemas como os que temos aquí, o abandono do rural é un feito. O que funciona alí non ten porque ser bo aquí.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información