O eucalipto nitens experimentou na última década unha expansión progresiva en Galicia por dous factores claros. É máis resistente á praga do ‘Gonipterus’ que o eucalipto globulus -o chamado ‘eucalipto do país’-, e está adaptado a maiores altitudes, o que permite a súa plantación no interior galego. Analizamos o actual escenario de plantacións forestais e as perspectivas de futuro con Enrique Candía, de Viveros Mañente, un dos maiores produtores de planta de eucalipto na comunidade.
– Cal foi nos últimos anos a evolución das plantacións de nitens, en comparación co eucalipto globulus?
– O 90% das plantacións de eucalipto que se fan en Galicia son de nitens. O eucalipto globulus está desaparecendo das novas plantacións forestais porque o propietario elixe maioritariamente o eucalipto nitens. É a mesma situación que se está producindo en grandes produtores mundiais de eucalipto, coma Chile. Galicia pasará en poucos anos de ser unha potencia en eucalipto globulus a unha potencia en eucalipto nitens, que é a árbore estrela das plantacións forestais.
“O 90% das plantacións de eucalipto que se fan en Galicia son de nitens. O globulus está en franco retroceso”
A cuestión de fondo é que, a nivel mundial, atopámonos con que o cambio climático ten un dobre impacto sobre as plantacións forestais. Hai un aumento de temperaturas, con maiores periodos de seca, e está aumentando a aparición de pragas que reducen a produtividade das plantacións. Fronte a ese escenario, é precisa a selección de novas especies e procedencias que se adapten a eses cambios. En Galicia, o eucalipto nitens responde a ese desafío. Presenta maior resistencia a secas estivais e é máis resistente ás pragas.
– Que produtividades medias acada o nitens, en comparación co globulus?
– O nitens produce o dobre de toneladas por hectárea que o globulus. É certo que as industrias pagan de media uns 6 euros menos por tonelada polo eucalipto nitens, xa que ten menos celulosa que o eucalipto globulus, pero a rendibilidade do nitens para o propietario é clara. Os ingresos por hectárea co nitens son un 60% superiores ó eucalipto globulus. En beneficio neto, falamos case do dobre.
“É unha cuestión de produtividade e de rentabilidade. O nitens produce o dobre por hectárea e proporciónalle maiores ingresos ó propietario”
– Ence advertira hai tres anos de que prefería o eucalipto globulus, antes que o nitens, pero todo apunta a que se está adaptando ó novo escenario. Que perspectivas hai para as compras das distintas industrias do papel?
– Tanto Ence como as papeleiras portuguesas estanse adaptando. En ámbolos casos, máis do 30% da madeira que mercan é xa de eucalipto nitens. Cómpre lembrar que nun inicio, Ence traballaba con piñeiro e xa tivo que adaptarse no seu día ó eucalipto globulus. Agora está preparándose para traballar con eucalipto nitens, coma xa fixeron as industrias de países coma Australia, que manteñen co nitens rendibilidades moi semellantes ás que lograban co eucalipto globulus.
Outra cuestión a ter en conta é que, sen dúbida, iniciaranse proxectos de I+D para a utilización do eucalipto nitens na industria da madeira. Xa existen experiencias en Galicia de ‘desenrrollo’ de eucalipto nitens de 7 anos para chapa. Por tanto, non será unha madeira con destino só para as empresas de celulosa.
– Que retos de mellora xenética ten nos próximos anos o eucalipto nitens?
– En mellora xenética hai dous retos claros, continuar incrementando a produtividade das plantacións, tanto en crecemento como en densidade da madeira, e mellorar a resistencia fronte ás pragas e ó cambio climático.
“Os retos de mellora xenética céntranse en continuar incrementando a produtividade e a resistencia frente a pragas e cambio climático”
En produtividade, en Viveros Mañente desenvolvimos unha planta de nitens con mellora xenética, a ‘Max-10’, que acada un crecemento un 30% superior a unha planta convencional. En canto a pragas, preocúpanos en especial a ‘Mycosphaerella’, que é un fungo que está defoliando as plantacións xuvenís de eucalipto, tanto as de globulus como as de nitens. Ataca a todas as plantacións de globulus e nas de nitens, aféctalle especialmente ás que están orientadas cara o sur. En zonas de moita humidade, o nitens perde a folla pola ‘Mycosphaerella’.
Levamos oito anos ensaiando novas procedencias de nitens para correxir ese problema e demos cunha planta de eucalipto nitens, á que denominamos ‘Max Verde’, que presenta unha alta resistencia á ‘Mycosphaerella’.
– Veslle posibilidades a desenvolver híbridos de eucalipto globulus e nitens que poidan mellorar aspectos coma a densidade da madeira ou a capacidade de rebrote tras corta?
– Hai posibilidades, pero necesítanse alomenos 15 anos de estudo para valorar o seu desenvolvemento na Cornisa Cantábrica e analizar posteriormente se á industria lle serve esa madeira. En Sudámerica, si se están utilizando híbridos, pero a día de hoxe, na Cornisa Cantábrica non hai ensaios en marcha.
“O propietario debe concienciarse de que é fundamental coidar o desbroce e o abonado nos dous primeiros anos dunha plantación”
– En canto ás plantacións en monte, que cuestións detectas que habería que mellorar en Galicia?
– En primeiro lugar, hai que destacar que o que nos diferencia doutras zonas e o que permite que o eucalipto se desenvolva tan ben na Cornisa Cantábrica é a auga. Pero aínda con estas boas condicións, durante os dous primeiros anos dunha plantación é fundamental o seu desbroce para eliminar a competencia do mato por auga e nutrintes.
Outra cuestión a ter en conta é o coidado do ciclo de nutrintes. Despois dunha corta, a biomasa dos restos de corta débese triturar e manter na parcela, xa que serve de abono para o seguinte ciclo de plantación. Tamén é importante abonar no intre da plantación e reabonar no primeiro ou no segundo ano.
– Veslle posibilidades de futuro ó piñeiro en Galicia ou en zonas aptas para o nitens, boa parte dos piñeirais están condeados a ser sustituídas por eucalipto?
– Na actualidade, as plantacións de piñeiro están sustituíndose por eucalipto nitens alí onde o nitens se desenvolve ben. O que pase no futuro dependerá da rentabilidade do piñeiro. O propietario escolleu eucalipto nitens por rentabilidade, non é que lle guste máis que o piñeiro. No momento en que o piñeiro recupere rentabilidade, o propietario estará disposto a plantalo.
“O propietario escolleu eucalipto nitens pola súa rentabilidade, non porque lle guste máis que o piñeiro. Se logramos que o piñeiro sexa rentable, terá futuro”
Fai pouco, Viveros Mañente sumouse a un proxecto para relanzar o piñeiro. O obxectivo é que se avance na súa mellora xenética e na súa utilización pola industria, de cara a obter mellores prezos para os propietarios pola madeira de calidade. O futuro do piñeiro dependerá do éxito que teñamos con este proxecto.
– Nos últimos meses, Ence está a desenvolver unha campaña agresiva de agasallo de plantas de eucalipto a aqueles propietarios que lle venden a madeira. Que opinades?
– O bo nunca se regala.