Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria pídenlle ao Goberno que faga cumprir a Lei de Cadea Alimentaria no vacún de leite e de carne

Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria pídenlle ao Goberno que faga cumprir a Lei de Cadea Alimentaria no vacún de leite e de carne

Reunión dos directores xerais de gandaría de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse esta semana cos seus homólogos de Castela e León, Asturias e Cantabria para abordar diferentes cuestións que afectan principalmente ao sector vacún de leite e ao de carne e buscar solucións conxuntas que cimenten e consoliden o equilibrio na cadea de valor, ante a actual crise de prezos agravada polo incremento dos custos de produción.

En primeiro lugar, no relativo ao lácteo, José Balseiros expuxo ao resto dos asistentes o funcionamento da ferramenta informática Conta Láctea, posta en marcha pola Consellería do Medio Rural conxuntamente coa Fundación Juana de Vega dentro da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego. Segundo destacou, a aplicación nace coa finalidade de facilitarlles a xestión empresarial aos gandeiros de leite galegos, permitíndolles coñecer os seus custos de produción e, ao tempo, mellorando a súa posición negociadora coas industrias.

Pola súa parte, o director xeral de Castela e León explicou o funcionamento da medida posta en marcha por esa comunidade coa mesma finalidade, denominada Red de Explotaciones de Vacuno de Leche de Castilla y León. Esta ferramenta implantouse para realizar análises que facilitan aos gandeiros desa rexión a xestión financeira das súas explotacións e, polo tanto, tamén a toma de decisións técnico-económicas unha vez que por parte de técnicos independentes se teña realizado a monitorización da situación económica da súa actividade gandeira.

Deste xeito, no encontro constatouse que tanto Conta Láctea como a Red de Explotaciones de Vacuno de Leche de Castilla y León permiten o cálculo dos custos de produción necesario para incluír nos contratos lácteos e para dar cumprimento á Lei da Cadea Alimentaria, que obriga a cada operador a pagar ao axente inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo de produción do produto que se trate. Nesa liña, os asistentes á reunión consideraron oportuno reiterarlle ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación -como xa fixera a Xunta- a petición de que modifique o texto da Lei da Cadea Alimentaria, para darlle cabida ao uso de aplicacións ou plataformas informáticas debidamente acreditadas e deseñadas para este fin, como é o caso da promovida polo Goberno galego.

Así mesmo, acordouse solicitar ao Ministerio que redacte unha norma que regule a estrutura e datos mínimos que teñen que conter estas aplicacións, co fin de que poidan ser usadas para o cálculo dos custos de produción e dar así a debida seguridade xurídica aos produtores na sinatura dos contratos ante a industria láctea.

Galicia e as comunidades da Cornixa Cantábrica representn entre todas o 66% da produción nacional láctea con 4,9 millóns de toneladas producidas do total de 7,4 millóns de toneladas que se produciron en España en 2021.

Sector da carne

A maiores, tamén se analizou a situación do sector vacún de carne, afectado polo peche da canle Horeca ao comezo da emerxencia sanitaria que provocou unha caída de prezos e, actualmente, inmerso nunha suba dos custos de produción que afecta por igual a todos os sectores gandeiros.

Nesa liña, tamén se acordou dirixirse ao Ministerio para que, á súa vez, traslade á Comisión Europea, a situación de desvantaxe na que se encontran os produtores de vacún de carne españois ante a entrada de carne e produtos cárnicos de países terceiros. Así, os directores xerais coincidiron en que os gandeiros españois -que producen cos máis elevados criterios e esixencias de benestar animal- se están a ver lastrados ante a entrada do exterior destes produtos.

Pola súa banda, o director xeral da Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias explicoulles aos seus homólogos que a Xunta está a traballar na elaboración da Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia, para impulsar a produción e o consumo no seo deste eido fundamental do noso agro.

Por último, na xuntanza mantida esta semana tamén se estudou a posibilidade de adoptar as aplicacións expostas para o leite de vaca a outro tipo de producións como pode ser o vacún de carne.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información