Galicia confía en que “nun par de anos” o seu sector porcino traballe sen antibióticos e sexa líder en benestar animal

Entrevista a Abelardo López, presidente da Asociación Galega de Veterinarios de Porcino (Agavepor). Avanza que “vaise a eliminar totalmente a práctica do raboteo e se xa fala de manexar porcas en partos sen xaula”

Galicia confía en que “nun par de anos” o seu sector porcino traballe sen antibióticos e sexa líder en benestar animal

Abelardo López, presidente da Asociación Galega de Veterinarios de Porcino (Agavepor)

O sector porcino galego confía en que “nun par de anos (….) todas as explotacións de porcino teñan xa un plan de traballo sen antibióticos”, restrinxindo o seu uso soamente naqueles animais que enfermaron e de forma individual.

Así o destaca nesta entrevista Abelardo López, presidente da Asociación Galega de Veterinarios de Porcino (Agavepor). Ademais de ser pioneiros en España na redución do uso de antibióticos en porcino, para colaborar na loita contra as bacterias resistentes, destaca tamén que outro obxectivo é seguir liderando a mellora en benestar animal, con medidas como máis espazo por animal ou implementar mellores “xoguetes” aos bacoriños en destete, co fin de eliminar totalmente a práctica do raboteo.

Como e cando xorde esta iniciativa?
A actual problemática que se está desenvolvendo na sociedade con motivo do aumento das resistencias microbianas aos antibióticos, leva á Axencia Española do Medicamento a reunir en Madrid, en setembro de 2016 a todas as asociacións de veterinarios de porcino de España, co fin de presentarlles un plan de redución de uso de colistina en porcino, que se faría de forma voluntaria entre os produtores de porcino de España. En Galicia, é Agavepor a encargada de recoller a invitación da Axencia, e trasladala a todos os socios veterinarios, de maneira que cada un deles transmitise dita inquietude aos donos das explotacións, co fin de lograr a adhesión voluntaria ao programa de redución de uso.

Que tipos de antibióticos están a reducirse en Galicia e en que medida?
Desta maneira, desde a data mencionada, puxéronse en marcha programas de concienciación, que deron lugar, na práctica, á total erradicación do uso da colistina en produción porcina, e promoven a redución doutros antibióticos, como a apramicina ou a neomicina na produción, substituíndo este tipo de antibióticos por boas prácticas de bioseguridade e prevención, e polo uso de produtos naturais que eviten o uso de antibióticos nas explotacións.

Como estamos fronte á media española?
Durante o ano 2017 houbo unha diminución significativa do uso da colistina en toda España, sendo Galicia unha das primeiras en reducir de forma moi significativa dito uso.

Que tratamentos alternativos se están a aplicar?
Para poder facer unha redución de antibióticos efectiva, debemos de pór en marcha un programa de boas prácticas gandeiras, que inclúan un programa de bioseguridade interno e externo moi exhaustivo, de maneira que non se deixen entrar xermes nas explotacións, e no caso de que os houbese, que non sexan capaces de propagarse polo interior. Isto vai asociado a un programa completo de uso de vacinas, tanto en porcas como en bacoriños e cebo, e uso de nutracéuticos, acidificantes, pre e probióticos, etc., que nos protexen aos animais do efecto das bacterias e virus patóxenos.

“O obxectivo é eliminar o uso metafiláctico dos antibióticos en porcino”

Cales son os obxectivos aos que se quere chegar e en que prazo?
O obxectivo que se quere alcanzar, é o de utilizar os antibióticos soamente naqueles animais que enfermaron, de forma individual, nunca colectivo, e por tanto eliminar o uso metafiláctico dos antibióticos. Cada explotación deberá de adecuar o seu manexo ás novas condicións de traballo, e é de esperar que nun par de anos, todas as explotacións de porcino teñan xa un plan de traballo sen antibióticos.

