Galicia despega con forza na produción de arándano

Horticina, situada no municipio coruñés de Cerdido, sacará este ano ao mercado a súa primeira colleita de arandos procedentes dunha finca de 82 hectáreas. Destacan a aptitude de Galicia para este froito silvestre, xa que entra en produción cando non hai produto no resto de Europa.

Publicidade
Galicia despega con forza na produción de arándano

Miguel Mato, copropietario de Horticina

A maior plantación de arandos de todo o Norte de España está en Galicia, e máis concretamente no concello coruñés de Cerdido, nunha comarca cunhas condicións idóneas para produción deste froito silvestre cada vez máis demandado no mercado.

Horticina, unha empresa integrada por dous socios, o galego Miguel Mato e o suízo Alberto Amstutz, ten unha plantación de 82 hectáreas -das algo máis de 100 que hai en Galicia- e este ano sacará ao mercado a súa primeira produción de arandos.

A elección deste froito silvestre, moi valorado no mercado europeo polas súas propiedades antioxidantes, foi consecuencia dun desastre natural. “Empezamos cunha plantación de camelia para planta ornamental pero o ciclón Klaus arrasouna no ano 2009 polo que os dous socios decidimos explorar novos tipos de cultivo para a zona”, explica Miguel Mato.

Para iso desprazáronse ata Asturias, onde daquela había as plantacións de arandos máis profesionais do Norte de España, e entraron en contacto con Asturianberries, filial de Hortifruit, unha multinacional chilena do sector.

“Presentámoslles un proxecto e gustoulles, xa que a nosa grande vantaxe é que producimos arandos nunha franxa de tempo, entre setembro e outubro, na que non hai produción no resto de Europa”, salienta Miguel.

Ademais, os solos nesta zona, ao igual que na maior parte de Galicia, son ácidos, moi apropiados para a arandeira, e tampouco hai xeadas tardías, nos meses de abril e maio, que poderían estragar a colleita.

“En Galicia producimos cando non hai arando no resto de Europa”

“Empezamos plantando 10 hectáreas a finais de 2012 pero necesitábamos máis superficie para xustificar a construción dun centro de recollida en Galicia”, explica Miguel Mato. Foi por iso polo que decidiron plantar as 82 hectáreas da finca con arandeiras, un proceso que remataron en 2015. En total, o investimento dos dous socios de Horticina nesta plantación ascendeu a 2,3 millóns de euros.

Elixiron 8 variedades, aínda que as principais foron a Highbush do Norte e a Rabbiteye, orixinarias de Oregón, en Estados Unidos, e que son as que máis se adaptan ao terreo de Galicia. A maior parte da planta mercárona en España pero tamén a importaron de Francia e de Holanda.

Miguel Mato asegura que as esixencias da planta para lograr unha boa produción son poucas: “Necesítase un terreo cun PH de entre 4,8 e 5, de tipo francoareoso, con boa porcentaxe de materia orgánica e un mínimo de 400 horas de frío, é dicir, con temperaturas por debaixo dos 7 graos”. O marco de plantación elixido foi dunha distancia de entre 0,65 e 1 metro entre plantas, segundo as variedades, e a vida útil das mesmas estímase nun mínimo de 10 anos, aínda que hai exemplares que poden chegar aos 25.

“Prevese que a plantación produza 1,2 millóns de kilos de arandos ao ano”

Este vai ser o primeiro ano no que parte da plantación de Horticina entre en produción. “Os dous primeiros anos despois de plantar quitámoslle os arandos para que a planta teña un bo desenvolvemento das raíces e de formación da estrutura, para poder dar a produción estimada no futuro”, explica Miguel.

Unha produción que se calcula entre 4 e 6 kilogramos de froito por arandeira e campaña, polo que a produción estimada para a finca en pleno desarrollo calcúlana en 1,2 millóns de kilos anuais de arandos. Grazas a que dispoñen de oito variedades de planta, a produción sairá ao mercado de forma escalonada: un 30% cara finais de xullo e un 70% en setembro e nas primeiras semanas de outubro.

Comercialización a través dunha multinacional chilena

A comercialización desta inxente colleita está asegurada grazas ao acordo asinado por Horticina con Hortifruit, polo cal a multinacional se compromete a mercar e comercializar toda a produción, que irá destinada ao mercado europeo, fundamentalmente a Reino Unido, Alemaña e a Suíza. Non obstante, Miguel Mato confia nun aumento do consumo interno en España nos próximos anos, “que xa pasou de 5 gramos por habitante en 2013 a 11 gramos no ano 2015”.

 “Toda a produción xa a temos vendida”

Miguel Mato recoñece que o acordo de Horticina coa multinacional chilena, asinado por un prazo de 10 anos, foi estratéxico. “É moi difícil -recoñece- facer nós tamén a comercialización xa que, aínda que poderíamos ter maiores prezos, ao ter unha produción tan grande nun período tan curto de tempo poderíamos atoparnos sen ter a quen venderlla”.

Os prezos de compra están entre 2,5 e 6 euros o quilo, dependendo da calidade do froito e da época na que sae ao mercado.

Este será o primeiro ano no que os arandos de Horticina cheguen aos consumidores europeos. “Esperamos recoller entre un 15 e un 20% da produción estimada, que chegará ao punto pleno cara 2017/2018”, avanza Miguel. Será nese momento, cando Horticina poña en marcha o seu centro de recollida nas propias instalacións da empresa.

Na recollida a plantación chegará a dar traballo a ata 750 persoas

Outra das vantaxes deste sector, é o elevado volume de empregos que xera. E é que a parte dos 20 empregos fixos que ten Horticina durante todo o ano, para esta campaña prevén que participen na recolección entre 80 e 100 persoas, parte delas persoal experimentado de Hortifruit que traballa nas plantacións de arandeiras de Huelva e que se desprazará a Galicia para ensinar ás novas incorporacións.

E é que a recolección do arando débese realizar con moita delicadeza para preservar o “proon”, a fina cera blanquecina que é moi apreciada por conter unha elevada concentración de antioxidantes. Neste sentido, a colleita debe facerse sen aneis nos dedos, sen pendentes, coa cabeza cuberta e desinfectando as mans con frecuencia.

En plena fase de produción, Horticina calcula que traballarán arredor de 750 persoas na recolección das súas 82 hectáreas. Un revulsivo económico para este concello rural, que tamén suporá un reto loxístico. Neste sentido, a empresa xa está a traballar co concello de Cerdido para darlle aloxamento aos traballadores temporeiros en vivendas do municipio.

Recomendacións para os interesados en entrar no sector

En canto ás recomendacións para aquelas persoas que poidan estar interesadas en investir no sector en Galicia, Miguel Mato recomenda que “por debaixo de 5 hectáreas non faría unha plantación, xa que ás grandes comercializadoras tampouco lles interesa”. Neste sentido, no seu caso aconsella asociarse cun comercializador importante “xa que blinda a produción, aínda que temos que ser conscientes de que nos vai esixir un produto homoxéneo, cun calibre bo e un subministro garantido”.

Por outra parte, lembra que “hai que agardar dous anos ata empezar a recoller” e que “aínda que o manexo non é complicado, si que hai que seguir unhas pautas”.

“Se alguén quere meterse no sector do arando, penso que quizás este sexa o momento”, conclúe.

Aspecto da plantación de Horticina

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información