Galicia contará este ano cun informe sobre os prezos e a mobilidade da terra

A conselleira do Medio Rural presidiu este venres a primeira reunión do Comité de Seguimento do Observatorio de Mobilidade de Terras que está a impulsar estes procesos

Galicia contará este ano cun informe sobre os prezos e a mobilidade da terra

Reunión este venres do Comité de Seguimento do Observatorio de Mobilidade de Terras

Galicia contará cara o mes de outubro cun informe anual sobre a evolución dos prezos e da compra venda de parcelas agrícolas en Galicia, co obxectivo de introducir maior transparencia no mercado de terras e axudar á Administración a tomar decisións que freen o abandono de Superficie Agraria Útil (Sau).

Esta información será elaborada polo Observatorio de Mobilidade de Terras, un organismo creado recentemente e que é froito dun convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Fundación Juana de Vega e a Xunta de Galicia.

O plan de traballo definiuse este venres na primeira reunión do Comité de Seguimento do Observatorio de Mobilidade de Terras, unha xuntanza que estivo presidida pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. A conselleira salientou que o principal obxectivo é mellorar a base territorial das explotacións agrogandeiras para incrementar a súa competitividade e evitar, ao tempo, o abandono de terras en Galicia.

Neste sentido, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, salientou que o feito de coñecer os prezos e a evolución da compravenda de terras en Galicia “servirá de axuda ás Administración públicas á hora de tomar decisións que incentiven a mobilidade de terras, pero tamén dotará de maior transparencia ao mercado, ao permitir coñecer cales son os prezos medios da terra e o dinamismo da compravenda en cada concello”.

O primeiro informe, relativo ao ano 2016, prevese que se publique cara o mes de outubro.

O traballo do Observatorio de Mobilidade de Terras é pioneiro a nivel da Unión Europea

José Manuel Andrade tamén destaca que coa creación deste observatorio “Galicia é pioneira a nivel europeo nas recomendacións do Parlamento da Unión Europea, que o 30 de marzo deste ano instou á Comisión a crear observatorios de mobilidade de terras”, para facilitar o acceso á terra e evitar que esta se concentre en poucas mans.

O traballo do Observatorio dá continuidade ao proxecto “Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial” levado a cabo nos anos 2013 e 2014 entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (Laborate) da USC e que sentou as bases deste observatorio. Agora os expertos contarán con máis datos grazas ao intercambio de información entre os datos procedentes da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Axencia Tributaria de Galicia, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e o Instituto de Estudios do Territorio (IET).

En Galicia hai unhas 114.000 hectáreas abandonadas de terras con boa aptitude agraria

Neste senso, dende a Consellería do Medio Rural lembran que en Galicia hai arredor de 114.000 hectáreas de terra con boa aptitude agraria para ser postas en produción, e desas arredor de 46.000 son da mellor calidade.

Neste sentido, a finalidade principal deste observatorio é facilitar o movemento de predios, posto que as explotacións buscan parcelas con bos accesos e tamaños e que se localicen nun radio relativamente próximo, para reducir os seus custos de produción e incrementar a súa competitividade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información