Galicia é a Comunidade con menor duración dos contratos lácteos

Baixan os contratos de menos de 3 meses entre industrias e gandeiros e soben os de 3 a 6. Así se desprende do informe sobre o sector lácteo español presentado o pasado xoves polo Ministerio de Agricultura aos axentes do sector

Galicia é a Comunidade con menor duración dos contratos lácteos

Concentración do SLG o pasado verán

Galicia é a Comunidade Autónoma con menor duración dos contratos lácteos, se se exceptúa Murcia, unha comunidade cunha produción láctea testemuñal. En concreto, a duración media dos contratos entre industrias lácteas e gandeiros en Galicia, con datos do mes de xuño, é de 6,58 meses, mentres que a media de España atópase en 8,53 meses. Así se desprende do informe sobre a situación do sector lácteo en España que foi presentado o pasado xoves polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente aos representantes do sector lácteo.

Entre as autonomías con maior produción láctea, a mellor situación rexístrase en Asturias, Andalucía e o País Vasco, con duracións dos contratos lácteos de 11,68, 11,87 e 12,97 meses respectivamente, mentres que en Castela e León atópase en 8,79 meses. Non é casual que nas tres comunidades con maior estabilidade contractual haxa un forte peso da industria láctea de carácter cooperativo.

Pola contra, despois de Galicia a peor situación en canto a duración do contrato sitúase en Cantabria, con 7,30 meses de duración media.

CONTRATOS_LACTEOS_DURACION

Baixan os contratos de menos de 3 meses entre industrias e gandeiros e soben os de 3 a 6

En canto á evolución da duración dos contratos, o informe do Ministerio analízaos de abril a xuño por estratos de duración (de menos de 3 meses, de 3 a 6 meses, de 6 a 12 meses e de máis de 12 meses), e en dúas categorías: contratos individuais entre industria e gandeiro e acordos entre cooperativas e industrias.

En canto aos contratos individuais, as principais conclusións son que os contratos de menos de 3 meses reducíronse notablemente do case o 45% ao 34%. Un descenso que se trasladou aos contratos de 3 a 6 meses, que aumentaron pasando de representar o 19% do total en abril ao case o 32% de xuño. Os contratos de 6 a 12 meses tamén aumentaron lixeiramente do 17 ao 19%, mentres que descenderon os contratos de máis de 12 meses entre industria e gandeiros individuais: dun 17% en abril a un 14% en xuño.

En canto aos contratos cooperativos non houbo practicamente variacións e mantivéronse nun 35% de contratos de máis de 12 meses; un lixeiro incremento nos contratos de 6 a 12 meses, que supoñen o 56%, mentres que os contratos de 3 a 6 meses baixaron dun 7,2 a un 5,8% e os de menos de tres meses de duración mantivéronse en ao redor do 2,5%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información