Galicia consolida o crecemento das plantacións de piñeiro, a maioría con material con mellora xenética

A comercialización de planta con mellora xenética supera por primeira vez á planta convencional, cun 51,5 % do total. O Grupo Operativo Piña continúa a avanzar nesta liña coa instalación de novos campos de pés nai de piñeiro radiata

Galicia consolida o crecemento das plantacións de piñeiro, a maioría con material con mellora xenética

Reunión do Padroado da Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea do piñeiro en Galicia.

As plantacións de piñeiro manteñen a tendencia á alza dos últimos anos. No 2023, as superficies plantadas ou rexeneradas de xeito natural con piñeiros estímanse en 5.761 hectáreas, un 20% máis que no ano anterior, cando foran 4.832 hectáreas.

A recuperación do protagonismo do piñeiro nas plantacións forestais acompáñase ademais dunha aposta pola mellora xenética. Por primeira vez, a planta de piñeiro con mellora xenética producida e comercializada polos viveiros galegos superou á planta convencional, das categorías xenéticas inferiores, segundo os datos que vén de difundir a Fundación Arume.

Así, no 2023, comercializáronse un total de 7,2 millóns de plantas de piñeiro, das que 3.709.000 corresponderon ós materiais con mellora xenética (categorías cualificada e controlada) e 3.491.000 ós materiais das categorías xenéticas inferiores (identificada e seleccionada). En porcentaxes, un 51,5 % da planta incorporou mellora xenética, cando no 2019 representaba menos dun 7 % da planta producida.

Está a ser decisivo, neste sentido, o programa de reprodución vexetativa de planta mellorada que impulsou a Fundación Arume en colaboración coa Consellería do Medio Rural (Axencia Galega de Calidade Alimentaria) e con cinco viveiros forestais galegos.

Nos últimos anos, a Fundación Arume impulsou a instalación de campos de pés nai de ‘Pinus pinaster’, para a multiplicación da planta mellorada. Esa liña de traballo está a fortalecerse por medio do Grupo Operativo Piña, un proxecto co que, ademais de continuar cos campos de pés nai de piñeiro do país, se iniciou este ano a instalación de campos de pés nai de piñeiro radiata, a outra conífera con gran presenza no monte galego.

O obxectivo a curto prazo do Grupo Operativo Piña é lograr 5 millóns de plantas de piñeiro con mellora xenética comercializadas cada ano.

Os campos de pés nai de piñeiro radiata oriéntanse á obtención de material controlado, que é a categoría superior de mellora xenética e correspóndese con planta que foi sometida a ensaios comparativos que garanten unha mellora en crecemento e calidade, en relación á planta das categorías xenéticas inferiores (identificada e seleccionada). A planta con etiqueta cualificada, pola súa banda, é aquela que procede de horto sementeiros con individuos seleccionados por cumprir uns requisitos a nivel fenotípico; e tamén garante un rendemento superior ás categorías xenéticas inferiores.

O Grupo Operativo Piña está financiado por Agacal, con aportación económica de Fondos Feader, e conta coas seguintes entidades socias: Fundación Arume, Viveiro Costa de Lóngaras SLU, Hifas Foresta, Viveiros San Mamede SL, Asociación Forestal de Galicia-AFG, Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal (Xunta de Galicia), Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Grupo Tragsa e Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile.

Os datos 2023 de plantacións, aportados pola Consellería do Medio Rural, veñen de revisarse na reunión do Patroado da Fundación Arume, celebrada hoxe coincidindo co inicio da feira Galiforest.

Contexto
O aumento de prezos da madeira de piñeiro a partir do 2021, que chegou a ser de ata un 40-50% en madeira de calidade, fixo que as coníferas incrementasen atractivo para o propietario forestal. A recuperación do mercado de piñeiro chegou ademais para quedarse, pois as perspectivas internacionais apuntan a unha demanda crecente e estable ao longo das próximas décadas para a madeira de coníferas, no marco da bioeconomía e dos novos usos da madeira.

É de destacar tamén que a creación da Fundación Arume supuxo un salto para as coníferas na comunidade, pois pasouse de anos que estaban por debaixo das 400 hectáreas plantadas (2016 e 2017) ou lixeiramente por riba (419 hectáreas no 2018) ás cifras dos últimos anos, cunha media superior ás 4.500 hectáreas anuais nos últimos cinco anos. O 2023, ademais, volve presentar as mellores cifras da serie histórica dos últimos 15 anos.

Medio Rural destaca a elaboración do plan de fomento das masas de coníferas

Clausura do Padroado pola conselleira do Medio Rural.

Clausura do Padroado pola conselleira do Medio Rural.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou este mediodía na clausura do Padroado da Fundación Arume, onde puxo en valor a importancia do piñeiro galego, “unha das árbores que nos caracterizan”. Durante a súa intervención, avanzou que se está a formular o Plan estratéxico de fomento e xestión das masas de coníferas, en colaboración coas universidades de Santiago e Vigo.

A titular de Medio Rural explicou que este plan nace co fin de promover a xestión sostible das coníferas, considerando aspectos económicos, ambientais e de sustentabilidade social e recalcou que “grazas a traballos coma estes poderemos seguir afondando na posta en valor desta especie”.

Neste acto, celebrado no Centro de Interpretación do Pico Sacro, no concello coruñés de Boqueixón, tamén recoñeceu o labor levado a cabo por esta fundación, cuxo fin está centrado en fomentar o desenvolvemento do piñeiro en Galicia, a través de obxectivos como a potenciación da presenza de coníferas en cantidade e calidade, o fomento da bioeconomía ou a aposta pola innovación e o emprendemento no rural como eixes para impulsar a mellora de toda a cadea de valor do piñeiro.

María José Gómez lembrou que Galicia é referente no sector forestal e afirmou que o 50% da madeira que se corta en España procede da nosa comunidade e que a riqueza dos nosos bosques está cifrada en 43.000 millóns de euros, dos cales o 20% corresponden a coníferas como o piñeiro”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información