Galicia é unha das rexións europeas que máis está a aumentar a súa produción de leite no que vai de 2020. Segundo os datos publicados hoxe polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) entre xaneiro e maio deste ano as ganderías galegas produciron 1.223.865 toneladas de leite de vaca, o que supón un 6,07% máis que no mesmo período do ano anterior. No resto de España o incremento nos primeiros cinco meses foi menor: un 2,34%, acadando as 1946461 toneladas.
En maio por primeira vez Galicia baixa de 7000 ganderías con estregas
Iso si, a produción de leite é maior pero con cada vez menos ganderías: en maio baixaron en Galicia das 7.000, en concreto foron 6998 as que declararon entregas ás industrias lácteas. O prezo medio situouse nos 0,321 euros o litro, lixeiramente por debaixo dos 0,324 euros o litro de abril, e cunhas calidades medias do 3,76% de graxa e do 3,28% de proteína.
No conxunto de España, como ven sendo habitual, os prezos medios foron algo superiores malia ter menos calidades no leite: 0,329 euros o litro – en abril a media foi de 0,332 euros- e un 3,64% de graxa e 3,26% de proteína.