Está a reducirse o crecemento dos porcos e a rendibilidade das granxas debido a esta redución no uso de antibióticos?
Un bo programa de eliminación de antibióticos, lévanos, indefectiblemente a producir animais moi sans, de maneira que non necesitemos o uso terapéutico dos antibióticos. Desta maneira, os animais poden expresar todo o seu potencial produtivo, e por iso os custos de produción dun quilo de carne, non soamente custan o mesmo que producindo con antibióticos, senón que é posible abaratalos, como consecuencia do dito aumento de saúde.

“O aumento de custos virá máis pola necesidade de remodelar as instalacións”

Porén, cada granxa ten as súas particularidades, e deben de ser adaptadas ás diferentes solucións. É posible que o maior custo poida vir da necesidade de remodelar as explotacións, para conseguir un maior benestar animal, dado que as granxas adoitan ter uns anos de antigüidade, e estar calculadas para unha menor produción da actual.

En canto aos pensos medicamentosos, ¿En que casos se están a utilizar e que aplicacións futuras lles augura?
Os pensos medicamentosos son unha das vías utilizadas para tratar animais cando estes están enfermos. Simplemente deberían de ir á baixa, xa que se prefire un uso individual dos animais enfermos, que un uso colectivo. Sen embargo, en problemas infecciosos graves, que afecten a moitos animais, será un método de elección para o tratamento da enfermidade.

Atopámonos en Galicia e en España en estándares de benestar animal na media da UE?
Os nosos granxeiros gastaron moito diñeiro en adaptar as súas explotacións ás condicións expostas polos Reais Decretos que nos indican cales teñen que ser os aloxamentos e o manexo axeitado para o benestar dos animais. Todos eles asistiron a cursos de capacitación para adaptar da mellor maneira posible as súas explotacións, e non cabe dúbida algunha que temos uns niveis de benestar iguais, e en moitos casos, superiores, que nas explotacións da UE.

Cales son as próximas medidas de benestar animal que se teñen previsto implantar?
Sobre todo o de implementar mellores “xoguetes” aos bacoriños en destete, co fin de eliminar totalmente a práctica do raboteo, acompañado dunha mellora xeral das condicións de aloxamento, para evitar que os animais poidan ter episodios de canibalismo. Tamén se está falando de empezar a manexar as porcas en partos, sen gaiola, pero aínda non se previu data para tal manexo.

“Vaise a eliminar totalmente a práctica do raboteo e fálase de manexar porcas en partos sen gaiola”

Programas como o de Salvados cuestionou a cría de porcino en intensivo en España. Que hai de certo nas denuncias deste programa?
Este tipo de programas adoita buscar imaxes impactantes, que o publico en xeral non esta afeito a ver. Os animais que aparecen nas imaxes nunca van chegar ao consumo, xa que son eliminados na propia granxa ou nos matadoiros. Hai que pensar que un animal enfermo é un custo para o produtor, de maneira que se hai algún na explotación, o propio granxeiro é o primeiro que esta disposto a tratalo canto antes, ou a eliminalo, no caso de que non sexa posible a súa recuperación.

Outra cousa son problemas clínicos, como as hernias, que non teñen ningún significado patolóxico, o animal desenvólvese perfectamente, dentro dun ambiente san, e pode ser sacrificado para consumo sen problema algún. En xeral, as explotacións non teñen animais enfermos, e en todo caso para iso están as enfermarías, onde se colocan estes animais e pódense tratar de forma individual. A miña opinión é que este programa deu unha versión moi sesgada e para nada fiel do que é unha explotación de porcino.

“O programa de Salvados a dado unha versión moi sesgada do que é unha granxa de porcino”

Algo máis que queiras engadir?
Que na actual conxuntura, todos os que formamos parte da produción porcina, estamos a desenvolver programas de saúde, co fin de entregar animais máis sans, e menos tratados ao longo da súa vida, co fin de combater os problemas de resistencias que tanto están a dar que falar á opinión pública, e que no momento actual, a carne de porco é un produto san, libre de residuos, e criado baixo estándares moi altos de benestar animal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información