Galicia contará cun novo ciclo formativo en agroecoloxía para o próximo curso

Galicia contará cun novo ciclo formativo en agroecoloxía para o próximo curso

O Consello da Xunta avaliou este xoves un informe da Consellería do Medio Rural sobre o novo ciclo formativo de grao medio de técnico en produción agroecolóxica que comezará a impartirse o próximo curso 2019/20 a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

En concreto, esta nova oferta formativa implantarase en dous centros de formación e experimentación agraria (CFEA): no de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, e no Pedro Murias de Ribadeo (Lugo).

Este ciclo permitirá ás persoas que o cursen incrementar as súas posibilidades de emprego traballando no ámbito da produción ecolóxica nos sectores hortícola, frutícola, gandeiro, de produción de planta, xardinaría, etc.

Estes oferta formativa, que se enmarca no futuro Plan estratéxico de formación que esta axencia pretende desenvolver nos próximos anos, vai destinada tanto a persoas mozas que desexen incorporarse ao sector como a persoas adultas activas ou desempregadas que queiran actualizar os seus coñecementos, proporcionándolles neste caso unha oferta formativa flexible e adaptada que permita conciliar con maior facilidade a vida familiar e laboral e a aprendizaxe. Dáse así resposta á demanda de actualización de medios e coñecementos derivada do crecemento do sector da agricultura ecolóxica en Galicia.

Adaptado aos traballadores

O ciclo, que terá unha duración de 2.000 horas lectivas, impartirase en modalidade ordinaria no CFEA Pedro Murias, con dous anos de duración. Ademais, haberá tamén unha oferta polo réxime de persoas adultas no CFEA de Sergude, co obxectivo de que tamén poidan recibir clases aquelas persoas xa incorporadas ao mundo laboral. Así, facilitaráselles o acceso a este título completo (en tres anos) ou simplemente a parte das asignaturas (módulos), coas cales acadarán diplomas acreditativos habilitantes.

Os alumnos que rematen o ciclo formativo estarán en disposición de realizaren as actividades axeitadas para a obtención de produtos agropecuarios ecolóxicos con técnicas agrícolas e gandeiras que mellorarán a biodiversidade, a estabilidade do medio e a fertilidade do solo en condicións de calidade, aplicando as regulamentacións da produción ecolóxica, de benestar animal, de prevención de riscos laborais e de protección ambiental. Isto permitirá que os alumnos poidan traballar tanto en empresas dedicadas ao cultivo como á produción gandeira ecolóxica, por conta propia ou allea.

Dentro da produción agroecolóxica intégranse todo tipo de sectores: explotacións frutícolas, hortícolas e de cultivos herbáceos ecolóxicos; explotacións pecuarias ecolóxicas; empresas de produción de plantas para xardinaría ecolóxica; institucións de investigación e experimentación en cultivos e en produción gandeira ecolóxica; empresas de servizo á agricultura e á gandaría ecolóxica; viveiros e hortas escolares; empresas de certificación de produtos ecolóxicos; granxas-escola e aulas de natureza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información